Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

10/10/2019

A Unión Europea debe actuar ante as noticias falsas e a inxerencia nas eleccións

Na actualidade, as fake news son un dos maiores problemas á hora de alcanzar a transparencia informativa nos gobernos, nos medios e nos procesos electorais europeos. Fonte: European Union 2016. Fotógrafos: © Cristina Cuenca, Daniel Gramage.jpg
  • O Parlamento Europeo reclama máis lexislación fronte ás ameazas híbridas.
  • Rusia é a principal fonte de noticias falsas.
Bruxelas, 10 de outubro de 2019. A interferencia estranxeira nos procesos electorais supón unha grave ameaza para as democracias europeas, en beneficio de movementos populistas e de extrema dereita, segundo sinala o Parlamento Europeo. Nunha resolución aprobada este xoves no pleno da cámara con 469 votos a favor, 143 en contra e 47 abstencións, os eurodeputados alertan sobre os intentos de influír nos procesos democráticos en Europa desde o estranxeiro.

Financiamento pouco claro
O texto sinala que a inxerencia estranxeira segue un patrón sistemático, que pode incluír campañas en redes sociais, ciberataques á infraestrutura vinculada a procesos electorais ou apoio financeiro a partidos políticos durante as campañas electorais. Estas manobras perseguen favorecer a candidatos contrarios á Unión Europea, extremistas e populistas, agregan os eurodeputados.

Advirten, neste sentido, de que a pesar de que a maioría de Estados membros prohiba, parcial ou totalmente, as doazóns a partidos desde fóra do país, os axentes estranxeiros atopan maneiras de eludir a normativa. Os eurodeputados lembran o caso da Fronte Nacional en Francia, e as informacións publicadas en medios sobre o Partido da Liberdade en Austria, a Liga Norte en Italia e Leave. uk en Reino Unido.

Forte aumento da propaganda rusa
A Eurocámara mostra gran preocupación polo "moi perigoso" carácter da propaganda rusa, principal fonte de noticias falsas en Europa, e que no que vai de ano dobrouse en relación a 2018 (998 casos detectados polas institucións da UE dedicadas a este ámbito, fronte a 434 o ano anterior).

Os eurodeputados tamén condenan as accións cada vez máis agresivas dos axentes estatais e non estatais de terceiros países que tentan debilitar as democracias europeas, poñendo o foco nos países dos Balcáns Occidentais candidatos á adhesión á Unión e os países da Asociación Oriental.

Maneiras de responder ante a ameaza das fake news
A resolución propón reforzar o grupo de traballo creado na UE contra a propaganda rusa, dándolle unha estrutura permanente, ademais de máis financiamento. Os eurodeputados queren, ademais, que as compañías da internet cooperen na loita contra as noticias falsas, sen socavar a liberdade de expresión.

Os eurodeputados expoñen así mesmo que a UE se dote dun marco normativo fronte ás ameazas híbridas.

Antecedentes
A UE comezou en 2015 a responder proactivamente á propagación de noticias falsas a través das redes sociais e plataformas dixitais, cando se puxo en marcha o grupo de traballo contra a propaganda rusa dentro do Servizo Europeo de Acción Exterior, centrado na comunicación fidedigna das políticas comunitarias respecto aos países veciños e da Asociación Oriental.

En outubro de 2018, ante as eleccións europeas de maio de 2019, empresas como Facebook, Google, Twitter e  Mozilla (Microsoft uniuse despois en 2019) asinaron un código de conduta voluntario fronte á desinformación. As compañías comprometéronse a respectar unha serie de regras para atallar a propaganda. En decembro de 2018, a Comisión Europea publicou un Plan de Acción contra a Desinformación.

De agora ao final de 2020, máis de 50 comicios presidenciais, lexislativos, rexionais ou locais terán lugar nos Estados membros da UE.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante