Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

15/11/2018

Chamadas máis baratas entre países da UE e novas alertas ante emerxencias

4443F_1542293287_PE5G.jpg
  • Chamar a outro país da UE custará un máximo de 19 céntimos/minuto; 6 céntimos por SMS
  • As infraestruturas 5 G estarán rematadas en 2020
  • Os móbiles terán que incluír un sistema de alerta para emerxencias

Bruxelas, 15 de novembro de 2018.O Parlamento Europeo apoiou, na sesión plenaria celebrada onte en Estrasburgo, limitar o prezo das chamadas entre países da UE, impulsar a implantación de redes 5 G e crear un novo sistema de alerta para emerxencias.

O pleno confirmou este mércores ao acordo provisional alcanzado en xuño co Consello sobre o Código Europeo de Comunicacións Electrónicas (EECC), con 584 votos a favor, 42 en contra e 50 abstencións. Os eurodeputados tamén aprobaron o pacto sobre o Corpo Europeo de Reguladores da Comunicación Electrónica (BEREC), con 590 favorables, 63 negativos e 23 abstencións.  

O paquete lexislativo busca facilitar o acceso ás redes de alta velocidade, ademais de rebaixar o custo das chamadas a outros países da UE. Así mesmo, ofrece aos operadores un marco lexislativo sólido e predicible para impulsar o investimento na internet de alta velocidade. 

Chamadas máis baratas, máis velocidade e melloras na seguridade

Tras a desaparición en 2017 das recargas por chamadas desde o estranxeiro, a nova lexislación limitará desde o 15 de maio de 2019 o custo das chamadas a outros países europeos a un máximo de 19 céntimos por minuto, e o das mensaxes de texto, a 6 céntimos.

A normativa tamén mellora a protección dos usuarios de teléfonos intelixentes, incluídas as aplicacións como  Skype ou  WhatsApp, e reforza as esixencias de seguridade, como a  encriptación. Os usuarios poderán conservar o seu número de teléfono durante un mes tras a finalización do contrato cunha compañía telefónica e poderán recuperar o saldo non utilizado nas tarxetas de prepago. Terán dereito, así mesmo, a compensación en caso de atraso ou abuso ao poñer fin aos seus contratos de telefonía. 

Os Estados membros deberán facilitar a extensión das redes 5 G, ofrecendo espectro dispoñible para 2020. O obxectivo é garantir que nesa data polo menos unha gran cidade de cada país europeo conte cunha rede 5 G. 

Sistema de alerta para emerxencias

En caso de emerxencia ou catástrofe, os cidadáns deberán ser alertados ben por mensaxe de texto, ben a través dunha aplicación móbil. Os Estados membros terán 42 meses para poñer en marcha estes sistemas a partir da entrada en vigor da directiva.

Próximos pasos

Tras a aprobación final por parte do Consello, os Estados membros terán dous anos para trasladar os cambios á lexislación nacional. A limitación dos prezos das chamadas e mensaxes aplicarase a partir do 15 de maio de 2019.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante