Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

08/12/2017

Equidade tributaria: a Comisión propón novas ferramentas para loitar contra a fraude no IVE

O comisario de Asuntos Económicos, Pierre Moscovici, presenta as medidas para combater a fraude do IVE. © Unión Europea

  • A Comisión Europea presentou os seus novos instrumentos para lograr que o réxime do imposto sobre o valor engadido (IVE) sexa máis impermeable á fraude
  • O obxectivo das novas normas é xerar confianza entre os Estados membros para que poidan intercambiar máis información e impulsar a cooperación entre as autoridades tributarias e policiais nacionais
  • As estimacións sinalan que a fraude do IVE pode traducirse nunha perda de ingresos para os Estados membros da UE de máis de 50 000 millóns de euros cada ano

Bruxelas, 8 de decembro de 2017A Comisión Europea deu a coñecer novos instrumentos da UE para facer que o réxime do imposto sobre o valor engadido (IVE) sexa máis impermeable á fraude e colmar as lagoas que poidan facilitar a fraude do IVE a gran escala. 

O obxectivo das novas normas é xerar confianza entre os Estados membros para que poidan intercambiar máis información e impulsar a cooperación entre as autoridades tributarias e policiais nacionais.

As estimacións máis prudentes indican que a fraude do IVE pode traducirse nunha perda de ingresos para os Estados membros da UE de máis de 50 000 millóns de euros cada ano, un diñeiro que debería destinarse a investimentos públicos en hospitais, escolas e estradas. As revelacións dos «papeis do paraíso» (Paradise  Papers) puxeron de manifesto unha vez máis a maneira en que os mecanismos de  elusión fiscal poden servir para axudar a empresas e particulares con grandes fortunas a eludir as normas da UE sobre o IVE e a non pagar os impostos que lles correspondan. Os últimos informes suxiren tamén que os mecanismos de fraude do IVE poden servir para financiar organizacións delituosas e ata grupos terroristas.

As medidas adoptadas hoxe permitirán aos Estados membros intercambiar máis información pertinente e cooperar máis estreitamente na loita contra tales actividades.

Aínda que as autoridades tributarias dos Estados membros xa intercambian información sobre as empresas e as vendas transfronteirizas, esta cooperación baséase en gran medida no tratamento manual da información. Ao mesmo tempo, a información e a intelixencia en materia de IVE sobre grupos organizados implicados nos casos máis graves de fraude do IVE non se comunican de maneira sistemática aos organismos executivos da UE. Por último, a falta de coordinación entre as administracións tributarias e as autoridades policiais a escala nacional e da UE significa que esta actividade delituosa en rápida evolución non é actualmente obxecto de seguimento nin se atalla coa suficiente rapidez.

As propostas de hoxe contribuirán a reforzar a cooperación entre os Estados membros, de maneira que poidan loitar contra a fraude do IVE de forma máis rápida e eficiente, tamén cando se cometa en liña. En conxunto, as propostas darán un gran impulso á nosa capacidade para seguir a pista dos  defraudadores e os delincuentes que se apropian dos ingresos tributarios para o seu propio beneficio e tomar medidas drásticas contra eles.

Algunhas da medidas clave desta lexislación son as seguintes:

  • Cooperación reforzada entre os Estados membros: A fraude do IVE pode ocorrer en cuestión de minutos, polo que os Estados membros necesitan dispoñer dos instrumentos que lles permitan actuar o máis rapidamente posible. A proposta de hoxe establecerá un sistema en liña para o intercambio de información dentro de « Eurofisc», a rede existente da UE composta por expertos en materia de loita contra a fraude. Este sistema permitirá aos Estados membros tratar, analizar e  auditar os datos sobre a actividade transfronteiriza para velar por que o risco poida avaliarse da forma máis rápida e precisa posible. A fin de potenciar a capacidade dos Estados membros para controlar as subministracións transfronteirizas, as auditorías conxuntas permitirán aos funcionarios de dous ou máis autoridades tributarias nacionais formar un único equipo de auditoría para loitar contra a fraude, o que reviste especial importancia nos casos de fraude no sector do comercio electrónico. Tamén se conferirán novas competencias a  Eurofisc para coordinar as investigacións transfronteirizas.
  • Colaboración coa policía: As novas medidas permitirán abrir novas vías de comunicación e intercambio de datos entre as autoridades tributarias e as autoridades policiais europeas sobre as actividades transfronteirizas das que se sospeite que se traducen en fraude do IVE, a saber: a  OLAF,  Europol e a Fiscalía Europea recentemente creada. A cooperación cos organismos europeos permitiría  cotejar a información nacional cos rexistros de antecedentes penais, as bases de datos e demais información en poder de  Europol e a  OLAF, co fin de identificar os autores reais da fraude e as súas redes.
  • Intercambio de información sensible sobre as importacións procedentes de terceiros países: Mellorarase o intercambio de información entre as autoridades tributarias e aduaneiras no caso de determinados trámites aduaneiros que facilitan actualmente a fraude do IVE. Con arranxo a un réxime especial, as mercadorías que chegan de fóra da UE con destino final nun Estado membro poden chegar á UE a través doutro Estado membro e transitar sen IVE. Nese caso, o IVE devéñase exclusivamente cando as mercadorías chegan ao seu destino final. Esta característica do réxime de IVE da UE ten por obxecto facilitar o comercio para as empresas honradas, pero pode ser obxecto de abusos a fin de desviar as mercadorías ao mercado negro e eludir completamente o pago do IVE. Con arranxo ás novas normas, compartirase a información sobre as mercadorías entrantes e reforzarase a cooperación entre as autoridades tributarias e aduaneiras de todos os Estados membros.

Intercambio de información sobre automóbilesO comercio de automóbiles tamén é, en ocasións, obxecto de fraude, debido á diferenza na forma en que se aplica o IVE aos vehículos novos ou usados. Os automóbiles novos ou recentes, que están suxeitos ao IVE polo seu importe completo, poden venderse como produtos de segunda man, nese caso só a marxe de beneficio está suxeito ao IVE. Para facer fronte a este tipo de fraude, os funcionarios de  Eurofisc tamén poderán consultar os datos de matriculación dos vehículos doutros Estados membros.

Estas propostas lexislativas presentaranse agora ao Parlamento Europeo a efectos de consulta e ao Consello para a súa adopción.

Antecedentes

As medidas propostas desenvolven os catro principios fundamentais do novo e definitivo espazo único do IVE da UE, propostos en outubro de 2017, así como ao plan de acción sobre o IVE: Cara a un territorio único de aplicación do IVE na UE, presentado en abril de 2016.

O sistema común do imposto sobre o valor engadido (IVE) desempeña un papel importante no mercado único europeo. O IVE é unha importante e crecente fonte de ingresos da UE, que ascendeu a case un billón de euros en 2015, unha cifra equivalente ao 7 % do PIB da UE. Ademais, un dos recursos propios da UE baséase tamén no IVE.

A pesar de numerosas reformas, o sistema do IVE non foi capaz de estar á altura dos retos que expón hoxe a economía mundial, dixital e móbil. O sistema actual do IVE data de 1993 e concibiuse como un sistema transitorio. É  fragmentado e demasiado complexo para o crecente número de empresas que operan a escala transfronteiriza, e deixa a porta aberta á fraude, xa que as operacións nacionais e transfronteirizas son tratadas de maneira diferente e poden adquirirse bens ou servizos libres de IVE dentro do mercado único. A Comisión exhortou de maneira reiterada á reforma do sistema do IVE. Para as empresas que operan en toda a UE, as fronteiras seguen sendo un fenómeno cotián no que respecta ao IVE. As actuais normas en materia do IVE constitúen un dos últimos ámbitos do Dereito da UE que non se atopan en consonancia cos principios que sustentan o mercado único.

Fonte: Comisión Europea


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante