Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

11/09/2018

Luz verde ao Corpo Europeo de Solidariedade

Corpo Europeo de Solidariedade.jpg
  • Voluntariado e emprego para mozos de 18 a 30 anos
  • Protección do medio ambiente, educación e integración de inmigrantes, entre as áreas prioritarias
  • O orzamento para 2018-2020 ascende a 375,6 millóns de euros
Bruxelas, 11 de setembro de 2018. O novo Corpo Europeo de Solidariedade, aprobado o hoxe polo  Parlamento Europeo, dará a oportunidade aos mozos de participar en proxectos solidarios por todo o continente. 

O pleno apoiou, con 519 votos a favor, 132 en contra e 32 abstencións, o regulamento que  institúe o Corpo. A iniciativa foi anunciada polo presidente  Juncker durante o seu discurso sobre o estado da Unión en setembro de 2016. 

Cunha dotación de 375,6 millóns de euros para 2018-2020, o proxecto busca promover o espírito solidario dos mozos e facilitarlles experiencia en actividades de protección do medio ambiente, a educación, a prevención de desastres, a subministración de produtos alimentarios e de primeira necesidade, e a recepción e integración de inmigrantes e solicitantes de asilo. 

O 90% dos fondos será para financiar tarefas de voluntariado, mentres que o 10% restante destinarase á rama ocupacional do programa (prácticas remuneradas e empregos en organizacións e empresas). A Comisión Europea propuxo un orzamento de 1.260 millóns de euros para o período 2021-2027. 

Os interesados, que deben ter entre 17 e 30 anos (18 anos cumpridos ao comezo da actividade), poden inscribirse na páxina do Corpo Europeo de Solidariedade. Os proxectos serán xestionados por organizacións acreditadas cun “selo de calidade” outorgado pola Comisión. Os mozos rexistrados tamén poderán agruparse, un mínimo de cinco, para crear e xestionar as súas propias actividades solidarias. 

Os participantes recibirán unha contribución para cubrir os seus gastos de viaxe e de seguro, unha axuda para manutención e aloxamento gratuíto, así como unha cantidade de peto. 

A Comisión Europea publicou o 10 de agosto unha convocatoria para a presentación de propostas de proxectos.  

Apoio a mozos con dificultades

Os eurodeputados insisten en que o programa debe ser accesible para mozos con menos oportunidades, como persoas con discapacidade, procedentes de comunidades illadas ou  marxinalizadas, con dificultades de aprendizaxe ou problemas de saúde. A Comisión e os países deberán adoptar medidas para facilitar a súa participación, así como asistencia personalizada. 

Evitar a explotación

O Parlamento tamén quere evitar que os voluntarios sexan utilizados para desempeñar traballos que deberían ser remunerados. O período máximo para actividades voluntarias será de doce meses, mentres que as prácticas poderán oscilar entre 2 e 6 meses (renovables unha vez), e os contratos laborais serán para mínimo tres meses.

España, líder en número de participantes

Desde decembro de 2016, cando se abriron as inscricións, ata agosto de 2018, rexistráronse ao redor de 72.000 mozos para participar na iniciativa. España, con máis de 11.000 inscritos, sitúase á cabeza. 

España está tamén entre os países máis atractivos para os mozos interesados en tarefas solidarias. Dos máis de 7.000 mozos que xa participan ou participaron en proxectos do programa, máis de 500 actividades efectuáronse no noso país, só superado por Italia e Romanía. 

Fonte: Parlamento Europeo

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante