Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

19/07/2019

24 Estados membros da UE completan as avaliacións nacionais de riscos sobre a seguridade das redes 5G tras a recomendación da Comisión

24 Estados membros da UE completan as avaliacións nacionais de riscos sobre a seguridade das redes de conectividade inalámbrica 5G. Fonte: © European Union 2019.jpg
  • Estas avaliacións nacionais inclúen unha visión xeneralizada das ameazas e os actores principais das redes 5G, o grao de sensibilidade dos seus compoñentes e das súas funcións xunto a unha análise das súas vulnerabilidades.
Bruxelas, 19 de xullo de 2019. Tras a Recomendación da Comisión Europea para un enfoque europeo común sobre a seguridade das redes 5G, 24 dos 28 Estados membros da UE completaron xa a primeira fase e presentaron as súas avaliacións nacionais de riscos. Estas avaliacións utilizaranse na seguinte fase, unha avaliación de riscos a escala da UE que deberá completarse como moi tarde o próximo 1 de outubro. O comisario responsable da Unión da Seguridade, Julian King, xunto á comisaria de Economía e Sociedade Dixitais, Mariya Gabriel, mostraron a súa satisfacción sobre estes importantes avances para o desenvolvemento da futura rede de conectividade inalámbrica:

«Estamos satisfeitos de ver que a maioría de Estados membros xa presentaron as súas avaliacións de riscos. Tras o apoio expresado polo Consello Europeo o 22 de marzo a un enfoque concertado, os Estados membros responderon con celeridade ao noso chamamento á toma de medidas concretas que contribuísen á ciberseguridade das redes 5G en toda a Unión. As avaliacións nacionais de riscos son esenciais para asegurarse de que os Estados membros contan coa preparación adecuada para o despregamento da nova xeración de conectividade inalámbrica, que pronto constituirá o eixo vertebrador das nosas sociedades e economías», declarou King engadindo que desde a Comisión piden «aos Estados membros que manteñan o seu compromiso co enfoque concertado e que utilicen este importante avance para dar impulso a unha implantación rápida e segura das redes 5G. Unha estreita cooperación a escala da UE é esencial tanto para alcanzar un alto grao de ciberseguridade como para aproveitar plenamente os beneficios que o 5G ofrecerá ás persoas e as empresas».

Pola súa banda, Mariya Gabriel afirmou que «a finalización das avaliacións de riscos subliña o compromiso dos Estados membros non só cunhas normas elevadas en materia de seguridade, senón tamén coa utilización plena desta tecnoloxía de vangarda. Esperamos que os resultados se teñan en conta no proceso de poxas do espectro 5G e no desenvolvemento das redes, que xa está a ter lugar en toda a UE e continuará nos próximos meses. Varios Estados membros xa emprenderon accións de reforzo dos requisitos de seguridade aplicables, mentres que outros están a estudar a introdución de novas medidas nun futuro próximo».

Segundo a política búlgara, a Comisión Europea ve necesario que «todos os actores importantes, calquera que sexa o seu tamaño, aceleren os seus esforzos e únanse a nós na construción dun marco común destinado a garantir altos niveis de seguridade de maneira consistente. Esperamos continuar a nosa estreita cooperación cos Estados membros mentres comezamos a traballar nunha avaliación de riscos a escala da UE, que debe completarse para o 1 de outubro e que axudará a formular un enfoque europeo para a protección da integridade do 5G», sentenciou Gabriel.

As avaliacións nacionais de riscos inclúen unha visión xeral de:
  • As ameazas e actores principais que afectan as redes 5G.
  • O grao de sensibilidade dos compoñentes e funcións da rede 5G, así como doutros activos.
  • Varios tipos de vulnerabilidades, incluídas tanto as técnicas como as doutros tipos, por exemplo as que poidan xurdir da cadea de subministración do 5G.
Ademais, no traballo sobre as avaliacións nacionais de riscos participaron unha serie de actores de responsabilidade dos Estados membros, entre eles as autoridades do ámbito da  ciberseguridade e as telecomunicacións e os servizos de seguridade e intelixencia, o cal reforzou a súa cooperación e coordinación.

Próximas etapas
Partindo da información recibida, os Estados membros, xunto coa Comisión e a Axencia da Unión Europea para a Ciberseguridade (ENISA), prepararán unha avaliación de riscos coordinada a escala da UE para o 1 de outubro de 2019. Paralelamente, a ENISA está a analizar o panorama de ameazas contra o 5G como achega adicional. 

Para o 31 de decembro de 2019, o Grupo de cooperación para a seguridade das redes e os sistemas de información, que lidera os esforzos de cooperación xunto coa Comisión, desenvolverá un conxunto de medidas de mitigación para dar resposta aos riscos detectados a escala da UE e dos Estados membros.

Como consecuencia da recente entrada en vigor do Regulamento sobre a Ciberseguridade a finais de xuño, a Comisión e a Axencia da UE para a Ciberseguridade elaborarán un marco de certificación a escala da UE. Anímase aos Estados membros a cooperar coa Comisión e esta axencia europea co fin de dar prioridade a un réxime de certificación que abarque as redes e os equipos 5 G.

Para o 1 de outubro de 2020, os Estados membros, en cooperación coa Comisión, deben avaliar os efectos das medidas adoptadas con obxecto de determinar se é necesario tomar novas medidas. Esa avaliación debe ter en conta a avaliación de riscos coordinada europea.

Antecedentes
As redes de quinta xeración (5G) serán as infraestruturas dixitais esenciais do futuro e conectarán miles de millóns de obxectos e sistemas, entre os que se atopan sectores fundamentais como a enerxía, o transporte, a banca e a sanidade, así como sistemas de control industrial que conteñen información delicada e serven de respaldo aos sistemas de seguridade.

O 26 de marzo de 2019, a Comisión Europea recomendou unha serie de actuacións concretas para avaliar os riscos de ciberseguridade que ameazan as redes 5G e reforzar as medidas de prevención, tras o apoio mostrado polos xefes de Estado e de Goberno ao enfoque concertado sobre a seguridade das redes 5G.

A Comisión instou os Estados membros a completar as súas avaliacións nacionais de riscos e revisar as medidas nacionais, así como a traballar conxuntamente a escala da UE sobre unha avaliación de riscos coordinada e un conxunto común de medidas de mitigación.

Fonte: Comisión Europea

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante