Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

28/10/2021

A Comisión reactiva a revisión da gobernanza económica da UE

Foto: Freepik
Bruxelas, a 28 de outubro de 2021. A Comisión Europea vén de adoptar unha Comunicación que fai balance dos cambios nas circunstancias da  gobernanza económica por mor da crise da COVID-19 e reactiva o debate público sobre a revisión do marco de  gobernanza económica da UE. A Comunicación dá seguimento ao compromiso contraído pola presidenta Von der Leyen no seu discurso sobre o estado da Unión de chegar a un consenso sobre o futuro da  gobernanza económica da UE. A Comisión suspendera ese debate público, iniciado en febreiro de 2020, para centrar a atención en responder as repercusións económicas e sociais da pandemia de COVID-19.

A reactivación do debate apoiarase tanto na análise da eficacia do marco de supervisión económica presentado en febreiro de 2020 como nas leccións extraídas da crise da COVID-19 que se expoñen na Comunicación recentemente adoptada pola Comisión. Convídase a todas as partes interesadas clave a participar neste debate público para chegar a un consenso sobre o futuro do marco de gobernanza económica. É esencial contar cun marco que poida apoiar plenamente aos Estados membros no labor de paliar as consecuencias económicas e sociais da pandemia de COVID-19 e abordar os desafíos máis perentorios da UE.

A Comisión terá en conta todas as opinións expresadas neste debate público. No primeiro trimestre de 2022 ofrecerá orientacións en materia de política orzamentaria para o período vindeiro co fin de facilitar a coordinación das políticas orzamentarias e a preparación dos programas de estabilidade e converxencia dos Estados membros. Esas orientacións reflectirán a situación económica xeral, a situación específica de cada Estado membro e o debate sobre o marco de  gobernanza económica. A Comisión proporcionará orientacións sobre posibles cambios do marco de  gobernanza económica a fin de lograr coa suficiente antelación un amplo consenso sobre o camiño para seguir, para 2023.

Un novo contexto tras a pandemia de COVID-19
Desde a súa instauración, o marco de  gobernanza económica da UE guiou aos Estados membros nos seus esforzos por alcanzar os seus obxectivos de política económica e orzamentaria, coordinar as súas políticas económicas, corrixir os desequilibrios macroeconómicos e garantir unhas finanzas públicas saneadas. O marco foi evolucionando co tempo e introducíronse cambios, como os paquetes de seis e de dúas medidas lexislativas, para dar resposta a novos retos económicos.

A pesar desta evolución persistían algunhas debilidades que o marco orzamentario non conseguiu emendar de maneira efectiva. Ao mesmo tempo, o marco volveuse cada vez máis complexo. E a iso engádese que o contexto económico cambiou significativamente desde que se adoptaron inicialmente as normas.

Estas e outras dificultades xa eran perceptibles en febreiro de 2020, cando a Comisión presentou a súa Comunicación sobre a revisión da gobernanza económica da UE. Aínda que as principais conclusións da revisión seguen sendo válidas e pertinentes, as graves repercusións da crise da COVID-19 resaltan e acentúan aínda máis os desafíos aos que se enfronta o marco.

Novos desafíos e leccións extraídas
O debate público sobre a revisión do marco de gobernanza económica deberá tomar en consideración e abordar os temas sinalados na Comunicación de 2020, a saber, como podemos asegurar unhas finanzas públicas sostibles, corrixir os desequilibrios macroeconómicos e evitar que xurdan outros novos, simplificar as normas vixentes e reforzar a súa transparencia, a implicación dos interesados e o control do seu cumprimento.

A revisión do marco de gobernanza económica da UE tamén debe reflectir os novos retos que puxo de relevo a crise da COVID-19. Así mesmo, poderían extraerse ensinos útiles da satisfactoria resposta política da UE á pandemia, en particular da gobernanza do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

Un debate aberto e integrador
Unha participación ampla e integradora que reúna a todas as partes interesadas é crucial para lograr un consenso xeral sobre o camiño que debe seguir o marco de gobernanza económica da UE. Por tanto, a Comisión convida as partes interesadas a participar no debate e expresar os seus puntos de vista sobre como funcionou ata  agora o marco e sobre as posibles solucións para reforzar a súa eficacia. Entre esas partes interesadas figuran as demais institucións europeas, as autoridades nacionais, os interlocutores sociais e o mundo académico.

O debate terá lugar a través de diversos foros, tales como reunións específicas, talleres e a enquisa en liña. Convídase aos cidadáns, ás organizacións e ás autoridades públicas a que presenten as súas contribucións non máis tarde do 31 de decembro de 2021.


Máis información

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante