Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

29/04/2019

A Comisión Europea e o Banco Europeo de Investimentos lanzan un paquete de préstamos por valor de 1.000 millóns de euros para os novos agricultores

Este programa europeo de préstamos tenta favorecer as explotacións agrícolas dos agricultores novos da UE. Fonte: © European Union, 2014. Fotógrafo: Charly Triballeau.jpg
  • En 2017, o 27 % das solicitudes de préstamos presentadas aos bancos por novos agricultores da Unión foron rexeitadas, fronte ao 9 % das presentadas por outras explotacións.
Bruxelas, 29 de abril de 2019. A Comisión Europea e o Banco Europeo de Investimentos (BEI) lanzaron un paquete de préstamos por valor de 1.000 millóns de euros destinado de maneira específica aos novos agricultores da Unión. O obxectivo principal do paquete anunciado no día de hoxe polo comisario de Agricultura, Phil  Hogan, e o vicepresidente do BEI, Andrew  McDowell, é que os agricultores da UE, en especial os mozos, teñan máis acceso a financiamento.

Phil  Hogan, comisario de Agricultura e Desenvolvemento Rural, declarou que «o acceso a financiamento é esencial e a miúdo constitúe un obstáculo para os mozos que queren empezar nesta profesión», destacando ademais que «o 11 % dos agricultores europeos ten menos de corenta anos, de modo que o apoio aos novos agricultores neste sector é prioritario para a Comisión Europea e para a Política Agrícola Común (PAC) posterior a 2020. Compráceme observar que esta nova iniciativa conxunta xa está en marcha», sentenciou o comisario irlandés.

Pola súa banda, o vicepresidente do BEI responsable das áreas de Agricultura e  Bioeconomía, Andrew  McDowell, revelou que «o sector agrícola é a pedra angular da economía da UE e está chamado a desempeñar un papel decisivo non só na produción de alimentos saudables, senón tamén na loita contra o cambio climático e na protección do medio ambiente». Así mesmo, o dirixente explicou que «con esta nova iniciativa, o BEI mira ao futuro do sector e aborda unha importante deficiencia do mercado, a saber, a falta de acceso a financiamento por parte dos agricultores, especialmente os da próxima xeración. Ademais, este programa de préstamos apoiará o crecemento e a competitividade do sector da agricultura e a  bioeconomía ao preservar e xerar emprego nas rexións rurais e costeiras».

O programa será xestionado a nivel dos Estados membros por bancos e sociedades de arrendamento financeiro que operan en toda a UE. Os bancos participantes deben igualar o importe comprometido polo BEI, o que significa que o importe total podería ascender a 2.000 millóns de euros, e ha de darse prioridade aos novos agricultores.

Este programa abordará moitos dos problemas aos que se enfrontan actualmente os agricultores:
  • Tipos de interese máis baixos.
  • Períodos de carencia máis longos, de ata cinco anos.
  • Períodos de amortización máis longos, de ata quince anos.
  • Maior flexibilidade, en función das condicións, para responder á volatilidade dos prezos no sector agrícola, a fin de que os agricultores poidan seguir reembolsando os préstamos en períodos difíciles (por exemplo, mediante un período de graza que lles permita non reembolsar o préstamo durante uns meses).
En Francia están a piques de executarse dous préstamos piloto a través deste réxime por valor duns 275 millóns de euros. Os devanditos préstamos están destinados, de maneira específica, a novos agricultores e á mitigación do cambio climático.

Contexto
Este novo programa de préstamos inscríbese na iniciativa conxunta ´Young  Farmers´, posta en marcha pola Comisión Europea e o  BEI para axuntar o apoio actual do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural ( FEADER) cos medios financeiros e coñecementos especializados do  BEI. 

Ademais do programa de préstamos, a citada iniciativa prevé que se sigan utilizando as subvencións do  FEADER para novos agricultores e empresas emerxentes, ben como bonificacións de intereses ou para asistencia técnica, en combinación con instrumentos financeiros. Doutra banda, o  BEI e o Fondo Europeo de Investimentos ( FEI) ofrecen asesoramento e coñecementos técnicos ás autoridades de xestión.

Fonte: Comisión Europea


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante