Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

25/11/2020

As enerxías renovables mariñas como impulso cara a neutralidade climática

5199F_1606304937_sea_energy_ok.jpg
  • A Comisión Europea vén de presentar a Estratexia da UE sobre as Enerxías Renovables Mariñas para conseguir unha Europa climáticamente neutra en 2050.
  • Con esta estratexia a UE busca mobilizar todos os fondos necesarios para fomentar o desenvolvemento das concas marítimas en Europa e manter o liderado mundial en tecnoloxías de enerxía mariña.
Bruxelas, 25 de novembro de 2020. Para contribuír a alcanzar o obxectivo da UE de neutralidade climática de aquí a 2050, a Comisión Europea vén de presentar a Estratexia da UE sobre as Enerxías Renovables Mariñas. A Estratexia propón aumentar a capacidade de produción de enerxía eólica mariña de Europa do seu nivel actual de 12  GW a, como mínimo, 60  GW para 2030 e 300  GW para 2050. A Comisión pretende complementala con 40 GW de enerxía oceánica e outras tecnoloxías emerxentes, como as enerxías eólica e solar flotantes, de aquí a 2050.

Este crecemento ambicioso sustentarase no enorme potencial de todas as concas marítimas de Europa e na posición de liderado mundial das empresas da UE neste sector. Crearanse novas oportunidades para a industria, xeraranse empregos verdes en todo o continente e reforzarase o liderado mundial da UE en tecnoloxías de enerxía mariña. Tamén se garantirá a protección do medio ambiente, a biodiversidade e a pesca.

Para promover a expansión da capacidade en enerxía mariña, a Comisión fomentará a cooperación transfronteiriza entre os Estados membros en materia de planificación e implementación a longo prazo. Para iso será necesario integrar os obxectivos de desenvolvemento das enerxías renovables mariñas nos plans nacionais de ordenación do espazo marítimo que os Estados ribeiregos deben presentar á Comisión como moi tarde en marzo de 2021. 

A Comisión estima que se necesitará un investimento de case 800 000 millóns de euros de aquí a 2050 para alcanzar os obxectivos propostos. A fin de contribuír a xerar e liberar este investimento, a Comisión Europea:

  • Proporcionará un marco xurídico claro e de apoio. A Comisión velará por que as revisións das directrices sobre axudas estatais en materia de enerxía e protección do medio ambiente e da Directiva sobre enerxías renovables faciliten un despregamento das enerxías renovables mariñas máis eficiente en termos de custos. 
  • Axudará a mobilizar todos os fondos necesarios para fomentar o desenvolvemento do sector. A Comisión anima aos Estados membros a utilizar o Mecanismo de Recuperación e  Resiliencia e a colaborar co Banco Europeo de Investimentos e outras institucións financeiras para apoiar os investimentos en enerxía mariña a través de  InvestEU. Mobilizaranse fondos de Horizonte Europa para apoiar a investigación e o desenvolvemento, en particular en tecnoloxías menos maduras.
  • Garantirá unha cadea de subministración reforzada. A Comisión ten previsto crear unha plataforma específica sobre as enerxías renovables mariñas no marco do foro sectorial sobre enerxía limpa para reunir a todos os axentes e abordar o desenvolvemento da cadea de subministración.
As enerxías renovables mariñas son un mercado mundial en rápido crecemento, especialmente en Asia e nos Estados Unidos, e ofrecen oportunidades en todo o mundo para a industria da UE. A Comisión fomentará a adopción mundial destas tecnoloxías a través da diplomacia do Pacto Verde, da súa política comercial e dos diálogos da UE en materia de enerxía cos países socios.

Para analizar e supervisar o impacto ambiental, social e económico das enerxías renovables mariñas no medio mariño e nas actividades económicas, a Comisión consultará periodicamente a unha comunidade de expertos formada por autoridades públicas, partes interesadas e científicos. A Comisión tamén adoptou un novo documento de orientación sobre o desenvolvemento da enerxía eólica e a lexislación da UE en materia de protección da natureza.

Contexto
A enerxía eólica mariña produce electricidade limpa que compite coa tecnoloxía existente baseada en combustibles fósiles e ás veces é máis barata que esta. As industrias europeas están a desenvolver rapidamente unha serie de tecnoloxías alternativas co fin de aproveitar a capacidade dos nosos mares para producir electricidade verde. As empresas e laboratorios europeos están actualmente en primeira liña, desde aqueles que producen enerxía eólica mariña flotante ata os que usan tecnoloxías de enerxía oceánica, como a  undimotriz e a  mareomotriz, as instalacións fotovoltaicas flotantes e as algas para producir biocarburantes. 

A Estratexia subliña as oportunidades en todas as concas marítimas da UE, en especial as do mar do Norte, o mar Báltico, o mar Negro, a mediterránea e a atlántica, incluíndo así os potenciais beneficios destas tecnoloxías nas costas galegas que contan cos recursos naturais suficientes para apoiar o desenvolvemento da enerxía mariña no seu territorio.

Fonte: Comisión Europea

Máis información:

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante