Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

06/06/2019

20.000 mozos máis terán a oportunidade de explorar Europa grazas á iniciativa DiscoverEU

Case 50.000 mozos de toda Europea beneficiáronse xa da iniciativa DiscoverEU.jpg
  • Case 95.000 mozos presentáronse candidatos para a terceira edición desta nova iniciativa da UE destinada á mocidade. 
  • Uns 20.000 europeos de 18 anos foron seleccionados para recibir un bono de viaxe DiscoverEU e poderán viaxar entre o 1 de agosto de 2019 e o 31 de xaneiro de 2020 durante un período de ata 30 días.
Bruxelas, 6 de xuño de 2019.  A terceira edición de DiscoverEU, unha iniciativa da Comisión Europea, atraeu candidaturas de case 95.000 mozos de todos os Estados membros da UE durante un período de dúas semanas, o cal finalizou o pasado 16 de maio de 2019. En total, seleccionouse a uns 20.000 mozos europeos sobre a base dunha serie de criterios de adxudicación e tendo en conta a cota fixada para cada Estado membro da UE.

Tibor  Navracsics, titular da carteira de Educación, Cultura, Mocidade e Deporte na Comisión Europea declarou satisfeito ao respecto que, «este mes, DiscoverEU celebra o seu primeiro aniversario. En só un ano, uns 275.000 mozos europeos solicitaron formar parte desta experiencia e sobre 50.000 recibiron un bono de viaxe. Estou orgulloso de ver que cada vez son máis os mozos que están a explorar a riqueza da nosa historia e cultura, facendo novos amigos fóra do seu país, volvéndose máis independentes e autosuficientes, compartindo experiencias e emocións e, en última instancia, descubríndose a si mesmos», apuntou o comisario húngaro.

Agora contactarase aos gañadores da terceira edición para que poidan reservar as súas viaxes. Os premiados poderán viaxar sós ou en grupos de cinco persoas como máximo, entre o 1 de agosto de 2019 e o 31 de xaneiro de 2020 durante un período de ata 30 días. A maioría deles viaxarán en tren, aínda que se poderán usar outros medios de transporte en casos excepcionais.

Ademais do bono de viaxe, os participantes recibirán apoio técnico e orientación sobre temas como as viaxes sustentables e o que significa ser embaixador de DiscoverEU. Así mesmo, convidaráselles a contar as súas experiencias de viaxe a través de redes sociais como Instagram, Facebook e Twitter, ou ben facendo unha presentación na súa escola ou na súa comunidade local. Tamén poderán poñerse en contacto con outros viaxeiros de  DiscoverEU nas redes sociais e compartir con eles as súas historias e consellos.

Tamén serán convidados a asistir ás primeiras reunións DiscoverEU, as cales se celebrarán en diversos lugares de toda Europa, sobre temas específicos como a sustentabilidade ou o patrimonio cultural. A primeira desas reunións celebrarase na cidade holandesa de Nimega os días 12 e 13 de xullo, e tratará con especial atención a sustentabilidade.

A Comisión Europea ten previsto poñer en marcha a próxima rolda de candidaturas antes de finais deste ano, cando haberá dispoñibles outros 20.000 bonos de viaxe.

Contexto
DiscoverEU é unha experiencia de viaxe para mozas ou pequenos grupos de mozos, incluídos os procedentes de contornas desfavorecidas, que resulta accesible e sinxela. A iniciativa ofrece aos mozos de 18 anos a oportunidade de coñecer o patrimonio e a diversidade cultural de Europa, entrar en contacto con outros mozos e explorar a súa identidade europea. DiscoverEU púxose en marcha en xuño de 2018, tras unha proposta de acción preparatoria do Parlamento Europeo, contando cun orzamento inicial de 12 millóns de euros para o 2018.

As dúas primeiras roldas de candidaturas deron a uns 30.000 mozos europeos a oportunidade de viaxar e coñecer por Europa. Para o ano 2019, o Parlamento Europeo aprobou un orzamento de 16 millóns de euros destinado en exclusiva a DiscoverEU. A Comisión Europea ten previsto poñer en marcha a próxima rolda de candidaturas antes de que acabe 2019. No Portal Europeo da Mocidade publicaranse no seu momento as datas concretas e información adicional.

Tendo en conta o interese mostrado polos mozos viaxeiros en DiscoverEU, a Comisión está a traballar para mellorar a iniciativa baseándose nas opinións daqueles e das principais partes interesadas. Ata a data, as reaccións de case 5.500 participantes da primeira rolda indican que, para eles, o DiscoverEU é unha experiencia de aprendizaxe valiosa e inclusiva que contribúe á participación cidadá, ao crecemento persoal e ao desenvolvemento de capacidades. 

Viaxar ofrece aos mozos a oportunidade de aumentar a confianza en si mesmos e desenvolver competencias crave como as lingüísticas e interculturais, a adaptabilidade, a  resiliencia, as capacidades interpersoais, a facultade de resolución de problemas ou a capacitación en materia de organizativa e de creación de espírito de equipo. Dous terzos dos participantes indicaron que non poderían financiar os seus gastos de viaxe sen  DiscoverEU. Para algúns dos participantes, era a primeira vez que viaxaban sós, sen os seus pais ou titores legais.

En maio de 2018, a Comisión propuxo destinar 700 millóns de euros a DiscoverEU como parte do futuro programa Erasmus+ con cargo ao próximo orzamento a longo prazo da UE para o periodo 2021-2027. Se o Parlamento Europeo e o Consello aproban a proposta, outro millón e medio de mozos de 18 anos poderán viaxar durante eses sete anos.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante