Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

15/07/2014

A Comisión pon en marcha unha consulta pública sobre a protección das indicacións xeográficas para os productos non agrarios

Bruxelas, 15 de xullo de 2014. - A Comisión Europea puxo en marcha hoxe unha consulta do Libro Verde sobre a posible ampliación da protección da indicación xeográfica aos produtos non agrarios.

No mundo globalizado actual, os consumidores buscan o xeito de identificar os produtos orixinais e auténticos, e esperan que a calidade e as características específicas anunciadas se axusten verdadeiramente á realidade.

Unha indicación xeográfica (IX) identifica as mercadorías como orixinarias dun país, unha rexión ou localidade, de modo que a calidade, reputación ou outra característica do produto en particular está ligada á súa orixe xeográfica, como o viño de Burdeos, o xamón de Parma ou o cristal de Murano, por exemplo. Os produtos agrícolas (queixos, viños, carne, froitas e verduras, etc.) dunha orixe xeográfica particular que posúan calidades determinadas ou se fabriquen seguindo métodos tradicionais poden acollerse á protección da indicación xeográfica en toda a UE (por exemplo, o queixo parmesano). Non obstante, os produtos non agrarios (por exemplo, a cerámica, o mármore, os artigos de coitelaría e cubertería, os zapatos, os tapices, os instrumentos musicais) non gozan ata a data dunha protección unitaria da indicación xeográfica a escala da UE, máis alá das lexislacións nacionais.

Michel Barnier, comisario de Mercado Interior e Servizos, declarou o seguinte: «A Unión Europea é rica en produtos baseados en coñecementos e métodos de produción tradicionais, que adoitan estar enraizados no patrimonio social e cultural dun lugar concreto, dende o cristal de Bohemia ata os tartáns escoceses, pasando polo mármore de Carrara e os tapices de d"Aubusson. Estes produtos non só forman parte das competencias e os coñecementos europeos, senón que tamén teñen un potencial económico considerable, que quizais non esteamos a explotar plenamente. A ampliación da protección da indicación xeográfica aos produtos deste tipo a escala da UE podería reportar considerables beneficios potenciais para as pemes e as rexións europeas. Isto podería axudar a preservar o noso patrimonio único e diverso, ademais de achegar unha contribución significativa ao emprego e o crecemento en Europa.»

O Libro Verde consta de dúas partes. Na primeira formúlanse preguntas acerca dos medios actuais de protección ofrecidos a nivel nacional e da UE e dos posibles beneficios económicos, sociais e culturais que poderían alcanzarse mediante a mellora da protección da indicación xeográfica na UE. A segunda parte inclúe preguntas máis técnicas para solicitar as opinións das partes interesadas sobre as posibles opcións de protección da indicación xeográfica en toda a UE para os produtos non agrarios. Os posibles obxectivos de calquera nova medida van dende cumprir os requisitos mínimos en materia de protección da indicación xeográfica establecidos no Acordo sobre os Aspectos dos Dereitos de Propiedade Intelectual relacionados co Comercio (TRIPS) ata dispoñer criterios adicionais de protección, como os considerados no Dereito da UE sobre as indicacións xeográficas agrícolas.

Invítase a todas as partes interesadas (consumidores e produtores, distribuidores e autoridades locais, entre outras) a enviar as súas observacións e suxestións ata o 28 de outubro de 2014. A Comisión publicará os resultados da consulta e teraos en conta ao estudar se procede tomar novas medidas a escala da UE.

Contexto

A UE está obrigada a cumprir as normas de protección das indicacións xeográficas conforme ao TRIPS, que se aplican á totalidade dos 159 membros da Organización Mundial do Comercio (OMC) e que abranguen tanto os produtos agrarios coma os non agrarios. En todos os países membros da OMC, as IX teñen que estar protexidas para non inducir a erro á poboación en canto á orixe das mercadorías e previr a competencia desleal. Os membros da OMC poden utilizar diferentes instrumentos xurídicos para alcanzar este obxectivo. Algúns membros da OMC, incluídos 14 Estados membros da UE, dispoñen de lexislación específica sobre a protección da indicación xeográfica para os produtos non agrarios.

A nivel da UE, existe unha protección da indicación xeográfica unitaria no caso dos viños, as bebidas espirituosas, os viños aromatizados e os produtos agrícolas e alimenticios. Non obstante, ata a data non existe nin harmonización nin protección da indicación xeográfica unitaria a escala da UE para os produtos non agrarios. No seu lugar, aplícanse os instrumentos xurídicos nacionais, o que dá lugar a diferentes niveis de protección xurídica en Europa. Os produtores non agrarios que desexen protexer unha IX na UE deben presentar unha solicitude de protección en cada Estado membro onde esa protección exista, o que non é eficaz no mercado único da UE, ou recorrer a accións xudiciais en caso de abuso.

A Comisión recoñeceu o problema na súa Comunicación de 2011 titulada «Un mercado único dos dereitos de propiedade intelectual» e propuxo unha análise en profundidade da normativa xurídica vixente en materia de protección da indicación xeográfica dos produtos non agrarios nos Estados membros, así como das súas repercusións no mercado único.

Un estudo externo sobre a protección das indicacións xeográficas para os produtos non agrarios no mercado interior encargouse en 2012. As súas conclusións, que se publicaron en marzo de 2013, indican que os instrumentos xurídicos vixentes a disposición dos produtores a nivel nacional e europeo son insuficientes. A Comisión tamén organizou unha audiencia pública o 22 de abril de 2013 para debater esas conclusións e brindar unha plataforma de cara a un amplo debate sobre a necesidade dunha protección da indicación xeográfica máis eficaz para os produtos non agrícolas a escala da UE.

(Fonte: Comisión Europea)


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante