Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

11/09/2020

A Comisión Europea solicita información sobre a súa visión a longo prazo para as zonas rurais

5075F_1600073501_agro.jpg

Tendo como obxectivo o desenvolvemento e a prosperidade das zonas rurais, a Comisión Europea abriu unha consulta pública sobre a nova iniciativa a longo prazo para as zonas rurais. As partes interesadas poderán facer chegar as súas respostas dende o 7 de setembro ata o 30 de novembro de 2020.

Bruxelas, 11 de setembro de 2020. Con data do 7 de setembro, a Comisión Europea, lanzou unha consulta pública, a cal estará aberta ata o próximo 30 de novembro de 2020, sobre a nova iniciativa a longo prazo para as zonas rurais. Esta consulta ten por obxectivo reunir opinións sobre as oportunidades e retos actuais nas zonas rurais, as aspiracións das zonas rurais para o ano 2040 e as medidas que serían necesarias para lograr esas aspiracións.

Calquera europeo que poida estar interesado pode participar. Este é o caso do público xeral; das administracións europeas, nacionais, rexionais e locais; das organizacións que representan aos interlocutores sociais, a sociedade civil, aos consumidores e as ONGs ocupadas particularmente das zonas rurais; aos interesados do sector privado, e as institucións e organizacións de educación e formación. Con isto, a Comisión quere garantir unha consulta ampla e invita a todos os interesados no futuro das zonas rurais e aos seus habitantes a compartir as súas opinións.

Esta consulta parte do compromiso da UE para o desenvolvemento dunha visión a longo prazo para as zonas rurais e, para iso, é preciso avaliar como é a vida nas zonas rurais de Europa e trazar un mapa do que é clave para a súa prosperidade. É por isto que nesta consulta pública se recollerán os diferentes puntos de vista sobre as necesidades das zonas rurais a día de hoxe, o que as fai atractivas, as oportunidades para o futuro e a súa gobernanza .

Este é o primeiro paso cara a creación dunha comunicación da Comisión sobre o tema, que se publicará a mediados do 2021 e terá como obxectivo apoiar un debate a nivel europeo sobre o futuro das zonas rurais e o lugar que deben ocupar na nosa sociedade, así como propoñer medidas para lograr esta visión a longo prazo.

Contexto:

Na UE, 96 millóns de persoas viven en zonas rurais ocupando o 45% do seu territorio. Estas zonas ofrecen unha serie de oportunidades sociais e económicas aos seus habitantes e a sociedade no seu conxunto, cunha calidade de vida única e oportunidades de emprego en moitas e diversas áreas de negocio. Teñen unha función especial que desenvolver na transición cara unha Europa verde e sostible mediante a mitigación do cambio climático, o subministro de alternativas aos combustibles fósiles e o desenvolvemento da economía circular. Por outro lado, tamén teñen os seus desafíos específicos, especialmente vinculados a distancia: o acceso aos servizos públicos e de saúde, as conexións, a educación e a fuga dos mozos.

A necesidade de deseñar unha visión a longo prazo para estas zonas recóllese nas directrices políticas da Presidenta Von der Leyen e nas cartas de misión dirixidas aos comisarios responsables de demografía, agricultura e política rexional cando foron designados hai un ano.  

Diversas políticas da UE apoian e desenvolven actualmente importantes funcións nas zonas rurais, polo que serán fundamentais para o desenvolvemento a longo prazo das mesmas. Ademais da política agrícola común, a política rexional e a social, teñen tamén unha incidencia as de enerxía, transporte, medio ambiente e clima.

Máis información: Comisión Europea


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante