Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

05/06/2019

A Comisión Europea formula novas recomendacións no paquete de primavera do Semestre Europeo 2019 aos Estados da UE para un crecemento económico sustentable, integrador e a longo prazo

A Comisión Europea vén de aprobar as recomendacións para os Estados membros no paquete de primavera do Semestre Europeo 2019. Fonte: ©European Union, 2014. Fotógrafo: Boris Roessler.jpg
  • A Comisión presentou as súas recomendacións específicas por país (REP) de 2019, nas que expón as orientacións en materia de política económica que dirixe a cada Estado membro para os 12 a 18 próximos meses.
  • O órgano executivo da UE tamén recomendou pechar o procedemento de déficit excesivo para España e adopta unha serie de documentos no marco do Pacto de Estabilidade e Crecemento.
Bruxelas, 5 de xuño de 2019. A economía europea está a crecer por sétimo ano consecutivo e prevese que siga expandíndose en 2020, cun crecemento de todas as economías dos Estados membros a pesar dunhas condicións menos favorables e as incertezas mundiais. O número de persoas empregadas alcanzou un valor récord e a taxa de desemprego, un nivel excepcionalmente reducido. Ao mesmo tempo, segue habendo importantes diferenzas entre os países, as rexións e os grupos de poboación. Neste contexto, a Comisión insta os Estados membros a que se baseen nos progresos alcanzados nos últimos anos. Unhas reformas eficaces, acompañadas de estratexias de investimento ben orientadas e políticas orzamentarias responsables, seguen proporcionando unha orientación eficaz para a modernización da economía europea.

As recomendacións específicas por país de 2019
As recomendacións presentadas hoxe ofrecen orientacións aos Estados membros para responder adecuadamente os retos económicos e sociais persistentes e novos, e para cumprir os seus principais obxectivos políticos compartidos. O contido das recomendacións reflicte as prioridades xerais establecidas no Estudo Prospectivo Anual sobre o Crecemento 2019 e a Recomendación de 2019 sobre a política económica para a zona do euro emitida en novembro. Ditas recomendacións baséanse na análise detallada dos informes por país publicados en febreiro e na avaliación dos programas nacionais presentados en abril. A retardación do crecemento mundial reforza a necesidade de proseguir as reformas estruturais, dando prioridade a aquelas destinadas a propiciar un crecemento sustentable e integrador. Os Estados membros deben avanzar na converxencia social, en consonancia co alicerce europeo de dereitos sociais. Dacordo coa recomendación para a zona do euro, os Estados membros tamén deben proceder a un reequilibrio máis simétrico en toda esa zona e proseguir os seus esforzos por reforzar o mercado único e profundar na Unión Económica e Monetaria europea.

As recomendacións específicas por país para 2019 inclúen a de poñer unha maior atención na identificación e priorización das necesidades de investimento a nivel nacional e a de prestar especial atención ás disparidades rexionais e territoriais. Este obxectivo está en consonancia coa análise exhaustiva das necesidades e obstáculos en materia de investimento detectados para cada Estado membro nos informes por país publicados a principios deste ano e debe servir para dar prioridade á utilización dos fondos da UE no próximo orzamento a longo prazo da UE ou no Marco Financeiro Plurianual 2021-2027.

Progresos na aplicación das recomendacións
Desde o inicio do Semestre Europeo en 2011, os Estados membros realizaron polo menos algúns progresos na aplicación de máis de dous terzos das recomendacións específicas por país que se lles dirixiron. A maioría destes progresos realizáronse no marco dos servizos financeiros e as políticas de emprego, mentres que as recomendacións relacionadas coa ampliación da base impoñible, a asistencia sanitaria e a competencia no sector dos servizos mostran un índice de execución particularmente baixo. 

Tendo en conta os retos económicos e sociais que seguen existindo e os riscos de revisión á baixa das perspectivas económicas, é fundamental reforzar a aplicación das reformas en todos os ámbitos para incrementar a resiliencia das economías da UE.

Corrección progresiva dos desequilibrios macroeconómicos
Ademais, continúa o avance na corrección dos desequilibrios macroeconómicos, pero é necesaria unha maior intervención política. Algúns Estados membros seguen rexistrando niveis históricamente elevados de débeda privada e pública, o que reduce a marxe de manobra para facer fronte ás perturbacións negativas. Noutros Estados membros hai indicios dun posible sobrequecemento en relación co dinámico incremento dos prezos da vivenda e o aumento dos custos laborais unitarios. Todos os Estados membros necesitan medidas adicionais para aumentar a produtividade, impulsar o investimento e promover o crecemento potencial.

En febreiro, a Comisión concluíu que 13 Estados membros estaban a experimentar desequilibrios (Bulgaria, Croacia, Francia, Alemaña, Irlanda, Portugal, España, Países Baixos, Romanía e Suecia) e que tres deles estaban a experimentar desequilibrios excesivos ( Chipre, Grecia e Italia). Como en anos anteriores, estes desequilibrios requiren un seguimento específico continuado no marco do procedemento de desequilibrio macroeconómico ( PDM).

Orientacións e decisións no marco do Pacto de Estabilidade e Crecemento
A Comisión tamén adoptou unha serie de medidas conforme ao Pacto de Estabilidade e Crecemento sobre a base da avaliación dos programas de estabilidade e converxencia de 2019. A cámara recomenda que se peche o procedemento de déficit excesivo para España. Unha vez que o Consello Europeo adopte esta decisión, pecharanse todos os procedementos de déficit excesivo que datan dos anos da crise. En 2011, 24 Estados membros estaban suxeitos ao compoñente corrector do Pacto.

A Comisión tamén adoptou informes para Bélxica, Francia, Italia e  Chipre en base ao artigo 126, apartado 3, do Tratado de Funcionamento da UE ( TFUE), nos que examina a súa conformidade cos criterio de débeda e déficit do Tratado. Polo que respecta a Italia, o informe chega á conclusión de que procede aplicar un procedemento de déficit excesivo baseado na débeda. 

Hungría e Romanía foron obxecto dun procedemento por desviación significativa desde 2018 e 2017, respectivamente. A Comisión transmitiu a ambos países a advertencia de que en 2018 observouse unha desviación significativa, e recomenda ao Consello que aconselle á súa vez a corrección da desviación significativa observada.

Finalmente, a Comisión adoptou así mesmo a día de hoxe o Terceiro informe de supervisión reforzada para Grecia, que se puxo en marcha tras a conclusión do programa de apoio á estabilidade do Mecanismo Europeo de Estabilidade. O informe sinala que, desde agosto de 2018, Grecia emprendeu con acerto razoable o período post-programa; pero constata tamén que a aplicación das reformas no país retardouse nos últimos meses, e que a coherencia dalgunhas medidas cos compromisos asumidos fronte aos socios europeos non está garantida, o que pon en perigo a consecución dos obxectivos orzamentarios acordados.

Próximas etapas
A Comisión Europea convida o Consello Europeo a adoptar estas recomendacións específicas por país, e aos Estados membros, a aplicalas completa e oportunamente. O órgano executivo da UE seguirá colaborando coas partes interesadas para garantir unha apropiación ampla e un seguimento e unha aplicación eficaces. Os ministros da UE deberán debater as recomendacións específicas por país antes de que os xefes de Estado ou de Goberno da UE procedan a aprobalas. Corresponderá entón aos Estados membros aplicalas a través das súas políticas económicas e orzamentarias nacionais. As recomendacións específicas por país e a análise subxacente dos informes por país servirán tamén de base analítica para a programación dos fondos da política de cohesión da UE en 2021-2027.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante