Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

20/09/2018

Son necesarios máis esforzos de prevención para frear o risco crecente de incendios forestais

Informe sobre os incendios forestais en Europa, Oriente Próximo e África do Norte.jpg
Bruxelas, 20 de setembro de 2018. No último informe da Comisión sobre incendios forestais ponse de manifesto a necesidade de facer fronte ao cambio climático «para deixar un planeta máis saudable ás futuras xeracións», como sinalou o presidente Jean-Claude  Juncker no seu último discurso sobre o Estado da Unión, e avógase por reforzar as medidas de prevención dos incendios forestais.

A Comisión Europea publicou hoxe o seu informe anual de 2017 sobre os incendios forestais en Europa, Oriente Medio e África do Norte. Nel sinálase que o pasado ano arderon máis de 1,2 millóns de hectáreas de bosques e terras en Europa (máis da superficie total de  Chipre). Ademais, os incendios cobráronse a vida de 127 civís e bombeiros, e causaron danos económicos estimados en case 10.000 millóns de euros.

Europa enfróntase a máis e peores incendios

O último informe mostra unha clara tendencia a que as tempadas de incendios sexan máis longas que en anos anteriores, xa que agora se producen incendios moito máis alá dos meses estivais (xullo a setembro). En 2017, os meses máis críticos foron xuño e outubro, meses nos que se produciron incendios mortais en Portugal e o Norte de España. 

A rexión mediterránea segue sendo a máis afectada. Con todo, como consecuencia duns veráns excepcionalmente secos en Europa central e setentrional, recentemente producíronse grandes incendios en países como Suecia, Alemaña e Polonia, onde historicamente había moi poucos. 

Por último, en 2017, máis do 25 % da superficie total queimada achábase dentro da rede Natura 2000, de modo que os países da UE deben redobrar os seus esforzos para restaurar e xestionar os hábitats protexidos e os servizos dos ecosistemas, en particular en aras da prevención dos incendios forestais 

Os incendios forestais poden previrse

Como en anos anteriores, en 2017 a maior parte dos incendios tiveron a súa orixe en actividades humanas. As prácticas de xestión forestal non sustentable, a degradación dos ecosistemas, así como a plantación de especies de árbores forestais moi inflamables facilitan a  ignición e favorecen a propagación dos incendios forestais. 

Por tanto, a prevención é clave na loita contra os incendios forestais. A xestión adecuada dos bosques e as prácticas de uso do chan poden reducir o risco de incendios e mellorar a  resiliencia do monte fronte aos incendios. Ademais, o informe mostra que a sensibilización e a formación das comunidades locais, dos responsables políticos e das partes interesadas aumentarán o seu nivel de preparación. 

Os Estados membros e as institucións da UE deben seguir colaborando para proporcionar orientacións sobre como actuar en caso de incendios forestais e sobre a forma de aumentar a nosa  resiliencia, baseándose nas experiencias nacionais e nas mellores prácticas.

Informe Anual de 2017 sobre os incendios forestais

O informe sobre os incendios forestais en Europa, Oriente Próximo e África do Norte (« Forest  Fires  in  Europe,  Middle  East  and  North  Africa 2017»), elaborado polo Centro Común de Investigación (CCI),  centro interno de ciencia e coñecemento da Comisión Europea, proporciona unha análise detallada dos incendios forestais en 2017, incluídos os informes específicos por país. O informe combina datos procedentes do Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais (EFFIS), xestionado polo  CCI, con estatísticas e información facilitada polos Estados membros da UE e os países veciños.

Axuda da UE durante a tempada de incendios forestais do verán de 2018

En 2018, o Mecanismo de Protección Civil da UE activouse cinco veces para responder os incendios forestais en Europa. Proporcionouse un importante apoio aos países que o necesitaron, en particular Suecia e Grecia. En total, este verán mobilizáronse 15 avións, 6 helicópteros e 400 bombeiros e membros da tripulación. A Unión Europea achegou 1,6 millóns de euros en custos de transporte para mobilizar a axuda aos países afectados. Por outra banda, a petición dos Estados membros, elaboráronse máis de 139 mapas por satélite do sistema  Copernicus. Ademais, realizouse unha misión de prevención e preparación en Portugal, a fin de reforzar a capacidade dese país para facer fronte aos incendios forestais. 

Reforzar as capacidades de resposta da protección civil da UE

A Comisión propuxo reforzar as capacidades da protección civil europea a través de  rescEU, a fin de preparar mellor aos Estados membros para facer fronte ás catástrofes. O sistema  rescEU baséase en dous alicerces fundamentais: prevención e preparación e unha maior capacidade de resposta, incluída a creación de capacidades europeas en reserva para actuar como rede de seguridade cando as capacidades nacionais se vexan desbordadas. A proposta  rescEU é un elemento central na axenda do presidente  Juncker dunha Europa que protexe aos seus cidadáns. 

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante