Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

27/11/2019

O orzamento da UE para 2020 apróbase no Parlamento Europeo cunha inversión maior en clima, emprego e xuventude

O presidente do Parlamento Europeo, David Sassoli, firmando o novo orzamento da UE para o ano 2020. Fonte:© European Union 2019 (EP).jpg
  • Este orzamento incorpora máis de 500 millóns de euros a maiores dedicados á acción climática.
  • Destaca tamén o apoio aos mozos mediante o impulso ao Erasmus e a loita contra o desemprego xuvenil.
  • É o último orzamento anual dentro do marco financeiro actual 2014-2020.
Estrasburgo, 27 de novembro de 2019. Para o orzamento da UE do próximo ano, os eurodeputados conseguiron hoxe na sesión plenaria en Estrasburgo un mellor apoio para protexer o clima, impulsar a investigación, os investimentos en infraestruturas e axudar aos mozos.

O Parlamento Europeo obtivo en total 850 millóns de euros adicionais para as súas prioridades:
  • Máis de 500 millóns de euros máis se destinarán a gastos relacionados co clima.
  • Máis 302 millóns de euros serán para proxectos de investigación.
  • Máis 133 millóns de euros asignaranse aos investimentos en infraestrutura de rede (no marco do Mecanismo Conectando Europa).
  • Máis 50 millóns de euros investiranse no programa Erasmus+ e 28,3 millóns irán para a Iniciativa para o emprego dos mozos (con 50 millóns de euros adicionais que se engadirán en 2020 se fose necesario).
Os créditos de compromiso globais para 2020 ascenden a 168.700 millóns de euros (un aumento do 1,5 % con respecto a 2019); os créditos de pago ascenden a 153.600 millóns de euros (+3,4 % con respecto a 2019).

O Consello aprobou formalmente o acordo alcanzado co Parlamento Europeo o pasado 25 de novembro, e pola súa banda a Eurocámara aprobou o orzamento este mércores por 543 votos a favor, 136 en contra e 23 abstencións. A continuación, o Presidente do Parlamento, o italiano David Sassoli, ratificouno como lei.

Perspectivas do equipo de negociación do Parlamento
Durante o debate celebrado no pleno parlamentario, varios membros do equipo de negociación do Parlamento ofreceron a súa visión persoal sobre o novo orzamento da UE.

Para o belga Johan Van Overtveldt, presidente da Comisión de Orzamentos, este orzamento da UE para 2020 representa «un orzamento sólido, responsable e orientado ao futuro. Debemos ter o valor de continuar nesta dirección no futuro. Agora debemos optar por un orzamento a longo prazo para 2021-2027 que teña en conta, de forma explícita, clara e audaz, as necesidades dos nosos cidadáns. Un orzamento centrado na innovación, a competitividade, o clima, as infraestruturas, a seguridade e a xestión da migración, que son os ámbitos nos que Europa pode ofrecer un valor engadido absoluto en comparación coas accións a nivel nacional».

Pola súa banda, a alemá Monika Hohlmeier, relator principal (sección do orzamento da Comisión) valorou o feito de contar con «850 millóns de euros máis para o cambio climático, especialmente nos ámbitos da investigación e a innovación, os mozos e a dixitalización. Conseguimos un gran acordo para crear postos de traballo e aumentar a competitividade da Unión Europea. Conseguimos aumentar as liñas orzamentarias relativas á protección do clima en 504 millóns de euros e garantir que o próximo ano máis do 21% do gasto estea relacionado co clima. Isto supera claramente o obxectivo do 20% da UE», finalizou Hohlmeier.

Finalmente, a eurodeputada española Eider Gardiazabal Rubial, relatora das outras seccións, afirmou que «se trata dun acordo moi positivo para a Unión Europea. Pero aínda estamos lonxe do orzamento do 1,3% da RNB que esiximos para o marco financeiro a longo prazo 2021-2027; lonxe do ambicioso orzamento que podería ser un punto de inflexión na loita contra o cambio climático e as desigualdades».

Contexto
Os pagos refírense ao que se vai a gastar concretamente no ano do orzamento, é dicir, 2020. Por outra banda, os compromisos son o importe total que pode gastarse ao longo de varios anos para un determinado proxecto ou programa.

O Parlamento Europeo e o Consello dispoñían de 14 días a partir da data do acordo informal (18 de novembro) para aprobar o texto conxunto. Unha vez aprobado por ambas as institucións, o Presidente do Parlamento asina o orzamento e declárao definitivamente aprobado.

Os detalles sobre o acordo orzamentario do 18 de novembro poden ser consultados aquí. Ademais, todos os interesados poden obter máis información sobre o acordo para o orzamento da UE en 2020 nesta ligazón.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante