Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

05/12/2017

A Comisión Europea publica a súa comunicación sobre o futuro da alimentación e a agricultura

Os comisarios Katainen e Hogan, responsable de Agricultura, na presentación da Comunicación. © Unión Europea

  • A Comisión Europea lanza a súa comunicación en prol dunha política agrícola común flexíbel, equitativa e sustentable
  • A iniciativa prevé dotar aos Estados membros de maiores responsabilidades á hora de decidir como e onde se inviste o financiamento da PAC
  • Esta proposta é o resultado dunha consulta pública sobre o futuro da política agrícola común (PAC) organizada pola Comisión o pasado febreiro

Bruxelas, 5 de decembro de 2017. A adopción dunhas normas máis sinxelas e dun enfoque máis flexible contribuirá a que a política agrícola común (PAC) preste un verdadeiro apoio aos agricultores e lidere o desenvolvemento sustentable da agricultura da UE. Estas ideas constitúen a pedra angular da Comunicación adoptada o pasado venres pola Comisión Europea sobre «O futuro da alimentación e da agricultura», onde se esbozan os principios que van permitir que esta política común da UE, a máis antiga de todas, conserve a súa eficacia no futuro.

A iniciativa emblemática prevé dotar aos Estados membros de maiores responsabilidades á hora de decidir como e onde se inviste o financiamento da PAC, coa vista posta en alcanzar unha serie de obxectivos comúns e ambiciosos relacionados co medio ambiente, o cambio climático e a sustentabilidade.

Aínda que se mantén a actual estrutura de dous alicerces, dentro deste enfoque máis simple e flexible fixaranse unhas medidas concretas para alcanzar os obxectivos acordados a escala da UE. A continuación, cada Estado membro elaborará o seu propio plan estratéxico, aprobado pola Comisión, onde plasmará de que forma prevé alcanzar os obxectivos en cuestión. Prestarase maior atención a efectuar un seguimento do progreso realizado e a garantir un financiamento orientado a resultados concretos, no canto de centrarse tanto nos aspectos relativos ao cumprimento. A substitución dunha formulación igual para todos por unha formulación á medida de cada un significa que haberá unha maior proximidade entre esta política, coas súas repercusións na vida real, e quen a aplica sobre o terreo.

Manterase a axuda aos agricultores a través do sistema de pagos directos. A Comunicación non prexulga nin o resultado do debate sobre o futuro das finanzas da UE nin o contido da proposta sobre o próximo marco financeiro plurianual (MFP). Sen ánimo de ser exhaustiva, explora algunhas posibilidades para contribuír a soster de forma máis adecuada e equitativa a renda dos agricultores.

O cambio climático e as presións sobre os recursos naturais seguirán afectando á agricultura e a produción de alimentos, polo que a futura PAC debe ser máis ambiciosa no que respecta á eficiencia dos recursos, a protección do medio ambiente e a acción polo clima.

Hai así mesmo outras propostas, como as seguintes:

  • Fomentar a utilización de tecnoloxías modernas para asistir aos agricultores sobre o terreo e achegar ao mercado unha maior transparencia e seguridade
  • Alentar en maior medida aos mozos a que se dediquen á actividade agraria, en coordinación coas competencias propias dos Estados membros en ámbitos tales como a taxación do chan, a planificación e o desenvolvemento de capacidades
  • Dar resposta ás preocupacións dos cidadáns en relación coa produción agrícola sustentable, abarcando así mesmo cuestións como a saúde, a nutrición, o malgaste de alimentos e o benestar dos animais
  • Establecer unha concertación entre as políticas da UE en consonancia coa súa dimensión mundial, en particular nos ámbitos do comercio, a migración e o desenvolvemento sustentable
  • Crear unha plataforma a escala da UE sobre a xestión de riscos, para axudar do mellor modo posible aos agricultores para facer fronte aos imponderables climáticos, a volatilidade dos mercados e outros riscos

As propostas lexislativas pertinentes para dar efecto aos obxectivos esbozados na Comunicación serán presentadas pola Comisión antes do verán de 2018, tras a proposta do MFP.

 

Antecedentes

O 2 de febreiro de 2017, a Comisión Europea puxo en marcha unha consulta sobre o futuro da política agrícola común (PAC) coa finalidade de comprender mellor que aspectos da política actual poderíanse simplificar e modernizar. Durante os tres meses en que estivo aberta a consulta, a Comisión Europea recibiu máis de 320 000 respostas, procedentes principalmente de particulares. Nela quedou de manifesto que, na súa maioría, os participantes desexan preservar a escala da Unión Europea unha política agrícola común forte, aínda que máis sinxela e flexible, e centrada en maior medida en responder a desafíos fundamentais tales como garantir un nivel de vida equitativo aos agricultores, conservar o medio ambiente e combater o cambio climático.

Ligazón á Comunicación

Fonte: Comisión Europea


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante