Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

26/07/2021

DAR 21-27: unha nova oportunidade para o desenvolvemento rexional

5391F_1630315156_DAR_21-27__Foto-_Comisio__n_Europea.jpg Ver máis...

  • As DAR 21-27 entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2022 e aplicaranse ata finais de 2027, cunha revisión intermedia prevista para 2023.
  • Tratase do primeiro conxunto de normas revisadas que sae á luz no eido das axudas estatais para cumprir cos obxectivos establecidos no Pacto Verde Europeo e as novas Estratexia Industrial e Estratexia Dixital europeas.

  • Polo de agora, son aplicables as DAR 14-20, que a Comisión Europea prorrogou ata finais de 2021 para aportar seguridade xurídica.

  • As novas DAR aportan certas novidades, como a creación dun réxime específico de transición xusta ou o incremento das intensidades das axudas.

  • Os Estados membros terán agora que redactar un mapa único de axudas rexionais aplicable dende o 1 de xaneiro de 2022 ata o 31 de decembro de 2027.

  • O mapa deberá ser notificado á Comisión Europea e aprobado por esta, para ser finalmente publicado no DOUE como parte integrante das DAR.

Bruxelas, 23 de xullo de 2021- A Comisión Europea vén de adoptar as súas Directrices sobre axudas estatais de finalidade rexional (DAR) 21-27, que os Estados membros deben ter en conta no momento de conceder axudas de Estado a empresas, coa finalidade de apoiar o desenvolvemento económico das rexións máis desfavorecidas da UE.

As axudas rexionais configúranse como unha ferramenta imprescindible para aliviar as dificultades das rexións con problemas económicos inherentes, así como para mitigar as consecuencias adversas da asignación desigual de recursos derivada da integración do mercado, e máis concretamente, o desequilibrio estrutural entre certas rexións en termos de despoboamento, distribución de ingresos e desemprego.


TIPOS DE AXUDA E CONDICIÓNS DE CONCESIÓN

1.    Mapas de axudas rexionais

1.a) Zonas e mapas

  • Zonas “a”: as axudas están destinadas a favorecer o desenvolvemento económico das rexións nas que o nivel de vida é moi baixo ou onde existe un subemprego grave, segundo o establecido no artigo 107.3.a) TFUE. Serán zonas “a”:
    • Aquelas cun PIB per cápita inferior ou igual ó 75% da media da UE-27.
    • As rexións ultraperiféricas.
  • Zonas “c”: as axudas están destinadas a favorecer o desenvolvemento de determinadas rexións ou actividades económicas, sempre que non afecten indebidamente ó comercio e á competencia, segundo o establecido no artigo 107.3.c) TFUE. Existen dous tipos:
    •  Zonas “c” predeterminadas:
      • Rexións que foron designadas zonas “a” durante o período 2017-2020 máis agora xa non compren os requisitos para selo.
      • Rexións con baixa densidade de poboación (rexións NUTS 2 con menos de 8 habitantes por km² ou NUTS 3 con menos de 12,5 habitantes por km²).
    • Zonas “c” non predeterminadas: resto de zonas designadas polos Estados membros ata unha cobertura máxima previamente definida e tendo en conta determinados criterios establecidos nas DAR.

Nos anexos I e II das Directrices veñen definidas as zonas “a” e as zonas “c” predeterminadas, que deberán ser sinaladas como tal nos mapas de axudas rexionais, que serán completados coas zonas “c” non predeterminadas, designadas polos Estados membros. Estes tamén deberan especificar as intensidades máximas de axudas.

O mapa de axudas rexionais deberá ser notificado á Comisión Europea e aprobado por esta antes de que poida concederse axuda rexional ás empresas situadas nas zonas designadas.

1.b) Cobertura de poboación

A cobertura máxima global das zonas “a” e “c” fíxase nun 48% da poboación da UE-27, o que implica un incremento dun punto porcentual con respecto ás DAR 14-20, dada a retirada do Reino Unido da UE.

1.c) Axudas a grandes empresas

A as intensidades máximas de axudas foron incrementadas con respecto ás DAR 14-20, que nas zonas “c”, só  contemplaban tres supostos: o 15%  en zonas con moi baixa densidade de poboación, o 10% en antigas zonas “a” e o 10% en zonas “c” non predeterminadas (ver esquema)

Ademais:

  • «Se unha zona “c” é adxacente a unha zona “a”, as intensidades máximas de axudas (...) poderán incrementarse se é preciso de maneira que a diferencia na intensidade de axuda entre as dúas zonas non supere os 15 puntos porcentuais»
  • As intensidades máximas de axudas poderán incrementarse, nas zonas “c”, en 5 puntos porcentuais, se sufriron perdas de poboación de máis do 10% durante o período 2009-2018.

  • As intensidades máximas de axuda poderán incrementarse en ata 20 puntos porcentuais para as pequenas empresas ou en ata 10 puntos porcentuais para as medianas empresas. Porén, as intensidades de axudas incrementadas non se aplicarán ás axudas para grandes proxectos de investimento ou “investimentos iniciais nos que os gastos subvencionables superan os 50 millóns de euros

 2.    Ámbito de aplicación

O marco das axudas rexionais, aplicable tanto ós réximes de axudas de finalidade rexional como ás axudas individuais notificables, está aberto a todos os sectores excepto ás exclusións establecidas nas DAR:

  • O sector do aceiro ou a produción de carbón e lignito.

  • O ámbito da pesca e a acuicultura, a agricultura (excepto o procesamento e comercialización de produtos agrícolas), o transporte, o sector enerxético e a banda ancha, suxeitos xa a directrices sectoriais.

  • As empresas en crise, que tamén contan con directrices propias.

  • Actividades financeiras e de seguros así como os servizos de consultoría empresarial.

Ademais:

  • As axudas a grandes empresas nas zonas “c” só poderán concederse para investimentos iniciais que creen novas actividades económicas na zona asistida. Porén, se a zona “c” tamén é considerada zona de transición xusta, poderá conceder axudas a grandes empresas en circunstancias similares ás zonas “a”, sempre que se produzan unha serie de circunstancias acumulativas. (ver punto 5)

  • As axudas de funcionamento (destinadas a cubrir os gastos correntes dunha empresa) estarán permitidas se pode demostrarse que son precisas para o desenvolvemento da zona. Así, por exemplo:

    • Se teñen por obxecto reducir determinadas dificultades específicas que afrontan as pemes das zonas “a”.

    • Se compensan os custos adicionais dunha actividade económica en rexións ultraperiféricas.

    • Se están destinadas a reducir o despoboamento en zonas pouco ou moi pouco poboadas.

3.    Notificación

3.a) Axudas notificables

Como norma xeral, as axudas de finalidade rexional deberán ser notificadas á Comisión Europea, excepto se compren as condicións establecidas no Regulamento Xeral de Exención por Categorías, que tamén se revisará a este respecto e que foi prorrogado ata finais de 2023. Porén, na práctica, a maioría das axudas cubertas polas DAR deberían estar exentas, tendo a Comisión que autorizar formalmente só aquelas axudas que superen determinados límites.

3.b) Análise da compatibilidade

A Comisión Europea só considerará que unha axuda de finalidade rexional é compatible co artigo 107.3 TFUE se contribúe ó desenvolvemento rexional e á cohesión. O seu obxectivo debe ser favorecer o desenvolvemento económico das zonas “a” ou facilitar o desenvolvemento das zonas “c”, cumprindo, ademais, con cada un dos seguintes criterios: 

Efecto incentivador: a axuda ten que que modificar o comportamento das empresas afectadas de tal xeito que emprendan unha actividade adicional que non desenvolverían sen a axuda ou que emprenderían dun xeito restrinxido, diferente, ou noutro lugar.

  • Necesidade de intervención do Estado: a axuda debe adoptarse para facer fronte a unha situación na que poida supoñer unha mellora importante que o mercado non sexa capaz de lograr por si mesmo.

  • Idoneidade: a axuda proposta debe ser un instrumento axeitado para lograr o seu obxectivo.

  • Proporcionalidade: o importe da axuda debe limitarse ó mínimo necesario para estimular o investimento adicional ou a actividade na rexión da que se trate.

  • Evitar efectos negativos indebidos sobre a competencia e o comercio: os efectos negativos da axuda na competencia e no comercio deben verse compensados polos efectos positivos.

  • Transparencia: os Estados membros, a Comisión Europea, os operadores económicos e o público en xeral deben ter fácil acceso a todos os actos e información pertinentes sobre a axuda concedida.

4.    Custos subvencionables

4.a) Axudas ó investimento

Serán considerados custos subvencionables:

  •  Os custos de investimento en activos
    • Materiais.
    • Inmateriais (só o 50% no suposto das grandes empresas e un 100% no caso das pemes)

  • Os custos salariais (durante dous anos), dos empregos creados a partir dun investimento inicial.
  • A combinación dos custos de investimento e os salariais, mais sen exceder ningunha dos dous importes.
  • No caso das pemes, o 50% dos custos dos estudos preparatorios.

4.b) Axudas de funcionamento

Os custos subvencionables deben estar predefinidos e ser totalmente atribuíbles ós problemas que se pretenden solucionar coa axuda, o que debe ser demostrado polo Estado membro.

5.    Rexime de transición xusta

A transición verde carrea consecuencias sociais e económicas que deben ser mitigadas, polo que xa se están creando diferentes instrumentos europeos que garantirán que “ninguén se quede atrás”, como o Fondo de Transición Xusta (FTX), no que a provincia de A Coruña xa foi identificada como área beneficiaria debido ó peche das centrais térmicas de As Pontes e Meirama.

Tal e como sinalan as DAR 21-27, “nos territorios máis afectados pola transición climática, as vantaxes estruturais das que dispoñen as grandes empresas poderían non ser suficientes para acadar o nivel de investimento vital que garanta unha transición socioeconómica equilibrada e ofrecer suficientes oportunidades de emprego para compensar as perdas de postos de traballo derivadas do peche de actividades económicas provocado pola transición” Debido a isto, nas zonas “c” poderán considerarse tamén compatibles co mercado interior as axudas rexionais a grandes empresas que impliquen:

  •  A diversificación da produción dun establecemento a produtos que anteriormente non se producían no establecemento (ver esquema)
  • Un cambio fundamental no proceso xeral de produción do produto ou produtos afectados polo investimento no establecemento (ver esquema)

Sempre que se cumpran as seguintes tres condicións de maneira acumulativa:

  •  Debe tratarse dun investimento inicial nun territorio designado de transición xusta nunha zona “c” cun PIB per cápita inferior ó 100% da media da UE-27.
  • O investimento e o beneficiario teñen que estar designados no Plan Territorial de Transición Xusta, no que debe demostrarse que os investimentos nestas empresas son precisos para compensar a perda de postos de traballo debida á transición, non podendo compensarse coa creación de emprego nas pemes.
  • A axuda estatal para o investimento ten que estar cuberta polo Fondo de Transición Xusta ata o máximo permitido. No suposto galego, isto implicaría unha intensidade de axuda máxima do 15%.

Esta flexibilización do marco de axudas estatais poderá repercutir na xestión do Fondo de Transición Xusta: o seu orzamento (no que a asignación de España se corresponde con 790 millóns de euros) verase complementado de maneira voluntaria polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) ou polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+), e o cofinanciamento nacional segundo o establecido polas normas da política de cohesión. Neste sentido, moitas rexións poderían valorar a posibilidade de transferir o máximo de diñeiro posible de FEDER e o FSE+ ó FTX, posto que unha vez que os recursos sexan liberados, as regras aplicables serán as deste último.


CONTEXTO

As normas sobre axudas estatais estanse revisando en 2021 tendo en conta os obxectivos do Pacto Verde Europeo e as novas Estratexia Industrial e Estratexia Dixital europeas. As DAR, que entrarán en vigor en 2022 e estarán vixentes ata 2027, configúrase como o primeiro conxunto de normas revisadas que sae á luz  para avanzar neste proceso.

En xuño de 2020, a Comisión Europea puxo en  marcha unha consulta pública acerca do proxecto de revisión das DAR, solicitando as aportacións das partes interesadas ata  finais de setembro. O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) participou sinalando tanto o carácter restritivo das DAR como a diferencia de intensidade das axudas entre Galicia e Portugal, ó tempo que tomaba parte na redacción da posición da Conferencia de Rexións Marítimas e Periféricas (CRPM), presentada para tamén dar  resposta a esta consulta pública.

As consecuencias da revisión das DAR foron abordadas, ademais, polo vicepresidente segundo nun encontro virtual mantido a comezos de decembro de 2020 co director xeral adxunto de Axudas de Estado da Comisión Europea.

 

PRÓXIMOS PASOS

Sobre a base das Directrices revisadas, os Estados membros terán agora que redactar un mapa único de axudas rexionais aplicable dende o 1 de xaneiro de 2022 ata o 31 de decembro de 2027, que deberá ser notificado á Comisión Europea e aprobado por esta, para ser finalmente publicado no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) como parte integrante das DAR.

As DAR 21-27 entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2022 e aplicaranse ata finais de 2027, cunha revisión intermedia prevista para 2023. Ata que chegue ese momento, serán aplicables as DAR 14-20, que a Comisión Europea prorrogou ata finais de 2021 para aportar seguridade xurídica.


INFORMACIÓN ADICIONAL

  • Directrices sobre as axudas estatais de finalidade rexional 21-27
  • Páxina web da Dirección Xeral de Competencia sobre as axudas estatais de finalidade rexional


Imaxes relacionadas


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante