Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

15/11/2018

O PE reclama máis dereitos para os pasaxeiros ferroviarios

O PE reclama máis dereitos para os pasaxeiros ferroviarios.jpg
  • Aumento da compensación por atraso
  • Mellora da asistencia ás persoas con mobilidade reducida
  • Máis facilidades para os ciclistas
Bruselas, 15 de novembro de 2018. As novas normas sobre dereitos dos pasaxeiros ferroviarios deben elevar a compensación por atraso e melloran a asistencia ás persoas con mobilidade reducida.

Os eurodeputados apoiaron modificar a normativa en vigor, de 2009, co obxectivo de mellorar a asistencia para persoas con mobilidade reducida, dar máis facilidades aos ciclistas e simplificar os procedementos de tramitación de queixas por atraso. Ademais, as compañías deberán mellorar a información que dan aos pasaxeiros sobre os seus dereitos e aumentar a compensación por atraso.

Aumento da compensación por atraso

Os eurodeputados queren incrementar a compensación por atrasos de máis dunha hora, do 25% ao 50% do prezo do billete. A indemnización debe ser compatible co dereito para continuar a viaxe ou a ser recolocado. 

En caso de atrasos de máis de 90 minutos, a compensación deberá alcanzar o 75% do prezo do billete, e a totalidade se o atraso supera as dúas horas. 

Para evitar que os pasaxeiros queden abandonados ao perder unha conexión, o Parlamento establece que os dereitos de información, asistencia e compensación son os mesmos en caso de contar cun único billete ou varios adquiridos nunha soa transacción. 

O pleno rexeitou as propostas para eximir aos operadores do pago de indemnización por “circunstancias extraordinarias”.

Mellora da asistencia a persoas con mobilidade reducida

A asistencia ás persoas con mobilidade reducida será gratuíta e, no caso das estacións máis grandes, non será necesaria unha notificación previa.

O texto aprobado polo  PE reduce a antelación coa que as persoas con mobilidade reducida deben notificar a súa necesidade de asistencia nas estacións máis pequenas. Así mesmo, establece a obrigación dos operadores ferroviarios a compensar aos pasaxeiros no caso de que os equipos de mobilidade sufran danos.

Máis espazo para bicicletas

Os pasaxeiros poderán levar bicicletas a bordo, tamén nos trens de alta velocidade, de longo percorrido, liñas internacionais e proximidades. A nova normativa establece ademais que todos os convois novos ou renovados deberán contar cun espazo específico e correctamente indicado para o transporte de bicicletas.

Uniformidade na aplicación das novas normas en toda a UE

O pleno tamén apoiou que se acelere a eliminación gradual das exencións utilizadas por varios Estados membros para aplicar só algúns puntos do regulamento de 2009. O  PE quere acabar con estas exencións no prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor da nova normativa. 

Os eurodeputados queren, ademais, que a normativa cubra tamén os servizos ferroviarios interurbanos. 

Próximos pasos

A actualización dos dereitos dos pasaxeiros de tren foi apoiada por 533 eurodeputados, 37 votaron en contra e 47 abstivéronse. As negociacións para definir a formulación final da nova normativa poderán comezar en canto o Consello adopte a súa posición común.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante