Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

11/03/2021

Nova Estratexia de Mobilidade Sostible e Intelixente a nivel europeo

5281F_1615458446_jeshoots-com-XzoSKULTDWI-unsplash.jpg
A Comisión Europea presenta o seu plan para unha mobilidade ecolóxica, intelixente e asequible xunto cun Plan de Acción que guiará o seu traballo nos próximos catro anos
Para facer realidade os obxectivos climáticos para 2030 e 2050, a Estratexia identifica un total de 82 iniciativas en dez áreas clave de actuación centradas na sustentabilidade, intelixencia e resistencia da mobilidade europea

Bruxelas, 11 de marzo de 2021. A Comisión vén de presentar a súa Estratexia de Mobilidade Sostible e Intelixente xunto cun Plan de Acción de 82 iniciativas que guiarán o traballo durante o próximos catro anos. Esta estratexia senta as bases de como o sistema de transporte da UE pode lograr a súa transformación ecolóxica e dixital e ser máis resistente ante futuras crises. Tal como se indica no Pacto Verde, o resultado ha de ser unha redución do 90% das emisións para 2050, grazas a un sistema de transporte intelixente, competitivo, seguro, accesible e alcanzable.

Fitos para un futuro intelixente e sostible
Todos os modos de transporte deben ser máis sostibles, con alternativas ecolóxicas amplamente dispoñibles e cos incentivos adecuados para impulsar a transición. A Comisión propón uns fitos concretos a alcanzar nos próximos 10, 15 e 30 anos: 

2030: polo menos 30 millóns de coches de cero emisións han de circular polas estradas europeas, 100 cidades europeas han de ser climaticamente neutras, o tráfico ferroviario de alta velocidade deberá duplicarse, as viaxes colectivas programadas para traxectos inferiores a 500 km deberán ser neutros en emisións de carbono, a mobilidade automatizada despregarase a gran escala e os buques de emisións cero haberán de estar listos para a súa comercialización. 

2035: as grandes aeronaves de cero emisións deberán estar listas para a súa comercialización. 

2050: case todos os coches, furgonetas e autobuses, así como os novos vehículos pesados, han de ser de cero emisións, duplicarase o tráfico ferroviario de mercadorías e a Rede Transeuropea de Transporte (RTE-T) multimodal estará plenamente operativa para un transporte sostible e intelixente con conectividade de alta velocidade.

Dez áreas clave de actuación para facer realidade a visión
Para facer realidade estes obxectivos, a estratexia identifica un total de 82 iniciativas en dez áreas clave de actuación (”flagships”), cada unha con medidas concretas.

Transporte sostible: impulsar a adopción de vehículos, barcos e avións sen emisións, combustibles renovables e de baixa emisión de carbono e infraestruturas relacionadas; crear aeroportos e portos sen emisións; facer que a mobilidade interurbana e urbana sexa saudable e sostible; facer máis ecolóxico o transporte de mercadorías, introducir mecanismos de tarificación do carbono e ofrecer mellores incentivos aos usuarios.

Transporte intelixente: a innovación e a dixitalización determinarán a forma de desprazarse dos pasaxeiros e as mercadorías no futuro se se dan as condicións adecuadas. A estratexia prevé, por unha banda, facer realidade a mobilidade multimodal conectada e automatizada e, doutra banda, impulsar a innovación e o uso dos datos e a intelixencia artificial para unha mobilidade máis intelixente.

Transporte resistente: o transporte foi un dos sectores máis afectados pola COVID-19 e moitas empresas do sector están a experimentar inmensas dificultades operativas e financeiras. Por iso, a Comisión comprometeuse a reforzar o mercado, facer que a mobilidade sexa xusta e equitativa para todos e aumentar a seguridade e a protección en todos os modos de transporte.

Nesta liña, a Federación Europea de Ciclistas (ECF)  vén de publicar a súa guía sobre como programar os fondos estruturais 21-27 para investimentos en ciclismo, aspirando a un investimento de 6.000 M€ para habilitar infraestruturas seguras que contribúan a un verdadeiro cambio no modo de transporte que faga reducir as emisión de CO2. A ECF tamén recomenda destinar 10.000 M€ do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia para infraestrutura e para incentivos ao uso da bicicleta.

Antecedentes
Dado que o transporte contribúe a preto do 5% do PIB da UE e dá emprego a máis de 10 millóns de persoas en Europa, o sistema de transporte é fundamental para as empresas europeas e as cadeas de subministración mundiais. Ao mesmo tempo, o transporte non está exento de custos para a sociedade: emisións de gases de efecto invernadoiro e contaminantes, ruído, accidentes de tráfico e conxestión. Na actualidade, as emisións do transporte representan ao redor dunha cuarta parte das emisións totais da UE.
Este impulso á transformación do transporte prodúcese nun momento en que todo o sector atópase aínda coas repercusións da COVID-19. Co aumento do investimento na modernización e ecoloxización das frotas e infraestruturas, e co reforzo do mercado único, hai agora unha oportunidade de facer que o transporte europeo sexa máis sostible, competitivo e resistente ante calquera perturbación no futuro. Esta evolución non debería deixar a ninguén atrás. É crucial que a mobilidade sostible e intelixente estea ao alcance de todos, que as rexións rurais e remotas estean conectadas e que o sector ofreza boas condicións laborais para os seus empregados.

Para máis información: Comisión Europea
Estratexia de Mobilidade Sostible e Intelixente
Preguntas e respostas


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante