Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

29/05/2020

Inundacións de setembro de 2019: España recibirá 56,7 millóns da UE

4976F_1590759958_P025064000302-764561.jpg
A comisión de Orzamentos do PE apoiou o xoves unha axuda de 56,7 millóns a España para mitigar os danos no sueste do país polas inundacións de setembro de 2019.

Bruxelas, 29 de maio de 2020. En total, a comisión aprobou a liberación de 279 millóns de euros do Fondo de Solidariedade para Italia (211,7 millóns), España, Portugal (8,2 millóns) e Austria (2,3 millóns).

O proxecto de informe preparado por José Manuel Fernandes (PPE, Portugal) saíu adiante con 38 votos a favor, sen votos en contra nin abstencións. 

En setembro de 2019, un raro fenómeno meteorolóxico coñecido como «depresión illada en niveis altos» (DANA) provocou precipitacións extremas que ocasionaron inundacións na Comunidade Valenciana, Murcia, Castela-A Mancha e Andalucía, ademais da morte de oito persoas.

España presentou en novembro unha solicitude ao Fondo de Solidariedade para facer fronte aos danos, en infraestruturas viarias, ferroviarias e aeroportuarias, as redes de auga, as infraestruturas de protección, o medio ambiente e os fogares. Tamén houbo importantes erosións en praias e danos nas infraestruturas costeiras.

As autoridades españolas estimaron o dano en 2.269,7 millóns de euros e, como é habitual en casos de «catástrofe natural rexional», a Comisión propuxo conceder unha axuda do 2,5%, é dicir, 56,74 millóns. Tras solicitar España un anticipo, a Comisión acordou en febreiro de 2020 adiantar o 10% do diñeiro.

Fondos para Italia, Portugal e Austria

As axudas a Italia contribuirán a paliar os danos causados en case todo o seu territorio en outubro e novembro de 2019 por unha serie de fenómenos meteorolóxicos extremos, que culminaron coa inundación de Venecia.

Portugal recibirá fondos para mitigar as consecuencias do furacán Lorenzo, que arrasou os Azores en outubro de 2019. En canto a Austria, a zona sueste do país, particularmente as áreas limítrofes con Italia, viuse afectada por graves inundacións en novembro de 2019.

Próximos pasos

Antes de completar o desembolso do diñeiro, o pleno do Parlamento deberá confirmar a aprobación das axudas, na súa sesión de xuño, e o Consello tamén deberá adoptar o texto formalmente.

Información adicional

O Fondo de Solidariedade da UE estableceuse en 2002 tras as graves inundacións dese verán en Europa Central. Desde entón, utilizouse en 88 desastres de moi diversos tipos, como inundacións, incendios forestais, terremotos, tormentas e secas. Até a data recibiron apoio vinte e catro países, por un importe total superior a 5.500 millóns de euros.

Desde o 1 de abril de 2020 e no marco da resposta da UE ao coronavirus, o Fondo pode utilizarse para facer fronte a emerxencias sanitarias como a actual.

Os Estados membros golpeados por un desastre natural poden solicitar diferentes tipos de asistencia da UE a curto e longo prazo. Ante unha crise, os Estados membros poden activar o Mecanismo europeo de protección civil. Para reforzar a capacidade de resposta urxente, a UE adoptou en marzo de 2019 un novo sistema, chamado RescEU, que establece unha reserva de recursos, incluídos avións anti-incendios e helicópteros.

Fonte: Parlamento Europeo

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante