Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

14/11/2018

Orzamento da UE máis aló de 2020: O PE fixa as súas prioridades

Orzamento UE.png
  • Máis financiamento para mozos, investigación, crecemento e emprego, e loita contra o cambio climático
  • Dotación suficiente para novos desafíos como migración, defensa e seguridade
  • A política agrícola e os fondos de cohesión deben manter o seu orzamento
  • Novas fontes de financiamento directo para reducir a achega dos contribuíntes
Bruxelas, 14 de novembro de 2018. O  PE confirmou hoxe a súa posición negociadora ante a preparación do novo orzamento da UE a longo prazo, con detalles das contías previstas para cada programa.

Os eurodeputados destacan a súa “unidade e disposición” para negociar cos ministros da UE o marco financeiro plurianual 2021-2027, e lamentan que os Estados membros non avanzasen “ significativamente” cara a unha posición común.

Consideran que a proposta da Comisión Europea para o marco financeiro plurianual é un bo punto de partida, pero non suficiente para permitir á UE cumprir os seus compromisos políticos e responder aos grandes desafíos aos que se enfronta.

O pleno estableceu as seguintes prioridades (listaxe non exhaustiva):
  • Unha dotación de 120.000 millóns para o programa de investigación Horizonte Europa (fronte aos 83.500 millóns propostos pola Comisión);
  • Impulsar o Fondo Europeo para Investigacións Estratéxicas, o chamado “plan  Juncker”;
  • Máis fondos para infraestruturas de transporte e pemes;
  • Manter as partida para agricultura e cohesión;
  • Duplicar a dotación contra o paro xuvenil, e triplicar os fondos para Erasmus+
Piden, ademais, que polo menos o 25% do gasto orzamentario se dedique e á consecución dos obxectivos climáticos (o 30% como tarde en 2027).

Unha estrutura de ingresos máis sinxela

Os eurodeputados queren reformar o sistema de obtención de recursos da UE. Na súa opinión, o modelo actual de financiamento directo é “complicado, inxusto, carente de transparencia e totalmente incomprensible para a cidadanía europea”.

O  PE aposta por un novo sistema, máis sinxelo, que permitiría reducir substancialmente a achega dos Estados membros e garantir un financiamento adecuado para a UE. A Cámara tamén quere acabar con todos os reembolsos (como o cheque británico) e mecanismos de corrección.

O pleno quere novas fontes de ingresos, procedentes dun novo modelo de fiscalidade corporativa (incluída a contribución das grandes multinacionais dixitais), do Sistema de Comercio de Emisións e dun novo imposto ao plástico.

O  PE pretende que a negociación englobe tanto os ingresos como os gastos, de maneira que non haberá acordo ata que non se pacten ambos aspectos.

O informe provisional sobre a posición do Parlamento ante a preparación do marco financeiro plurianual 2021-2027, elaborado por Jan  Olbrycht (PPE, Polonia), Isabelle Thomas ( S&D, Francia),  Gérard  Deprez (ALDE, Bélxica) e  Janusz  Lewandowski (PPE, Polonia), foi aprobado con 429 votos a favor, 207 en contra e 40 abstencións.

Próximos pasos

Tras a aprobación da súa posición sobre o marco financeiro plurianual en marzo de 2018, o Parlamento está listo para negociar, e as conversacións poderán dar comezo en canto o Consello adopte unha posición común. A aprobación do novo marco financeiro plurianual require o visto e prace do PE.

Os eurodeputados confían en “alcanzar un bo acordo antes das eleccións europeas de 2019, co obxectivo de evitar problemas na posta en marcha de novos programas polo atraso na aprobación do marco financeiro, como xa ocorreu noutras ocasións”.

Contexto

En torno ao 94% do orzamento da UE está destinado aos cidadáns, as rexións, os concellos, a agricultura e as empresas. O gasto administrativo da UE supón aproximadamente un 6% do total.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante