Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

07/01/2019

O euro cumpre 20 anos!

4478F_1546880512_DwUAZOXW0AAfZ_c.jpg
Bruxelas. 7 de xaneiro de 2019. O euro, moeda común de Europa, celebrou o 1 de xaneiro de 2019 o seu vixésimo aniversario. Fai vinte anos, o 1 de xaneiro de 1999, once países da UE lanzaban unha moeda común, o euro, e introducían unha política monetaria compartida a través do Banco Central Europeo.

O histórico momento supuxo un fito dentro dunha traxectoria marcada pola ambición de garantir a estabilidade e a prosperidade en Europa. A pesar de estar aínda nos seus anos mozos, o euro é a moeda de 340 millóns de europeos en 19 Estados membros. O euro achegou beneficios tanxibles a fogares, empresas e gobernos: prezos estables, custos de transacción máis baixos, protección dos aforros, mercados máis transparentes e competitivos e auxe do comercio. Uns 60 países de todo o mundo vinculan dunha ou outra maneira a súa divisa ao euro. Unha vez cumpran os criterios, espérase que outros Estados membros ingresen na eurozona.

A historia do euro

O lanzamento do euro culminou un longo percorrido iniciado moito tempo atrás. A inestabilidade monetaria rexistrada en todo o mundo durante as décadas de 1970 e 1980 puxera en perigo aos distintos países europeos e requiría solucións europeas. Ademais, ao establecerse un mercado único, sería máis fácil traballar e  comerciar se os europeos empezaban a utilizar unha divisa única. Tras décadas de debates sobre como alcanzar unha Unión Económica e Monetaria, en 1988 creouse o Comité  Delors. Baixo a dirección do entón presidente da Comisión Jacques  Delors, o Comité estudou medidas específicas e graduais para avanzar cara a esa moeda única. O acordo asinado en 1992 polos líderes políticos en  Maastricht faría nacer o euro a partir do informe do Comité  Delors e as posteriores negociacións. 

Así foi como a firma do Tratado de  Maastricht pasou a ser o momento que simbolizaba a transición ao euro. En 1994, o Instituto Monetario Europeo (IME) emprendeu en Frankfurt os traballos preparatorios para que o Banco Central Europeo (BCE) asumise as súas responsabilidades en materia de política monetaria na zona do euro. Deste xeito, o 1 de xuño de 1998 entraba en funcionamento o BCE.

O 1 de xaneiro de 1999 introduciuse o euro, que pasou a ser moeda oficial de once Estados membros, mentres que o Banco Central Europeo e o  Eurosistema asumían responsabilidades en materia de política monetaria. Tres anos despois de aparecer nos extractos bancarios dos cidadáns xunto ás divisas nacionais, os billetes e moedas de euro chegaron a doce países no que supuxo a maior transición monetaria da historia. Os primeiros membros foron Alemaña, Austria, Bélxica, España, Finlandia, Francia, Irlanda, Italia, Luxemburgo, Países Baixos e Portugal. Grecia incorporouse en 2001. Desde entón introduciron o euro outros sete Estados membros:  Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Letonia, Lituania e Malta.

A segunda moeda máis utilizada no mundo

Desde os primeiros debates, a finais da década dos 60, o euro percorreu un longo treito ata converterse na moeda de 340 millóns europeos, utilizada por outros 175 millóns de persoas en todo o mundo. É a segunda moeda máis empregada no mundo: 60 países úsana ou vinculan a súa divisa ao euro. É valor refuxio para os bancos centrais internacionais, en todo o mundo utilízase para emitir débeda e goza de ampla aceptación para efectuar pagos internacionais.

Dez anos despois de que a crise financeira sacudise o mundo, a arquitectura da Unión Económica e Monetaria europea reforzouse considerablemente, pero queda aínda moito por facer. Partindo da visión exposta no Informe dos cinco presidentes de xuño de 2015 e desenvolta nos documentos reflexión sobre a profundización da Unión Económica e Monetaria e o futuro das finanzas da UE de primavera de 2017, a Comisión Europea publicou unha folla de ruta para a profundización da Unión Económica e Monetaria. En decembro, os dirixentes da UE tamén acordaron traballar para reforzar o papel internacional do euro dentro do mesmo proceso.

Unha moeda única en beneficio de todos os europeos

O apoio público ao euro sempre foi alto na UE, sobre todo nos países que xa o utilizan. O 74 % de enquisados en toda o euro zona declara considerar o euro bo para a UE. Esta cifra iguala o récord alcanzado o ano pasado e confirma que a popularidade do euro está no seu nivel máis alto desde que empezasen as enquisas en 2002. O 64 % de enquisados en toda a eurozona declara así mesmo que considera o euro bo para o seu país. O 36 % dos europeos considera o euro como un dos principais símbolos da Unión Europea, só despois da liberdade como símbolo. 


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante