Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

03/11/2017

As rexións beneficiaranse dun novo apoio da UE para construír economías resilientes

Logo do Servizo de información rexional da Comisión Europea. © Unión Europea
  • As rexións europeas foron convidadas a presentar solicitudes para dous proxectos piloto da Comisión en materia de innovación
  • Os proxectos pretenden facilitar máis axuda ás rexións de Europa á hora de investir nos seus ámbitos especializados de competitividade («especialización intelixente») e de xerar a innovación, o crecemento e a resistencia necesarios para canalizar a globalización

Bruxelas, 3 de novembro de 2017. As rexións europeas foron convidadas a presentar solicitudes para dous proxectos piloto da Comisión en materia de innovación. Se llas selecciona, poden beneficiarse de apoio financeiro e de asesoramento personalizados da UE para transformar as súas economías e modernizar as súas industrias.

Os dous proxectos piloto foron presentados pola Comisión en xullo de 2017. Pretenden facilitar máis axuda ás rexións de Europa á hora de investir nos seus ámbitos especializados de competitividade (a denominada «especialización intelixente») e de xerar a innovación, o crecemento e a resistencia necesarios para canalizar a globalización.

A comisaria de Política Rexional, Corina Cretu, destacou que «existen cinco medidas que unha rexión debe tomar para situarse na cadea de creación de valor nunha economía globalizada: abrazar a innovación, a dixitalización e a descarbonización, desenvolver as capacidades das persoas e eliminar os obstáculos aos investimentos». Os proxectos piloto que se puxeron en marcha son mostra de que a UE está lista para axudar ás súas rexións ao longo do todo o proceso».

O enfoque da especialización intelixente introduciuse en todos os programas de política rexional en 2014. Mellorou como as rexións deseñan as súas estratexias de innovación, asociando estreitamente ás empresas locais e aos investigadores. Os proxectos piloto baséanse nesta experiencia positiva. Estas son as dúas convocatorias de manifestacións de interese:

 

Convocatoria 1: Apoio personalizado ás rexións que afrontan a transición industrial

Algunhas rexións estiveron sufragando os custos da globalización sen gozar aínda dos seus beneficios. Sufriron a miúdo importantes perdas de postos de traballo e poden verse afectadas pola falta de cualificacións apropiadas, os altos custos da man de obra e a desindustrialización.

As rexións que se enfrontan a estes retos concretos poden presentar a súa solicitude para beneficiarse de:

  1. Asistencia personalizada dos expertos da Comisión organizados en equipos «rexionais» de varios servizos da Comisión. Axudarán ás rexións para elaborar estratexias rexionais de transformación económica. En función das necesidades e das vantaxes rexionais específicas, a Comisión contratará a expertos externos para apoiar o traballo das rexións. Poden ser expertos en instrumentos financeiros, asesores empresariais ou investigadores que traballan en procesos de fabricación avanzada, por exemplo. A Comisión reservou ata 200 000 euros por rexión para asumir o custo deste asesoramento externo. O importe procede do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
  2. Apoio adicional do Observatorio Europeo de Agrupacións e Cambio Industrial para axudar ás rexións para crear políticas de agrupacións empresariais e conectar mellor ás empresas locais, os centros de investigación e o mundo académico.
  3. Ata 300 000 euros do FEDER para apoiar a pronta aplicación das estratexias rexionais de transformación económica, importe supeditado a un progreso suficiente no seu desenvolvemento.

 

A convocatoria diríxese especialmente ás rexións «en transición» e ás «máis desenvolvidas». Preseleccionaranse cinco rexións. Dependendo do grao de interese, a Comisión poderá repetir a convocatoria para preseleccionar cinco rexións máis, cun novo orzamento similar.

 

Convocatoria 2: Asociacións interrexionales para desenvolver cadeas de valor europeas competitivas

O obxectivo deste proxecto piloto é comercializar e ampliar proxectos interrexionales financiables en sectores prioritarios como os macrodatos, a bioeconomía, a eficiencia dos recursos, a mobilidade conectada, a saúde e o envellecemento activo ou a ciberseguridade.

Poderán solicitar o apoio da Comisión para desenvolver os seus proxectos e acceder a novos mercados as asociacións transnacionales de autoridades rexionais de, polo menos, catro países diferentes da UE nas que participen universidades, centros de investigación, agrupacións e empresas.

Seleccionaranse de cinco a dez asociacións, que recibirán apoio personalizado de equipos especiais creados na Comisión, nos que participarán expertos de varios servizos temáticos, así como expertos externos. Apoiarase o desenvolvemento destas asociacións cun total de 1 millón de euros do FEDER.

 

Próximos pasos:

As rexións puideron presentar solicitudes ata o 31 de outubro de 2017. Os resultados das convocatorias publicaranse a principios de decembro.

Esta nova é continuidade de “A Comisión Europea propón novas accións para a especialización intelixente das rexións”, publicada na web da Fundación Galicia Europa o pasado 26 de xullo.

Máis información: Inforegio: Como presentar unha solicitude?

Ligazón á nova


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante