Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

03/01/2020

A Comisión Europea aproba uns 400 millóns de euros de apoio público para o despregamento de redes de banda ancha de moi alta velocidade en España

A Comisión aproba 400 millóns de euros de apoio público para redes de banda ancha de alta velocidade en España. Fonte: © European Union 2017. Fotógrafo: Mauro Bottaro.jpg
  • O réxime ten un orzamento de 400 millóns de euros e se executará entre os anos 2020 e 2022.
  • O seu obxectivo é abordar os déficits de conectividade en España para así mellorar e acelerar a cobertura con redes de moi alta velocidade a fin de lograr a conectividade a internet necesaria para apoiar o mercado único dixital europeo.
Bruxelas, 03 de xaneiro de 2020. A Comisión Europea aprobou uns 400 millóns de euros de apoio público para o despregamento de redes de banda ancha de moi alta velocidade en España, conforme ás normas sobre axudas estatais da UE. O réxime beneficiará aos consumidores e as empresas en zonas de España cunha conectividade insuficiente.

A vicepresidenta executiva da Comisión, Margrethe Vestager, responsable da política de competencia, declarou respecto diso que «os consumidores e as empresas españolas deben beneficiarse de todo o potencial que encerra o crecemento dixital, con independencia de onde se atopen. Esta medida abordará a fenda dixital entre as zonas urbanas e rurais de España. Con esta decisión apoiamos unha vez máis o uso de fondos públicos para os servizos da internet de moi alta velocidade destinados aos fogares e as empresas en zonas onde o investimento privado é insuficiente.».

O réxime ten un orzamento total de 400 millóns de euros e se vai executar entre 2020 e 2022. O seu obxectivo é abordar os déficits de conectividade no conxunto da xeografía española, mellorando e acelerando a cobertura con redes de moi alta velocidade a fin de lograr a conectividade a internet necesaria para apoiar o mercado único dixital europeo. A medida apoiará o despregamento de redes capaces de proporcionar velocidades de carga e descarga de 300 megabits por segundo (Mbps), ampliables a 1 xigabit por segundo (Gbps) a zonas específicas.

As novas redes cubrirán zonas nas que non están presentes, nin previstas nun futuro próximo, redes de alta velocidade que ofrezan velocidades de descarga de polo menos 30 Mbps. En menor medida, cubrirá igualmente zonas nas que xa está presente ou prevista nun futuro próximo unha rede de alta velocidade, pero nas que non existe nin está prevista unha rede que permita unha descarga de máis de 100 Mbps. As novas redes tamén darán acceso a mellores servizos de banda ancha, o que estimulará o desenvolvemento dunha economía dixital moderna.

As autoridades españolas elaboraron un inventario completo das infraestruturas dispoñibles actualmente e levaron a cabo consultas públicas para determinar as zonas obxectivo. Hanse levar a cabo novas consultas públicas para garantir que se limiten ao mínimo as distorsións da competencia.

Todas as redes financiadas con cargo á medida ofrecerán acceso maioritario a todos os operadores de forma aberta, transparente e non discriminatoria, polo que incentivarán os investimentos privados na prestación de servizos da internet de alta velocidade aos fogares e as empresas nas zonas obxectivo.

A Comisión avaliou a medida tendo en conta as normas sobre axudas estatais da UE, en particular as súas Directrices sobre banda ancha de 2013. O Executivo europeo chegou á conclusión de que os efectos positivos do réxime sobre a competencia no mercado español de banda ancha superan os posibles efectos negativos provocados pola intervención pública. Á luz do exposto, a Comisión aprobou a medida conforme as normas sobre axudas estatais da UE.

O réxime contribuirá aos obxectivos estratéxicos da UE establecidos na Axenda Dixital para Europa e na Comunicación "Cara a unha sociedade europea do Xigabit".

Contexto
A medida aprobada é a prolongación dun réxime español anterior, aprobado pola Comisión en 2013, que pretendía apoiar o despregamento de redes de acceso de próxima xeración en zonas insuficientemente cubertas.

A conectividade de banda ancha reviste unha importancia estratéxica para o crecemento e a innovación en todos os sectores da economía europea, así como para a cohesión social e territorial. A Axenda Dixital para Europa recoñece os beneficios socioeconómicos que pode achegar a banda ancha e establece metas para o seu desenvolvemento en Europa, por exemplo que o 50% ou máis dos fogares europeos estean abonados a conexións a internet de máis de 100 Mbps.

A Axenda Dixital para Europa completouse en 2016 coa Comunicación sobre o Gigabit, que define os obxectivos de conectividade que han de alcanzarse de aquí a 2025, cando a conexión de todos os fogares europeos a redes de moi alta velocidade cunha velocidade potencial de descarga de polo menos 100 Mbps, ampliable a 1 Gbps, debe permitir o uso xeneralizado de produtos, servizos e aplicacións no mercado único dixital.

As Directrices sobre banda ancha de 2013 vixentes permiten tales investimentos públicos cando exista un fallo do mercado e cando estes investimentos supoñan unha mellora significativa (cambio considerable). Están así mesmo supeditadas a certos outros parámetros para protexer a competencia e incentivar o investimento privado.

A versión non confidencial da presente decisión vaise publicar co número de asunto SA.53925 no Rexistro de Axudas Estatais da páxina web da Dirección Xeral de Competencia da Comisión Europea, unha vez se resolvan as posibles cuestións de confidencialidade.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante