Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

10/06/2021

Apróbase o primeiro programa para impulsar o mercado único da UE

Mercado único europeo

  • Agrupa nun só instrumento programas anteriores como o Programa para a Competitividade das Empresas e para as Pequenas e Medianas Empresas (COSME), consolidando unha gran variedade de actividades que ata agora se financiaban por separado.

  • Apoiará medidas relativas á mellora da competitividade, especialmente das pemes, á protección dos consumidores ou á estandarización.

  • Xerará sinerxías con outros programas europeos, como InvestEU, Erasmus+ ou Horizonte Europa.

  • Entrou en vigor a finais de abril, con efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro de 2020

Bruxelas, 10 de xuño de 2021- O mercado común europeo engloba a 450 millóns de cidadáns e a 24 millóns de empresas que o converten na maior economía do mundo, na que o sector servizos é o principal motor e o responsable da creación do 90% do emprego. Malia a súa gran contribución o crecemento, á competitividade e á creación de emprego, ten que adaptarse a un entorno que cambia rapidamente debido á revolución dixital e á globalización. 

Para impulsar as melloras neste eido, a UE vén de aprobar o primeiro Programa para o mercado interior, que agrupa nun só instrumento actividades financiadas por outros programas anteriores (COSME, o Programa Estatístico Europeo, o Programa plurianual de Consumidores 14-20...) O seu orzamento é de 4 200 millóns de euros para o período 2021-2027 e os seus parámetros de gasto serán os seguintes:

  • Seguridade alimentaria: 41%
  • Competitividade das pemes: 24%
  • Elaboración de estatísticas: 14%
  • Mellora da efectividade do mercado: 11%
  • Estandarización: 5%
  • Protección dos consumidores: 5% 

O seu obxectivo será o de apoiar e reforzar a gobernanza do mercado único ó mesmo tempo que o simplifica e flexibiliza, xa que consolidará unha gran variedade de actividades que ata agora se financiaban por separado. Ademais de reducir solapamentos e mellorar a coordinación, o programa garantirá unha eficiente posta en práctica do mercado común e permitirá un maior enfoque nas prioridades esenciais para a recuperación económica. Tamén promoverá a competitividade das pemes a través doutros programas como Rede Europea para as Empresas ou Erasmus para emprendedores.

Entre todas as accións nas que se vai apoiar para levar a cabo os seus obxectivos, destacan as seguintes:

  • Apoiar medidas destinadas a garantir un uso máis estendido da contratación pública estratéxica, a profesionalización dos compradores do sector público e a simplificación e a mellora do acceso das pemes ós mercados de contratación pública.

  • Promover unha cultura da innovación, desenvolvendo ecosistemas industriais capaces de favorecer a creación de empresas e o crecemento das pemes, centrándose en todas as pemes capaces de responder ós retos da transición ecolóxica.

  • Manter un alto nivel de seguridade alimentaria e protexer ós consumidores. A través da Rede de Centros Europeos do Consumidor ou do sistema Safety Gate para produtos perigosos, o programa quere garantir que todos os produtos no mercado son seguros e que os consumidores coñecen as normas. Neste sentido, tamén busca apoiar a sostibilidade na podución e o consumo de comida, así como a meiora do benestar animal.

  • Mellorar a competitividade e o apoio ós negocios, particularmente ás pemes  a través do financiamento de InvestEU, da facilitación do acceso ós mercados ou da redución das cargas administrativas.

  • Asegurar un mercado único efectivo a través do cumprimento das leis actuais e do desenvolvemento doutras novas en áreas como o branqueo de diñeiro ou a liberdade de movemento de capital, bens e servizos. Ademais, tamén deberá asegurar que os servizos financeiros respondan ás necesidades dos consumidores e a sociedade civil .

  • Proporcionar financiación a elaboradores de estatísticas nacionais para facer un seguimento da situación económica, social, medioambiental e territorial. As estatísticas son importantes para unha toma de decisións baseada en evidencias e para medir o impacto das iniciativas da UE.
  • Conseguir estándares efectivos a través do apoio financeiro ás organizacións que desenvolven estándares para toda Europa, xa que garanten que os produtos e servizos respondan a un nivel acordado de calidade e seguridade.
  • Contribuír a integrar as accións polo clima nas políticas comunitarias e a que se alcance o obxectivo xeral de destinar o 30% dos gastos do orzamento da UE a apoiar os obxectivos climáticos.

Xestión e formas de financiamento

O Programa para o mercado interior será executado mediante xestión directa da Comisión Europea ou indirecta cos organismos nos que a anterior delegue competencias (Banco Europeo de Investimentos, Fondo Europeo de Investimentos, outros organismos da UE, organizacións públicas dos Estados membros...)

Proporcionará financiamento mediante subvencións, premios e contratos públicos así como en forma de instrumentos financeiros.


Sinerxías con outros programas

Tamén se realizarán investimentos en materia de mercado interior mediante outros programas da UE, que funcionarán de maneira complementaria co Programa para o mercado interior:

  • InvestEU, para mellorar o acceso e a dispoñibilidade de financiamento para as pemes.
  • Horizonte Europa, abordando a complementariedade coas accións do futuro Consello Europeo de Innovación (EIC, polas súas siglas en inglés) e a axuda ós servizos para pemes, en particular a través da Rede Europea para as Empresas.
  • Programa Europa Dixital, que ten como obxectivo promover a dixitalización da economía da UE e do sector público, mellorando ó mesmo tempo a ciberseguridade.
  • O Programa Espacial, coa finalidade de animar as pemes a beneficiarse do financiamento proporcionado por este novo programa.
  • Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)
  • O Programa Xustiza.

O regulamento do Programa para o mercado interior publicouse a finais de abril no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) e aplicarase con efecto retroactivo dende o 1 de xaneiro de 2021.


MÁIS INFORMACIÓN

  • Regulamento polo que se establece un programa para o mercado interior
  • Ficha técnica sobre o novo programa para o mercado interior- Comisión Europea

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante