13/01/2021
2021, o Ano Europeo do Ferrocarril
• O 1 de xaneiro de 2021 deu comezo o Ano Europeo do Ferrocarril
• Esta iniciativa da Comisión Europea pretende chamar a atención sobre os beneficios do ferrocarril como medio de transporte de pasaxeiros e mercadorías sostible, intelixente, asumible e seguro, a fin de fomentar o seu uso
Bruxelas, 13 de xaneiro de 2021. Con motivo do Ano Europeo do Ferrocarril, organizaranse distintas actividades ao longo de 2021 en torno a este medio de transporte, a fin de fomentar o seu uso, tanto polos cidadáns como polas empresas, e contribuír ao obxectivo do
Pacto Verde Europeo de alcanzar a neutralidade climática de aquí a 2050.
Na Unión, o ferrocarril é responsable de menos do 0,5% das emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas ao transporte, é dicir, trátase dunha das formas máis sostibles de transporte de pasaxeiros e mercadorías. Ademais, entre outros beneficios, tamén é excepcionalmente seguro e conecta a persoas e empresas de toda a Unión a través da
Rede Transeuropea de Transporte (RTE-T).
A pesar destas vantaxes, só o 7% dos pasaxeiros e o 11% das mercadorías, aproximadamente, son transportados por ferrocarril.
O Ano Europeo do Ferrocarril pretende ser un impulso para aumentar a importancia deste medio no transporte de pasaxeiros e mercadorías, o que reduciría significativamente as emisións de gases de efecto invernadoiro e a contaminación procedente do transporte da Unión, contribuíndo enormemente ao
Pacto Verde Europeo.
En tanto que é o primeiro ano de plena aplicación do
cuarto paquete ferroviario, 2021 representará tamén un importante avance cara á consecución do espazo ferroviario europeo único, isto é, unha rede ferroviaria europea máis eficiente, cunha mobilidade transfronteiriza ininterrompida.
O 1 de xaneiro, a Comisión Europea puxo en marcha un
sitio web no que ofrece máis información sobre a iniciativa, así como un resumo das actividades previstas. Os distintos actos, proxectos e actividades organizados en toda a Unión destacarán as múltiples dimensións do ferrocarril, como son, entre outras, a industria ferroviaria europea, o papel do ferrocarril na cultura e o patrimonio europeos, a súa importancia para a conexión das rexións, persoas e empresas ou a súa contribución ao turismo sostible, así como o seu papel nas relacións da Unión cos países veciños.
O programa lexislativo da Comisión tamén será o reflexo do Ano Europeo do Ferrocarril ao incluír propostas sobre unha nova asociación industrial ferroviaria e mellores conexións entre o ferrocarril e outros modos de transporte, así como propostas para que o transporte de mercadorías sexa máis sostible en termos xerais, como sinala a
Estratexia de Mobilidade Sostible e Intelixente, recentemente adoptada pola Comisión.
Contexto
A iniciativa, proposta pola Comisión Europea en marzo e
adoptada polo Parlamento Europeo e o
Consello en decembro de 2020, forma parte dos esforzos da Unión no marco do Pacto Verde Europeo de conseguir unha redución do 90% das emisións asociadas ao transporte de aquí a 2050.
Para alcanzar este obxectivo, a Comisión adoptou a súa Estratexia de Mobilidade Sostible e Intelixente en decembro de 2020 que inclúe fitos tales como a duplicación do transporte ferroviario de mercadorías ou a triplicación da actividade do ferrocarril de alta velocidade de aquí a 2050. A Comisión presentará un plan de acción para impulsar o transporte ferroviario de pasaxeiros durante este ano, e a Estratexia prevé medidas para mellorar a capacidade e simplificar a expedición de billetes nos distintos modos de transporte a fin de aumentar aínda máis o atractivo do ferrocarril.
No segundo trimestre de 2021, a Comisión ten previsto, ademais, a revisión do regulamento actual da Rede Transeuropea de Transporte (RTE-T), para o que xa fixo un
primeiro chamamento a comentarios a finais do ano pasado.