Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

22/05/2018

As rexións e as cidades piden unha nova «especialización intelixente 2.0» construída sobre a base da cooperación interrexional

4286F_1526988782_irujo.jpg
Bruxelas, 22 de maio de 2018. Como catalizadoras da política de innovación e do crecemento, as estratexias de especialización intelixente serán un factor importante do éxito da política de cohesión da UE durante o próximo período orzamentario. O Comité Europeo das Rexións (CDR) pide á Comisión Europea que abra unha nova etapa nesta formulación e inicie unha fase 2.0 da especialización intelixente, baseada no desenvolvemento dun «proceso de descubrimento rexional» no cal as rexións poñan en común as súas estratexias coa participación das triples hélices interrexionais.

«As futuras estratexias de especialización intelixente deberían basearse na cooperación estratéxica  interrexional e incluír o dobre obxectivo de xerar sinerxias entre as políticas rexionais de innovación e o desenvolvemento e os instrumentos financeiros, así como, en segundo lugar, evitar a duplicación», explica o relator Mikel Irujo (É/AE), xefe da Delegación do Gobierno de Navarra en Bruxelas e membro do Consello de Administración de  ERRIN. O seu ditame foi aprobado por unanimidade no pleno do  CDR do mércores 16 de maio.

O concepto de descubrimento rexional debe estar «baseado nun proceso ascendente no que as autoridades rexionais compartan os seus obxectivos de desenvolvemento con outras rexións da UE, elaboren listaxes dos principais axentes de desenvolvemento involucrados nas súas rexións, analicen en común as súas deficiencias e desafíos e realicen un exercicio de análise sobre os instrumentos de apoio dos que dispoñen». Coa guía da Comisión Europea, este exercicio debería contribuír á combinación de fondos en todos os niveis (local, rexional, nacional e da UE) para apoiar proxectos de dimensión  interrexional.

«A pesar dos considerables esforzos despregados pola Comisión Europea, en particular a través da Plataforma  S3, as barreiras regulamentarias e a ausencia dun marco financeiro continúan limitando o desenvolvemento dun auténtico ecosistema de cooperación  interrexional»,  deplora o relator Irujo.
 
No seu ditame insta a eliminar a complexidade da xestión de fondos, a fin de permitir sinerxias entre o financiamento rexional e europeo, e poñer en marcha ferramentas financeiras atractivas que axuden a facilitar a cooperación  interrexional e respondan ás necesidades que se detectaron en experiencias en curso como a iniciativa Vanguard. Estas incluirían instrumentos de financiamento ad hoc adecuados e flexibles que combinen créditos e préstamos, e financiamento público e privado para apoiar proxectos piloto experimentais en diferentes fases de desenvolvemento. No ditame tamén se recomenda unha utilización máis flexible de Interreg para apoiar a creación de cadeas de valor industrial e proponse ampliar o enfoque dos polos de innovación dixital a outras áreas industriais e tecnolóxicas.

As propostas foron apoiadas polo deputado do Parlamento Europeo Lambert van  Nistelrooij (NL/PPE), que interveu no pleno do  CDR e destacou o valor engadido da cooperación europea para unha aplicación máis eficaz e o desenvolvemento de novos produtos e servizos; instou así mesmo a integrar mellor o concepto de especialización intelixente no próximo programa marco de investigación e innovación da UE.

Fonte: Comité Europeo das Rexións 

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante