Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

18/09/2018

O Parlamento fixa a súa posición sobre as novas normas de dereitos de autor

O Parlamento fixa a súa posición sobre as novas normas de dereitos de autor.JPG
  • Os xigantes tecnolóxicos deberán pagar cando utilicen o traballo de artistas e xornalistas
  • As plataformas pequenas quedan excluídas da regulación
  • Os  hipervínculos “acompañados por palabras individuais” poderán compartirse sen restricións
  • Os xornalistas teñen dereito a parte dos ingresos obtidos pola súa editora en concepto de dereitos de autor

Bruxelas, 18 de setembro de 2018. O Parlamento Europeo aprobou o pasado mércores 12 de setembro a súa posición negociadora sobre o proxecto de lei sobre dereitos de autor, incorporando garantías para as pequenas empresas e a liberdade de expresión. 

A Cámara aprobou a súa posición para as negociacións cos Estados membros sobre a formulación definitiva da lexislación con 438 votos, fronte a 226, e 39 abstencións. Os eurodeputados introduciron cambios importantes na proposta xa presentada ao pleno en xuño e  rexeitada. 

As compañías tecnolóxicas deberán compartir os seus ingresos con artistas e xornalistas

Gran parte dos cambios introducidos polo Parlamento á proposta orixinal da Comisión Europea buscan asegurar que os artistas, especialmente músicos. intérpretes e guionistas, así como editores e xornalistas, reciban unha remuneración apropiada polo seu traballo cando se comparte en plataformas como  YouTube ou Facebook, e en  agregadores de noticias como Google News. 

Tras a votación, o relator  Axel  Voss (PPE, Alemaña) mostrouse satisfeito porque “a pesar da forte presión dos xigantes da internet, agora hai unha maioría no pleno partidaria de protexer o principio dunha remuneración xusta para os creadores europeos”.

Voss considerou que o Parlamento soubo escoitar con atención as preocupacións suscitadas, como os problemas ao redor da innovación mediante a exclusión das plataformas máis pequenas, así como a  agregadores, do alcance da directiva.

“Estou convencido de que cando se acouguen as augas, internet seguirá sendo igual de libre que o é hoxe, os creadores e xornalistas recibirán unha parte máis equitativa dos ingresos xerados polo seu traballo e preguntarémonos por que houbo tanto alboroto ao redor desta lexislación”, concluíu o eurodeputado. 

Remuneración xusta para artistas e xornalistas e incentivos para as compañías emerxentes

A posición do  PE endurece a proposta inicial da Comisión para facer que as plataformas  online e os  agregadores sexan responsables das infraccións dos dereitos de autor cometidas nos mesmos. Isto tamén será de aplicación para as páxinas que só mostran unha pequena parte do texto dunha noticia. 

Na práctica, esta responsabilidade implica que deberán pagar ao titular dos dereitos polo material protexido por dereitos de autor que distribúan. O texto do Parlamento tamén require especificamente que os propios xornalistas, e non só as editoras, obteñan remuneración derivada desta disposición. 

Ao mesmo tempo, nun intento de alentar a innovación e a creación de empresas, o texto exclúe agora ás plataformas máis pequenas do alcance da directiva. 

Protección da liberdade de expresión

O texto inclúe salvagardas para asegurar o respecto aos dereitos de autor na contorna dixital pero sen limitar a liberdade de expresión que caracteriza internet. 

Así, o mero feito de compartir  hipervínculos a artigos xunto a unha descrición con “palabras individuais” non estará limitado pola protección dos dereitos de autor. 

Calquera medida adoptada polas plataformas para revisar que os documentos subidos á rede non violan as regras de  copyright debe estar deseñada de maneira que evite frear “obras non infractoras”. Ademais, deberán establecer sistemas de  redirección rápidos (operados por persoal da plataforma, non algoritmos) a través dos cales se poidan rexistrar queixas cando un documento é retirado por erro. 

Wikipedia e outras plataformas de “software” de código aberto non se verán afectadas.

A proposta do  PE deixa claro que as enciclopedias en liña sen fins comerciais, como  Wikipedia, ou as plataformas de “software” de código aberta, como  GitHub, non estarán suxeitas ás regras de protección dos dereitos de autor. 

Reforzo dos dereitos de negociación de autores e intérpretes

A Cámara reforza así mesmo os dereitos de negociación de autores e intérpretes, permitíndolles reclamar remuneración adicional da parte que explota os seus dereitos cando o acordado nun principio é “ desproporcionadamente” inferior aos beneficios obtidos.

O texto engade que estes beneficios deben incluír os “ingresos indirectos”. Tamén deberá dar capacidade aos autores e artistas para revogar ou poñer fin á exclusividade dunha licenza de explotación polo seu traballo se consideran que o titular dos dereitos de explotación non está a exercer este dereito adecuadamente.

Fonte: Parlamento Europeo


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante