Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

23/07/2018

Medio Rural acorda coas organizacións agrarias galegas a posición conxunta de Galicia de cara á reforma da PAC

A conselleira do Medio Rural con representantes das organizacións profesionais agrarias e das cooperativas agroalimentarias.jpg Ver máis...
  • Galicia, que neste semestre ostenta a representación das comunidades autónomas españolas en materia agraria diante da UE, trasladará esta postura conxunta ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación
  • A conselleira Ángeles Vázquez reiterou a lealdade da Xunta co Goberno central nesta cuestión e demandou ese mesmo compromiso do Ministerio cos agricultores e gandeiros galegos para respectar a particularidade do noso agro
  • Considérase que a PAC debe seguir sendo unha política eminentemente común, baseada en dous piares, e o primeiro deles (axudas directas) debe financiarse exclusivamente con fondos europeos

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2018. A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse hoxe con representantes das organizacións profesionais agrarias e das cooperativas agroalimentarias para avanzar no establecemento dunha posición conxunta de Galicia diante da reforma da PAC. Esta postura será trasladada ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación por parte da Xunta, tendo en conta ademais que a nosa autonomía ostenta este semestre a representación das comunidades españolas en materia agraria diante da Unión Europea.

A titular de Medio Rural reiterou ademais a lealdade da Xunta co Goberno central nesta materia e demandou ese mesmo compromiso do Ministerio cos agricultores e gandeiros galegos á hora de contemplar as particularidades do noso agro nas negociacións para definir a futura PAC.

No documento de consenso que está a elaborar Galicia proponse un decálogo de medidas que pasan, en primeiro lugar, por manter unha PAC coherente (e común) a nivel da Unión Europea, establecendo por parte da Comisión criterios iguais obrigatorios para todos os estados nas principais definicións. Rexéitase calquera posibilidade de renacionalización e considérase que a PAC debe seguir sendo unha política eminentemente común, de forma que a súa estrutura continúe estando baseada en dous piares, e o primeiro deles (axudas directas) debe financiarse exclusivamente con fondos europeos.

Ángeles Vázquez explicou que neste intre resulta fundamental o correcto desenvolvemento dos plans estratéxicos que adaptarán a PAC a cada Estado membro. Neste sentido, dixo que “debe haber un plan único, que recolla as singularidades de cada comunidade autónoma”.

A conselleira avogou ademais por unha simplificación “real” da PAC, tanto a nivel Comisión Europea como para os agricultores e gandeiros, que supoña unha diminución de custes e de persoal á hora de facer os controis, incorporando de xeito efectivo a dixitalización e as vías telemáticas para mellorar esa xestión.

Incorporación de mozos
Nesta postura común de Galicia apóstase por favorecer o apoio á incorporación de mozos á actividade agraria, especialmente porque se apoien as sociedades nas que se incorporen os agricultores novos, dunha forma menos restritiva que a actual. Deféndese, así mesmo, unha discriminación positiva para as zonas de montaña e con limitacións naturais, así como para as pequenas explotacións.

Outra das demandas de Galicia ten que ver co establecemento de medidas que permitan responder de forma rápida ás oscilacións dos prezos dos produtos agrarios e dos factores produtivos como os pensos e a enerxía, de forma que os agricultores poidan manter as súas rendas ante estas continxencias.

Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante