Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

12/05/2021

A UE publica novas directrices sobre prevención de incendios forestais

5332F_1620810056_lukasz-szmigiel-jFCViYFYcus-unsplash.jpg
  • Aínda que as directrices non son vinculantes para os Estados membros, estas ofrecen unha orientación sobre o rumbo que tomará a UE na súa próxima Estratexia Forestal 2030, cuxa adopción se prevé teña lugar antes de verán e que conterá unha serie de normativas que si serán de aplicación obrigatoria por parte das autoridades nacionais
  • Unha peza central da nova normativa forestal será previsiblemente o Regulamento UE sobre o uso da terra e a silvicultura
Bruxelas, 12 de maio de 2021. Coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Bosques, a UE publicou o pasado 21 de marzo un conxunto de novas directrices para facilitar unha mellor prevención e unha maior coordinación entre autoridades nacionais ante a ameaza dos incendios forestais. O compendio actualizado de directrices propón medidas de prevención que poden adoptarse a través da gobernanza, a planificación e a xestión forestal e ofrece exemplos de como os Estados membros poden recibir financiamento da UE para reforzar a súa  resiliencia neste ámbito.

As directrices tamén examinan os factores complexos e interconectados que subxacen ao incremento da frecuencia e intensidade dos lumes e ofrecen un compendio de boas prácticas en materia de xestión de paisaxes e superficies  boscosas. En concreto, o documento establece que a preparación ante os incendios forestais debería levar a cabo mediante a mellora da xestión e a ordenación do territorio. Para mitigar os riscos debe estudarse a ordenación do territorio para asegurar que a estrutura, composición e aproveitamento dos bosques sexan máis resistentes fronte aos lumes. Ademais, sublíñase a necesidade de informar e concienciar aos cidadáns sobre os incendios forestais. A Comisión Europea financia estas medidas de carácter educativo e facilita a cooperación e a coordinación en materia de respostas conxuntas.

Aínda que as directrices non son vinculantes para os Estados membros, estas ofrecen unha orientación sobre o rumbo que tomará a Unión neste sentido na súa próxima Estratexia Forestal de aquí a 2030 no marco do Pacto Verde Europeo, cuxa adopción se prevé teña lugar antes do verán e que conterá unha serie de recomendacións que as autoridades nacionais deberán incorporar nos seus plans nacionais. Unha peza central da nova normativa forestal será previsiblemente o Regulamento UE sobre o uso da terra e a silvicultura, que establece que cada Estado membro debe compensar na súa totalidade as emisións xeradas polo uso da terra por unha absorción equivalente de CO2 atmosférico mediante a adopción de medidas específicas neste sector. Non en balde, o cambio climático prexudica directa e indirectamente aos bosques polos incendios, as secas e as pragas sen precedentes de  perforadores da cortiza. Estímase que os bosques absorben na Unión máis do 10% das emisións de gases de efecto invernadoiro.

A maiores, o Marco Financeiro Plurianual da Unión para o período 2021-2027 e o Instrumento de Recuperación contemplan un reforzo da Capacidade Europea de Resposta a Emerxencias do Mecanismo de Protección Civil da Unión (RescEU) para, entre outros propósitos, fortalecer a coordinación entre os países na loita contra os incendios e vigorizar a reserva común voluntaria de capacidades de resposta fronte a emerxencias para o seu despregamento inmediato.



Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante