Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

06/04/2018

Erasmus+ faise virtual

Erasmus+.jpg
  • Erasmus+, un dos programas máis emblemáticos e de maior éxito da Unión Europea, engade unha versión en liña ás súas accións de mobilidade, a fin de conectar a máis estudantes de países europeos e da vecindade sur da Unión Europea.

Bruxelas, 06 de abril de 2018. A Comisión Europea puxo en marcha a iniciativa ‘Intercambios Virtuais Erasmus+’, proxecto dirixido a fomentar o diálogo intercultural e a mellorar as competencias de, polo menos, 25.000 mozos a través de instrumentos de aprendizaxe dixital durante os próximos dous anos. O proxecto abarca os 33 países de Erasmus+ e os países da ribeira sur do Mediterráneo; a saber: Alxeria, Exipto, Israel, Xordania, Líbano, Libia, Marrocos, Palestina, Siria e Tunes. 

A versión en liña de Erasmus+ será un complemento do programa de mobilidade física tradicional e poderá ampliarse no futuro a outras rexións do mundo.

Tibor  Navracsics, comisario de Educación, Cultura, Mocidade e Deporte, declarou que “aínda que Erasmus+ é un programa de gran éxito, non sempre é accesible a todo o mundo. A través de Intercambios Virtuais Erasmus+ facilitaremos o establecemento de máis contactos entre as persoas, chegaremos a mozos de distintas orixes sociais e promoveremos o entendemento intercultural”.

‘Intercambios Virtuais Erasmus+’ conectará aos mozos a través de debates con moderador, grupos de proxectos  transnacionais, cursos en liña abertos e formación no campo da defensa dos intereses colectivos. Por exemplo, os mozos de distintos países poderán conectarse unha vez á semana para dialogar sobre temas como os acontecementos económicos ou o cambio climático, actividade que será estimulada por un moderador e se baseará en materiais preparatorios distribuídos con antelación.

Todas as actividades realizaranse como parte de programas de educación superior ou proxectos organizados para os mozos. Durante a súa fase preparatoria, ‘Intercambios Virtuais Erasmus+’ xa suscitou interese entre as universidades e as organizacións da mocidade. Así, xa se estableceron 50 asociacións e 40 persoas recibiron formación como facilitadores a fin de poder moderar os debates.

Antecedentes 

Durante a fase piloto, cun orzamento de 2 millóns de euros ata decembro de 2018, a iniciativa «Intercambios Virtuais Erasmus+» chegará como mínimo a 8.000 mozos. En caso de éxito, preténdese a súa renovación ata finais de 2019 coa fin de chegar a 17.000 persoas máis. No futuro, Intercambios Virtuais Erasmus+ podería converterse nunha acción periódica e ampliarse para chegar mesmo a máis mozos doutras rexións. 

Erasmus+ xa apoia a mobilidade para a aprendizaxe e a docencia entre os países veciños situados ao sur da UE e esta. Desde 2015, financiáronse máis de 1.000 proxectos europeos entre universidades europeas e da ribeira sur do Mediterráneo, que teñen previsto conseguir que veñan a Europa ao redor de 15.000 estudantes e docentes de países da ribeira sur do Mediterráneo, mentres que máis de 7.000 europeos ensinarán ou estudarán nos devanditos países. Ademais, unhas 2.200 persoas, tanto mozos dos países veciños situados ao sur da UE como animadores xuvenís, participan en proxectos de aprendizaxe non formal cada ano. 

Fonte: Comisión Europea

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante