Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

07/01/2019

Capitais Europeas da Cultura de 2019: Plovdiv e Matera

Capitais Europeas da Cultura de 2019:  Plovdiv e Matera.jpg
  • Durante o 2019  Plovdiv (Bulgaria) e  Matera (Italia) ostentarán o título de Capital Europea da Cultura
  • En ambas cidades celebraranse numerosos eventos culturais debido a esta designación
Bruxelas, 7 de xaneiro de 2019. A cidade italiana de Matera e a búlgara de  Plovdiv proclamáronse en 2014 Capitais Europeas da Cultura 2019. A iniciativa, en marcha desde 1985, ten como fin destacar a riqueza e diversidade cultural de Europa, así como reafirmar os trazos culturais que comparten os europeos, impulsar a contribución da cultura ao desenvolvemento das urbes ou fomentar o turismo.

Previamente á designación dunha cidade como Capital Europea da Cultura, os Estados membros que foron seleccionados publican unha convocatoria de candidaturas con seis anos de antelación. A posteriori, as cidades interesadas en participar deben presentar as súas respectivas propostas e un grupo de especialistas independentes da área cultural encárgase de estudalas.  

Neste sentido, as Capitais Europeas da Cultura elíxense, oficialmente, catro anos antes do ano no que o van a ser. Durante este período, o grupo de especialistas xunto coa Comisión Europea ofrece apoio e asesoramento á cidade. Tal é así, que xa se coñecen as Capitais Europeas da Cultura 2020, 2021 e 2022, que son, respectivamente,  Rijeka (Croacia) e  Galway (Irlanda);  Timișoara (Romanía),  Elefsina (Grecia) e  Novi  Sad (Serbia); e  Kaunas (Lituania) e  Esch (Luxemburgo).

Plovdiv

Plovdiv é a primeira cidade búlgara en ser elixida Capital Europea da Cultura. Cun programa completo baixo o lema «Xuntos», o ano 2019 brindará novas oportunidades á rexión e dará visibilidade internacional á cidade. A cidade organizará máis de trescentos proxectos. Desde a posibilidade de descubrir o alfabeto  cirílico a través de varias exposicións ata a de sumarse a producións teatrais cos Balcáns Occidentais e as comunidades  romaní e turca: os visitantes terán un amplo abanico de actividades nas que poder participar. 

As celebracións de inauguración terán lugar do 11 ao 13 de xaneiro, cunha serie de actos no interior e o exterior, que incluirán espectáculos musicais,  lumínicos e de danza na tarde do 12 de xaneiro. A comisaria de Economía e Sociedade Dixitais,  Mariya Gabriel, asistirá á cerimonia de inauguración oficial o 12 de xaneiro.

Matera

O programa de  Matera, que se organizou baixo o lema «Un Futuro aberto», centrarase especialmente na inclusión social e cultural e na innovación colaborativa. Entre as actividades máis destacadas, cabe citar «Ars  Excavandi», unha mirada contemporánea á historia e a cultura da arquitectura subterránea; «Relendo o renacemento», unha viaxe a través do pasado artístico de  Basilicata e da  Apulia, e «Poesía dos números primos», unha exposición sobre o papel fundamental que desempeñaron as matemáticas no labor dos artistas de todos os tempos.  

Matera tamén ofrecerá por primeira vez unha representación ao aire libre da ópera  Cavalleria  Rusticana en cooperación co Teatro de San Carlo, así como vinte e sete proxectos desenvoltos con comunidades creativas locais e con outras asociadas de Europa. As celebracións de apertura, que terán lugar os días 19 e 20 de xaneiro, reunirán a dous mil músicos procedentes de todos os pobos da rexión de  Basilicata e doutras moitas partes de Europa. O comisario  Navracsics asistirá á cerimonia de inauguración oficial o 19 de xaneiro.

Antecedentes

Melina  Mercouri, a entón ministra grega de Cultura, tomou a iniciativa de comezar en 1985 coa Capital Europea da Cultura. Desde entón, converteuse nunha das iniciativas culturais máis destacadas de Europa. As cidades selecciónanse en función dun programa cultural, que debe ter unha marcada dimensión europea, fomentar a participación e o compromiso activo dos habitantes da cidade e contribuír ao desenvolvemento a longo prazo desta e da rexión circundante.

Ostentar o título de Capital Europea da Cultura brinda tamén unha oportunidade excelente ás cidades de cambiar de imaxe, darse coñecer a nivel mundial, atraer a máis turistas e reformularse o seu desenvolvemento a través da cultura. O título en si ten un impacto a longo prazo, non só na cultura, senón tamén no aspecto social e económico, tanto na cidade como en toda a rexión.

En 2018, foron a capital  maltesa da  Valeta e a cidade  neerlandesa de  Leeuwarden as Capitais Europeas da Cultura. 


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante