Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

20/07/2021

Entran en vigor os regulamentos dos fondos estruturais para o período 2021-2027

5388F_1626772040_guillaume-perigois-HL4LEIyGEYU-unsplash__1_.jpg
  • Tras tres anos de negociación, veñen de publicarse os regulamentos do FEDER e FSE, principais fondos da política de cohesión 
  • Galicia defendeu durante este tempo a necesidade dunha atención particular ás oito rexións que, como ela, descenden de categoría de rexión pero recibirían menos fondos conforme ao método de reparto recollido nun dos regulamentos.
Bruxelas, 20 de xullo de 2021. O pasado 30 de xuño o Diario Oficial da UE publicaba o paquete lexislativo da política de cohesión para o período 2021-2027, que, con 373.000 millóns de euros, representa un terzo do orzamento a longo prazo da UE. Despois do acordo político acadado en decembro, o Consello deu luz verde aos regulamentos en marzo e, pola súa parte, o pleno do Parlamento Europeo en xuño. O paquete comprende os seguintes regulamentos:
  • Disposicións Comúns para os fondos de xestión compartida
  • Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e do Fondo de Cohesión
  • Fondo Social Europeo Plus (FSE+)
  • Interreg de cooperación territorial europea que recibe o apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e os instrumentos de financiamento externo.
A aprobación do Regulamento de Disposicións Comúns tamén establece elementos clave para o funcionamento do novo Regulamento do Fondo de Transición Xusta (FTX), que completa o conxunto de fondos da política de cohesión dispoñibles para 2021-2027. 

O novo Regulamento de Disposicións Comúns establece un marco xurídico conxunto para oito fondos de xestión compartida: o FEDER, o Fondo de Cohesión e o FSE+, o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e a Acuicultura, o FTX, e as normas financeiras para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Instrumento de Xestión de Fronteiras e Visados e o Fondo de Seguridade Interior.

O Regulamento FEDER e do Fondo de Cohesión establece disposicións específicas para o FEDER (226 000 millóns de euros) e o Fondo de Cohesión (48 000 millóns de euros). O FEDER contribuirá a reforzar a cohesión económica e social na UE corrixindo os desequilibrios entre as súas rexións, á vez que cumprirá as prioridades políticas da Unión mediante unha concentración temática dos recursos. O Fondo de Cohesión apoiará proxectos no ámbito do medio ambiente e das redes transeuropeas no ámbito das infraestruturas de transporte.

O FSE+ é o instrumento financeiro clave para aplicar o Piar Europeo de Dereitos Sociais, apoiar o emprego e crear unha sociedade xusta e socialmente inclusiva, así como proporcionará recursos aos Estados membros para a recuperación tras a crise da COVID-19. Cun orzamento de 99.300 millóns de euros, os Estados membros poderán utilizar o diñeiro para crear e protexer as oportunidades de emprego, promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e dar aos traballadores as competencias necesarias para a transición dixital e ecolóxica. Tamén inclúe un ambicioso requisito para que os Estados invistan nos mozos e aborden a pobreza infantil.

O Fondo de Transición Xusta é un novo fondo da política de cohesión cun orzamento global de 19.200 millóns de euros. O FTX é un elemento clave do Pacto Verde e constitúe o primeiro piar do Mecanismo de Transición Xusta. O seu obxectivo é aliviar os custos sociais e económicos derivados da transición cara a unha economía climaticamente neutra, a través de actividades dirixidas principalmente a diversificar a actividade económica e axudar ás persoas para adaptarse nun mercado laboral cambiante. O Mecanismo de Préstamo para o Sector Público é o terceiro piar do Mecanismo Conxunto, que aproveita o orzamento da UE para proporcionar acceso a financiamento adicional. O Mecanismo diríxese especificamente ás entidades públicas, creando condicións de préstamo preferentes para os proxectos que non xeran suficientes ingresos para ser financeiramente viables.

Por último, cun orzamento de 8.100 millóns de euros, a sexta xeración de Interreg segue dando forma á cooperación territorial en toda Europa nas súas diferentes vertentes (transfronteiriza, transnacional e interrexional). Abarca a cooperación nas fronteiras exteriores da Unión, beneficiándose do apoio dos instrumentos externos, e establece un novo capítulo dedicado a reforzar a cooperación rexional das rexións ultraperiféricas.

Antecedentes
En maio de 2018, a Comisión Europea presentaba o paquete de propostas de regulamentos que rexerían política de cohesión despois de 2020. Estas propostas foron modificadas en xuño de 2020, xa coa nova composición da Comisión Europea 2019-2025,  para facer fronte ás consecuencias da pandemia, así como ás novas prioridades políticas derivadas do Pacto Verde. A proposta modificada do Regulamento FSE+, por exemplo, aumentou o apoio ao emprego xuvenil e as medidas para loitar contra a pobreza infantil, e centrouse máis nas habilidades verdes e dixitais. 

Papel de Galicia neste debate
Neste novo período, Galicia atópase, por primeira vez, na categoría de “rexións en transición” ao estar o seu PIB per capita entre o 75 e o 100% da media comunitaria. Como tal, deberá concentrar un 40% dos recursos de FEDER na prioridade 1 “ Europa máis intelixente, a través da innovación, a dixitalización, a transformación económica e o apoio ás pequenas e medianas empresas” e un 30%  no obxectivo 2 “Unha Europa máis verde e sen carbono que aplique o Acordo de París e invista en transición enerxética, enerxías renovables e loita contra o cambio climático”. O cofinanciamento europeo será do 60% dos proxectos no canto do 80% que desfrutaba ata o de agora.

Para o reparto dos fondos da política rexional, Galicia vén reclamando dende 2018 unha atención particular para as rexións que, como ela, descenden de categoría e, malia isto, recibirían menos fondos en caso de aplicar directamente o método de asignación previsto no Regulamento de Disposicións Comúns. Grazas ao apoio conseguido no Parlamento Europeo, este regulamento invita aos Estados membros a ter en conta a situación especial destas rexións (so 8 en toda UE) no reparto dos fondos dentro de cada país. 

Este reparto aínda non foi comunicado dentro de España. En caso de aplicar directamente o método de reparto europeo, a asignación a Galicia para o período 21-27 veríase reducida en case un 40% en comparación co 14-20 a pesar dun considerable descenso do PIB no período de referencia (10 puntos porcentuais). 

Próximos pasos
Os Estados membros están a negociar coa Comisión Europea o chamado “Acordo de Asociación”, un contrato marco onde se recollen as liñas mestras para a execución dos fondos de finalidade rexional en cada país. Unha vez aprobados estes acordos, negociaranse os programas operativos por fondos. 

No actual período 14-20, España conta con 19 programas operativos rexionais de FEDER e dous plurirexionais  (POPE e Iniciativa PEME), e con 19 programas operativos rexionais de FSE e catro plurirrexionais (Empleo, Formación e Educación; Inclusión social e Economía Social; Emprego Xuvenil e Asistencia Técnica)

Galicia está a identificar actuacións, iniciativas e proxectos para presentar uns borradores de programas operativos en outono. 

Máis información: Comisión Europea,
Autoridade de xestión dos fondos estruturais en España
Programación en Galicia


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante