Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

10/09/2019

Galileo, o sistema da UE de navegación por satélite, chega a mil millóns de usuarios de teléfonos intelixentes

O sistema da UE de navegación por satélite, Galileo, é un dos principais avances da industria espacial europea. Fonte: © European Union 2018. Fotógrafo: Anthony Dehez.jpg
  • Co obxectivo de mellorar o liderado da UE no ámbito espacial con sistemas punteiros como Galileo, a Comisión Europea propuxo un Programa Espacial de 16.000 millóns de euros para o próximo marco financeiro plurianual (2021-2027).
Bruxelas, 10 de setembro de 2019. ´Galileo´, o sistema europeo de navegación por satélite, chegou hoxe a mil millóns de usuarios de teléfonos intelixentes de todo o mundo. Este fito coincide co 15º aniversario da Axencia do Sistema Global de Navegación por Satélite Europeo (GSA), socio clave da Comisión Europea na explotación de Galileo.

Antes da celebración dun acto especial na sede da GSA, Elżbieta Bieńkowska, comisaria de Mercado Interior, Industria, Emprendemento e Pemes, declarou o seguinte sobre este novo sistema de navegación: «Galileo ofrece actualmente servizos de temporización e navegación de alta calidade a mil millóns de usuarios de teléfonos intelixentes a nivel mundial, o cal foi posible grazas a un esforzo verdadeiramente europeo por desenvolver o sistema de navegación máis exacto do mundo, contando co apoio e a dedicación da  GSA. Confío en que a nosa industria espacial siga prosperando con máis traballo, ideas e investimentos no marco do novo Programa Espacial da UE».

Desde decembro de 2016, Galileo ofrece os chamados ”servizos iniciais”, que xa melloran a vida cotiá de cidadáns e empresas con sinais de posicionamento, navegación e temporización exactas.

Actualmente, o 95 % das empresas que producen chips de teléfonos intelixentes para navegación por satélite fabrican chips compatibles con Galileo. O fito dos ”mil millóns de usuarios” fundaméntase no número de teléfonos intelixentes que utilizan Galileo e que se venderon en todo o mundo. O número real de usuarios de Galileo é aínda maior. En Europa, todos os novos modelos de automóbiles con autorización de comercialización están equipados co sistema eCall, que utiliza Galileo para comunicar a localización do vehículo aos servizos de emerxencia. Desde este ano, Galileo está integrado nos  tacógrafos dixitais dos camións (dispositivos de rexistro de velocidade e distancia) para garantir que se cumpren as normas sobre o tempo de condución e mellorar a seguridade viaria.

Galileo tamén presta un Servizo de Procura e Salvamento (SAR) fundamental, que reduce a menos de dez minutos o tempo necesario para detectar a unha persoa equipada cunha  radiobaliza de socorro, xa sexa no mar, na montaña ou no deserto. Con Galileo aumentou a exactitude da localización, pasando de 10 km a menos de 2 km.. No futuro, o sistema confirmará tamén á persoa localizada que a axuda está de camiño.

Por último, Galileo apoia ás autoridades públicas co seu Servizo Público Regulado, para un uso sensible desde o punto de vista da seguridade. Ofrece un servizo sólido e totalmente cifrado a usuarios das Administracións para situacións de emerxencia nacional ou de crise, como en caso de ataques terroristas, a fin de garantir a continuidade dos servizos.

A industria espacial europea, cuxo valor é o segundo maior do mundo, é sólida e competitiva. Co fin de axudar a manter e mellorar o liderado da UE no ámbito espacial, a Comisión propuxo un Programa Espacial de 16.000 millóns de euros para o próximo orzamento a longo prazo da Unión Europea (2021-2027).

Contexto
´Galileo´ é o sistema mundial de navegación por satélite propio da UE. É un sistema civil baixo control civil que proporciona información exacta sobre posicionamento e  temporización. Galileo ten por obxecto garantir a independencia de Europa respecto doutros sistemas de radionavegación por satélite, así como a súa autonomía estratéxica nese ámbito. A autonomía de Europa neste sector impulsará o mercado de traballo europeo, axudará á UE para intensificar o seu papel como provedor de seguridade e defensa, e apoiará tecnoloxías emerxentes como a intelixencia artificial, os drons, a mobilidade automatizada e o internet das cousas.

Galileo leva prestando ”servizos iniciais” desde decembro de 2016. Durante esta fase ”piloto” inicial, previa á fase de ”servizos plenamente operativos”, os sinais de Galileo utilízanse en combinación con outros sistemas de navegación por satélite. Na fase plenamente operativa, os usuarios poderán utilizar os sinais de Galileo independentemente doutros sistemas de navegación por satélite.

Entre as actividades espaciais da UE figuran Copernicus (datos, libres e abertos, de observación da Terra relativos á vixilancia terrestre, da atmosfera, o mar e o cambio climático, así como en relación coa xestión de emerxencias e a seguridade), EGNOS (sistema rexional de navegación por satélite) e a vixilancia e o seguimento espacial (VSE). 

O novo Programa Espacial reunirá todas as actividades espaciais existentes e novas da UE no marco dun único programa. Manterá a infraestrutura e os servizos existentes e introducirá unha serie de características novas para impulsar unha industria espacial sólida e innovadora e para manter un acceso autónomo, fiable e rendible da UE ao espazo.

O novo programa tamén introduce un sistema de  gobernanza unificado e simplificado. A UE asegurarase de que o incremento no investimento financeiro estea apoiado por unha toma de decisións eficaz, de forma que todas as actividades espaciais da UE desenvólvanse respectando os prazos e o orzamento. A Comisión seguirá tendo a responsabilidade de xestionar o programa global. Dados os seus coñecementos especializados sen parangón, a Axencia Espacial Europea ( AEE), que é un organismo intergobernamental, seguirá sendo un socio importante no despregamento do sistema e no apoio técnico ás funcións operativas do programa espacial da UE. A  GSA, que pasará a denominarse ”Axencia da UE para o Programa Espacial”, apoiará cada vez máis o funcionamento e a penetración no mercado das actividades espaciais da UE e desempeñará un papel máis importante á hora de garantir a seguridade de todos os compoñentes do programa.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante