Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

06/01/2020

O Comité Europeo das Rexións anuncia a cuarta edición dos Premios Bienais AECT

Premios Bienais AECT 2020 do Comité Europeo das Rexións. Fonte: © European Union 2019 (CoR).jpg
  • O prazo para a presentación de solicitudes por parte das Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT) finaliza o 17 de abril de 2020.
  • Este premio europeo busca promover os esforzos "ascendentes" dos entes locais e rexionais á hora de abordar as necesidades dos seus cidadáns, así como dar maior visibilidade e recoñecemento ás AECT entre as autoridades públicas na UE, as institucións europeas e o público en xeral.
Bruxelas, 6 de xaneiro de 2020. O Comité Europeo das Rexións (CdR) fixo pública hoxe a convocatoria da cuarta edición dos Premios Bienais AECT (EGTC Awards, na súa voz inglesa) baixo a liña temática de "Construír Europa por encima das fronteiras". O obxectivo deste galardón europeo é recoñecer e dar visibilidade ás mellores prácticas dunha Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) en Europa. O secretario xeral do Comité Europeo das Rexións convidou a todas as Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial interesadas a presentar as súas candidaturas para a edición deste ano.

Quen pode presentar a solicitude?
De conformidade coa Decisión da Mesa do Comité Europeo das Rexións do 9 de outubro de 2017, soamente poden participar as AECT creadas polo menos un ano antes da convocatoria e cuxo establecemento fose notificado ao Comité Europeo das Rexións de conformidade co artigo 5 do Regulamento (CE) n.º 1082/2006. É dicir, só poden participar as AECT creadas antes do 1 de xaneiro de 2019. A creación da AECT debe ser notificada ao Comité Europeo das Rexións de conformidade co Regulamento AECT.

Cando presentar a solicitude?
O prazo oficial para a presentación de candidaturas por parte das AECT de toda Europa esténdese ata o próximo 17 de abril de 2020. As solicitudes recibidas fóra de prazo consideraranse non subvencionables.

Como participar?
A AECT candidata presentará a través dun formulario específico unha descrición detallada en inglés relacionada coas accións ou o proxecto designados, os cales serán examinados e avaliados polo xurado. O formulario de candidatura pode descargarse aquí ou ben no propio sitio web do Comité Europeo das Rexións. Cabe lembrar que o director da AECT deberá asinar o formulario de solicitude. Ademais, a documentación específica requirida definirase na convocatoria.

O xurado examinará as solicitudes e excluirá ás que non cumpran os criterios de  admisibilidade, as que non estean debidamente documentadas e as que manifestamente non estean relacionadas co ámbito de actuación do laudo. O xurado poderá esixir información adicional e, en caso necesario, a súa verificación. Esta información facilitarase canto antes.

O xurado avaliará as solicitudes conforme os criterios da convocatoria e aos criterios xerais de adxudicación, e decidirá o gañador do Premio AECT. Así mesmo, o xurado poderá decidir a concesión de mencións honoríficas adicionais.

O premio AECT anunciarase e entregarase durante a reunión anual correspondente da Plataforma AECT no segundo semestre de 2020.

*Os proxectos ou accións do AECT non premiados poderán volver presentarse a futuras convocatorias só se estes proxectos ou accións continúan executándose e seguirán xerando novos impactos durante os anos seguintes.

Criterios de adxudicación
O premio recompensará as accións e proxectos concretos realizados polas AECT que teñan un impacto nos seus respectivos territorios polo menos durante 2018 ou 2019. O xurado terá en conta o valor engadido da AECT na execución da acción, o seu impacto no territorio e o seu valor como mellor práctica.

O premio Agrupación Europea de Cooperación Territorial terá en conta as medidas e proxectos executados polas AECT que contribúan aos ámbitos enumerados a continuación, e a solicitude de concesión de premios debe incluír documentos que apoien o seguinte:
  1. Impacto e resultados da acción, sobre a base de indicadores cuantificables, que se avaliarán en proporción á dimensión da AECT e as necesidades reais do territorio;
  2. Formulación innovadora, dimensión transnacional e valor engadido europeo debido a que a acción se concibe e pon en práctica por unha AECT;
  3. Posibles sinerxias con outras AECT;
  4. Aplicación do principio de gobernanza multinivel e enfoque de abaixo arriba;
  5. Sustentabilidade e persistencia da acción e integración das medidas nunha estratexia máis ampla para o territorio;
  6. A visibilidade entre o público e os medios de comunicación no territorio da AECT;
  7. Potencial de transferibilidade e reprodución como mellor práctica;
  8. Promoción da Unión Europea pola AECT e os seus membros.
Por que é interesante solicitalo?
Este premio europeo pretende recoñecer os logros concretos das AECT existentes, mostrando o valor engadido da UE deste instrumento e fomentalos como exemplos para outras agrupacións ou estruturas transfronteirizas, interrexionais e transnacionais similares.

Contexto
O Comité Europeo das Rexións (CdR) puxo en marcha o premio europeo denominado "Construír Europa por encima das fronteiras" para dar visibilidade e recoñecemento ás mellores prácticas dunha Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) en Europa. Este premio é bienal e 2020 supoñerá a súa cuarta edición.

En consonancia coa estratexia do CdR de apoiar ás AECT, o obxectivo da concesión é subliñar o papel destas agrupacións como panca para o crecemento económico e a creación de emprego, a protección do medio ambiente e a natureza, e como promotores da educación, a inclusión social, o patrimonio cultural e a cidadanía europea.

O premio ten por obxecto promover os esforzos "ascendentes" realizados polos entes locais e rexionais para abordar as diversas necesidades dos seus cidadáns. O premio tamén pretende contribuír a un mellor coñecemento das AECT polas autoridades nacionais, rexionais e locais da UE, polas institucións da UE e o público en xeral.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante