Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

04/08/2019

O goberno galego programa novas accións de voluntariado para a mocidade en espazos naturais ao abeiro do proxecto europeo Lewo

A Xunta de Galicia programa novas accións de voluntariado para a mocidade en espazos naturais ao abeiro do proxecto europeo Lewo. Fonte: © Xunta de Galicia.jpg
  • A Xunta, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, abriu hoxe o prazo de inscripción para unha nova quenda de actividades de voluntariado ambiental na que se ofertan 360 prazas para persoas entre 18 e 30 anos.  
  • A nova quenda de actividades desenvolverase de agosto a novembro en espazos como o Parque Nacional das Illas Atlánticas, os parques naturais de Baixa Limia-Serra do Xurés, Corrubedo e Monte Aloia, ou algunha das Reservas da Biosfera que hai en Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2019. A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, acaba de abrir o prazo de inscripción para unha nova quenda de actividades entre agosto e novembro para a conservación e divulgación do medio ambiente ao abeiro do proxecto europeo Life Envergreen with Volunteer (Lewo). Esta será a segunda quenda do ano nesta iniciativa aprobada no marco do programa LIFE 2016 da Comisión Europea. 

Nesta nova quenda de actividades de voluntariado ambiental se ofertan un total de 360 prazas para persoas entre os 18 e 30 anos, as cales realizarán tarefas de limpeza, control de flora exótica prexudicial para os hábitats, obradoiros didácticos e de sensibilización e actividades de ocio educativo, entre outras accións. A xente nova interesada poderá anotarse nas intervencións programadas ata tres días antes da realización de cada actividade e a admisión será por orde de inscrición, ata cubrir a totalidade das prazas convocadas. As persoas seleccionadas recibirán un correo electrónico de confirmación da praza. Toda a información sobre as datas e características das actividades propostas poden consultarse na páxina web de Voluntariado Galego.

Esta nova convocatoria de actividades de voluntariado xa fora adiantada o pasado 1 de agosto pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cristina Pichel, e pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante a súa visita ás mozas e mozos que participaron no campo de voluntariado do Courel da quenda anterior.

Nese encontro, Cristina Pichel destacou que o obxectivo principal do proxecto europeo Lewo é concienciar á xente nova sobre a importancia de respectar e poñer en valor diferentes espazos naturais da comunidade galega de gran valor ambiental, ao tempo que se aposta polo voluntariado ambiental. 

Pola súa banda, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, incidiu na importancia que ten este proxecto de cara ao obxectivo de dar a coñecer o patrimonio natural de Galicia a través da promoción de tarefas de voluntariado ambiental entre os mozos galegos en zonas emblemáticas da comunidade autónoma. Concretamente, detallou que entre os meses de agosto e novembro vanse realizar actividades de voluntariado no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas; nos Parques Naturais da Baixa Limia-Serra do Xurés, no Monte Aloia e no Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; así como en tres das seis Reservas da Biosfera que hai declaradas en Galicia: Río Eo, Oscos e Terras de Bourón; As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e Terras do Miño.

Así mesmo, durante esta nova quenda tamén está prevista a realización de actividades na que aspira a ser a sétima Reserva da Biosfera da comunidade, a da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, unha candidatura na que a Xunta está a traballar, como lembrou Belén do Campo, co fin de presentala o antes posible ante a UNESCO.

Intervencións arqueolóxicas no Courel
As directoras xerais de Xuventude e de Patrimonio Natural compartiron esa xornada coa vintena de mozas e mozos galegos e procedentes doutras comunidades autónomas, que desde o día 22 de xullo ata o día 2 de agosto conviviron no campo de voluntariado do Courel. Durante eses días colaboraron en intervencións arqueolóxicas nos castros e xacementos existentes na zona, e ademais coñeceron máis en profundidade esta contorna ao realizaren rutas, saídas e visitas a lugares de interese.

Os campos de voluntariado forman parte da programación da Campaña de Verán 2019, a través da que se ofertan 30 propostas diferentes, cinco delas novas: A terra que habita no mar, no concello do Grove; outro campo de protección e recuperación das dunas de Corrubedo, en Ribeira; un terceiro de temática ambiental en Manzaneda; un campo en Ourense denominado Riós, unha mar de castiñeiros; e por último, o primeiro campo de voluntariado intermunicipal que leva por nome Vía Xacobea: vía da prata e que se celebrará en Boqueixón e Vedra.

A programación estival da Xunta de Galicia achega á mocidade preto de 10.000 prazas, distribuídas entre campos de voluntariado, programas de intercambio con outras comunidades autónomas, actividades concertadas e actividades para maiores de 18 anos.

Fonte: Xunta de GaliciaXunta de Galicia

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante