Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

10/12/2018

A Xunta reúnese en Oviedo co comité de expertos encargado do seguimento da carta europea das linguas

A Xunta de Galicia reuniuse co comité de expertos encargado do seguimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.jpg
  • O secretario xeral de Política Lingüística deu conta das principais liñas de actuación postas en marcha desde a Administración autonómica durante o período 2012-2014, no que se centrará o quinto informe sobre o tratado internacional ratificado por España
Oviedo (Asturias), 10 de decembro de 2018. A Xunta de Galicia reuniuse hoxe ao mediodía en Oviedo co comité de expertos encargado do seguimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM), o tratado internacional subscrito por España e ratificado no ano 2001 a prol do uso das linguas cooficiais. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, foi o encargado de dar conta das principais liñas de actuación no tocante á lingua propia de Galicia e á súa normalización correspondentes ao período 2014-2016, no que se centrará o quinto informe que está previsto que emitan os devanditos especialistas o vindeiro ano, así como das actualmente en marcha desde a Administración autonómica.

Na xuntanza institucional, o titular da Política Lingüística da Xunta respondeu as cuestións formuladas polo comité de expertos, co fin de ampliar e complementar os datos do correspondente quinto informe que a Dirección General de Cooperación Autonómica do Ministerio de Política Territorial y Administración Pública do Goberno España elaborou sobre o cumprimento da CELRM, que lle remitiu á Comisión Europea en decembro de 2017 e que o comité tomará como base para valorar o grao de aplicación e emitir as súas recomendacións, se for necesario, para mellorar a lexislación, as políticas e as prácticas en materia lingüística.

Administración, xustiza, educación

García Gómez destacou as accións impulsadas nos principais ámbitos sociais, como son a administración, a xustiza ou a educación. O secretario xeral incidiu na posta en marcha do portal xurídico lex.gal -onde xuristas e cidadanía poden atopar en galego a versión consolidada e actualizada de toda a lexislación ditada pola Comunidade Autónoma galega desde o ano 1981- ou na posta en funcionamento en galego da plataforma de intercambio seguro de información entre os órganos xudiciais e os operadores xurídicos, LexNET.

No eido educativo, o secretario xeral destacou o feito de que os datos oficiais dos últimos cinco anos mostran a consecución e o mantemento do equilibrio no uso do galego e do castelán como idiomas vehiculares nas diferentes etapas de ensino preuniversitario, así como o feito de que, segundo datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) o galego é a lingua cooficial de España que presenta uns mellores índices de coñecemento por parte da poboación. García Gómez atribuíu esta circunstancia ao éxito do modelo educativo galego, así como aos esforzos que realiza a Administración autonómica na formación de adultos. Neste sentido, lembrou que este ano se puxo por primeira vez en marcha un curso Celga 4 en liña e que para o próximo entrará en funcionamento o correspondente ao Celga 3, “o que lles facilitará o acceso á aprendizaxe do galego a persoas de calquera punto de Galicia e mesmo do exterior”.
En relación ao ensino, o titular de Política Lingüística quixo destacar tamén o incremento do alumnado de galego que se vén producindo no Bierzo e Sanabria e que este ano alcanzou os 1112 estudantes de infantil, primaria, secundaria e escolas oficiais de idiomas matriculados no programa de promoción da lingua galega en León e Zamora, un programa que é posible grazas ao protocolo asinado entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León.

Rexionais ou minoritarias, sen territorio e oficiais menos empregadas

A CELRM, elaborada no seo do Consello de Europa, é un instrumento deseñado, por unha banda, para protexer e promover as linguas rexionais e minoritarias (arredor de 45 en toda a UE) e, pola outra, para axudar a crear as condicións idóneas para que os falantes destas linguas (uns 40 millóns de europeos) as poidan usar na súa vida privada e pública. Céntrase nas linguas rexionais e minoritarias, as linguas sen territorio e as linguas oficiais menos usadas, sen tomar como referencia nin aquelas que chegaron a Europa tras os recentes movementos migratorios nin as variedades das linguas oficiais.

A CELRM proponse como principal obxectivo que os estados se animen a aplicala a todas as linguas minoritarias que existan dentro do seu territorio e recolle unha serie de medidas concretas que se deseñaron para facilitar e animar a usar as linguas rexionais e minoritarias na vida pública. Non abrangue aquelas linguas que chegaron a Europa tras os recentes movementos migratorios nin tampouco os dialectos das linguas oficiais.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante