Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

10/06/2020

Os ministros de Agricultura da UE analizan o encaixe das estratexias do Pacto Verde na futura PAC

5000F_1591792112_Consello_de_Agricultura_8_de_xun__o.jpg
  • Acolleron favorablemente as Estratexias europeas de Biodiversidade e “Da granxa á mesa”. Así como a súa ambición de fortalecer o papel dos agricultores na cadea agroalimentaria. 
  • Alertaron sobre a necesidade dun financiamento que estea á altura das circunstancias no marco da futura PAC. 
Bruxelas, 10 de xuño de 2020- O pasado luns 8 de xuño os ministros de Agricultura da UE mantiveron un intercambio de puntos de vista nunha videoconferencia informal organizada pola presidencia do Consello da UE que contou coa participación de Janusz Wojciechowski, comisario de Agricultura, e Stella Kyriakides, comisaria de Seguridade Alimentaria. O debate centrouse na estratexia “Da granxa á mesa” e a estratexia de Biodiversidade, adoptadas pola Comisión Europea a finais de maio. Ambas estratexias desempeñan a medio prazo un papel crucial na posta en marcha do Pacto Verde. 

Concretamente, tivo lugar un debate sobre os principais desafíos existentes para lograr os obxectivos de ambas estratexias. Tamén se aproveitou a ocasión para debater as medidas adicionais suxeridas pola Comisión Europea nas últimas semanas, as cales pretenden asegurar que a futura Política Agrícola Común (PAC) contribúe plenamente a levar á práctica as propostas do Pacto Verde. 

Ademais, os ministros expresaron os seus puntos de vista sobre a recente proposta da Comisión Europea sobre o orzamento a longo prazo da UE 2021-2027 e o novo instrumento de recuperación asociado, Next Generation EU, e opinaron sobre a súa conveniencia como ferramenta para lograr os obxectivos das estratexias. Neste sentido, varios ministros fixeron fincapé en que a posta en marcha deberá ir acompañada dun orzamento ambicioso. Nunha liña máis escéptica, algunhas delegación expresaron a súa preocupación polo risco de que uns fondos insuficientes poidan poñer en risco a viabilidade financeira dos agricultores da UE e subliñaron que as asignacións propostas para a PAC non están á altura das metas que establecen as mencionadas estratexias.   

A tónica xeral foi, non obstante, o recoñecemento do Pacto Verde como importante paso na dirección correcta. Porén, quedaron patentes diferencias significativas nas posicións dos EEMM en canto ó encaixe da ambición do Pacto Verde na futura política agrícola. O elemento de maior fricción atópase nunha disposición da proposta lexislativa para a futura PAC, posto que Alemaña e Francia defenden a introdución no primeiro pilar dunha porcentaxe mínima obrigatoria consagrada ó financiamento dos novos “ecoesquemas”, mentres que Italia e Irlanda se opoñen a esta idea apelando ó principio de subsidiariedade. España, en principio, parece favorable á proposta franco-alemá. Ademais, varios EEMM mostraron a súa preocupación pola limitación prevista do uso de praguicidas e antibióticos, xa que esta pode reducir a competitividade dos agricultores da UE no mercado global. Polo contrario, a ambición de harmonizar a nivel europeo as normas de etiquetado de alimentos si contou co apoio xeral dos ministros. Igualmente, a maioría recoñeceu a importancia do sector forestal no proceso. 

Por último, os ministros destacaron a necesidade de poñer en marcha unha recompilación uniforme de datos para dar seguimento á posta en marcha das estratexias en todos os sectores e salientaron a importancia dunha boa comunicación con todos os agricultores en todo o proceso. 


Máis información

Informe da presidencia croata


Fonte: Consello da UE

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante