Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

22/01/2021

A Comisión propón unha normativa revisada para as infraestruturas enerxéticas transfronteirizas en consonancia co Pacto Verde Europeo

5242F_1611310802_RTE-E.jpg
  • A revisión proposta pola Comisión do Regulamento sobre as redes  transeuropeas de enerxía, adoptado en 2013, ten por obxecto modernizar e mellorar o marco  RTE-E, reflectindo os obxectivos do Pacto Verde e adaptándoo ás necesidades de infraestrutura do sistema de enerxía limpa do futuro.
  • O Regulamento debe centrarse agora nos obxectivos actualizados de clima e enerxía para 2030 e no obxectivo de neutralidade climática para 2050 no marco do Pacto Verde Europeo, e adaptarse aos rápidos avances tecnolóxicos en curso.
Bruxelas, 22 de xaneiro de 2020. A Comisión Europea adoptou unha proposta de revisión da normativa da UE sobre as redes  transeuropeas de enerxía (Regulamento  RTE-E) para contribuír en maior medida á modernización das infraestruturas enerxéticas transfronteirizas de Europa e alcanzar os obxectivos do Pacto Verde Europeo.
 
O progreso de Europa cara a unha economía  climáticamente neutra impulsada por enerxías limpas require novas infraestruturas adaptadas ás novas tecnoloxías. A política sobre  RTE-E fomenta esta transformación a través de proxectos de interese común (PIC), que deben contribuír á consecución dos obxectivos de redución de emisións da UE para 2030 e de neutralidade climática de aquí a 2050.

Os  PIC son proxectos que conectan as redes enerxéticas dos Estados membros, unen rexións illadas dos mercados enerxéticos europeos, reforzan as interconexións transfronteirizas existentes e contribúen a integrar as enerxías renovables.

Desde a adopción do Regulamento RTE-E en 2013, os  PIC axudaron á maioría dos Estados membros a alcanzar os seus obxectivos de interconexión para 2020 e contribuíron eficazmente á integración do mercado enerxético e á seguridade da subministración en toda a UE. Os  PIC da electricidade tamén contribuíron á sustentabilidade, facilitando a integración de cantidades cada vez maiores de enerxía renovable. Ademais, unha vez que os PIC do gas en curso estean en funcionamento a principios da década de 2020, Europa logrará unha rede de gas ben interconectada e resistente ás perturbacións, que dará acceso a todos os Estados membros polo menos a tres fontes de subministración de gas ou ao mercado mundial do gas natural  licuado (GNL).

O novo Regulamento RTE-E contribuirá aos obxectivos de redución de emisións da UE promovendo a integración das enerxías renovables e das novas tecnoloxías enerxéticas limpas no sistema de enerxía. A proposta da Comisión inclúe:
  • A obrigación de que todos os proxectos cumpran os criterios ineludibles de sustentabilidade e sigan o principio de «non ocasionar danos» establecido no Pacto Verde;
  • Unha actualización das categorías de infraestruturas que poidan ser subvencionadas mediante a política sobre RTE-E, poñendo fin ás axudas para as infraestruturas de petróleo e gas fósil; 
  • Unha nova énfase nas redes eléctricas mariñas, con disposicións que faciliten unha planificación e execución de infraestruturas en terra e mar máis integradas mediante a introdución do portelo único para os proxectos en alta mar;
  • Unha nova énfase nas infraestruturas de hidróxeno, incluído o transporte e algúns tipos de  electrolizadores;
  • Normas actualizadas para promover a adopción de redes eléctricas intelixentes a fin de facilitar a electrificación rápida e aumentar a xeración de electricidade a partir de fontes renovables;
  • Novas disposicións sobre investimentos en redes intelixentes para integrar os gases limpos (como o  biogás ou o hidróxeno renovable) nas redes existentes;
  • Unha atención continua á modernización das redes e do almacenamento eléctricos e ás redes de transporte de carbono;
  • Novas disposicións relativas ao apoio a proxectos que conecten á UE con terceiros países (proxectos de interese mutuo ou PMI) e que demostren o seu beneficio mutuo e a súa contribución aos obxectivos enerxéticos e climáticos globais da Unión en termos de seguridade da subministración e  descarbonización;
  • Un marco de  gobernanza revisado para mellorar o proceso de planificación de infraestruturas e garantir que se axuste aos obxectivos climáticos e aos principios de integración do sistema enerxético, mediante unha maior participación das partes interesadas ao longo de todo o proceso, un reforzo da Axencia de Cooperación dos Reguladores da Enerxía (ACER) da UE e unha mellor supervisión por parte da Comisión;
  • Medidas para simplificar os procedementos administrativos que aceleren a execución dos proxectos, acurten os procedementos de autorización dos  PIC, para evitar atrasos nos proxectos que faciliten a transición enerxética, e reforcen a transparencia e a participación nas consultas. 
Próximos pasos
O calendario preciso dependerá do proceso de negociación co Parlamento Europeo e o Consello. Mentres tanto, xa tería que comezar a preparación da quinta lista de PIC, prevista para antes de que conclúa 2021. Esta preparación segue sendo conforme ao Regulamento vixente, pero baséase nunha mellor avaliación da sustentabilidade dos proxectos. A intención é que o novo Regulamento estea en vigor a tempo para a sexta lista de  PIC.


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante