Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

02/08/2019

A Comisión propón unha nova exención para facilitar a combinación de financiamento nacional e financiamento europeo aos Estados membros da UE

A Comisión propón unha revisión do Regulamento xeral de exención por categorías para facilitar a combinación de financiamento nacional e europeo aos EEMM da UE. Fonte: © European Union 2016. Fotógrafo: Etienne Ansotte.jpg
  • O obxectivo desta iniciativa é que os Estados poidan aplicar medidas de axuda estatal dunha maneira máis sinxela e eficaz.
Bruxelas, 2 de agosto de 2019. A finais do xuño pasado lanzouse unha consulta pública sobre a revisión do Regulamento xeral de exención por categorías (RGEC) que debe acompañar ao próximo marco financeiro plurianual (MFP). As modificacións previstas nesta consulta pública cínguense a tres ámbitos concretos, co obxectivo de que os Estados membros da UE poidan aplicar as seguintes medidas de axuda estatal sen notificación previa á Comisión; garantindo así que se apliquen dunha maneira máis simple e eficaz e se facilite ao mesmo tempo a combinación de financiamento nacional e financiamento con cargo ao orzamento da UE:
  • Financiamento nacional asociado a produtos financeiros financiados polo Fondo InvestEU.
  • Proxectos de investigación e desenvolvemento e innovación (I+D+i) que recibisen un Selo de Excelencia no marco dos programas europeos Horizonte 2020 ou Horizonte Europa, así como proxectos de co-financiamento e accións de creación ou modernización de centros de excelencia no marco de Horizonte 2020 ou Horizonte Europa. 
  • Proxectos de Cooperación Territorial Europea (CTE): a actual exención por categorías, que se limita á concesión de axudas ás pemes, amplíase para permitir tamén a concesión de axudas a grandes empresas sen notificación. Ademais, prevese unha exención por categorías simplificada para os importes de axuda moi pequenos concedidos aos proxectos de CTE (ata 20.000 euros por empresa e proxecto).
A iniciativa da Comisión Europea baséase, en gran medida, nas probas e datos recompilados no contexto das propostas da propia Comisión para os actos lexislativos mencionados anteriormente, en combinación coa súa experiencia de mercado e a experiencia derivada da súa práctica casuística. Dada a súa natureza de medida de acompañamento, cunha marxe de discrecionalidade limitada en canto a opcións independentes para a formulación de políticas ou o deseño de parámetros, non se considerou necesario realizar unha avaliación de impacto separada para esta iniciativa.

A consulta está aberta aínda ata o próximo 27 de setembro de 2019. Nesta nota en español explícase con máis detalle o propósito desta iniciativa.

Contexto
Segundo se recolle no artigo 107, apartado 1, do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE), o financiamento público que cumpre as condicións de axuda estatal debe, en xeral, notificarse á Comisión e aprobarse antes da súa aplicación.

Os principios subxacentes nas normas sobre axudas estatais da UE serven para garantir que o gasto público non ocasiona competencia desleal ás empresas que operan no mercado interior da Unión. Máis concretamente, estes principios contribúen a garantir que o diñeiro público non substitúa ao investimento privado, senón que sirva a obxectivos de política xeral e non vaia máis aló dos importes necesarios para alcanzar os devanditos obxectivos. Só cando se consideren limitados os falseamentos da competencia, os Estados membros non estarán obrigados a notificar as axudas estatais á Comisión se as axudas en cuestión cumpren todos os criterios pertinentes establecidos no RGEC.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante