Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

11/07/2018

A unión económica e monetaria debe fomentar o crecemento ‎ e ser transparente e democrática

4350F_1531312525_roullion.jpg
  • A integración do Pacto Orzamentario nos Tratados da UE debe garantir ‎ unha toma de decisións democrática e preservar o investimento público. ‎ 
  • Necesítase un Fondo de Axudas para o Euro que permita facer fronte ‎ ás ameazas  sistémicas.
Bruxelas, 11 de xullo de 2018. O fortalecemento da unión económica e monetaria (UEM) debe poñer remedio ao seu actual déficit democrático e axudar a reactivar o investimento público, que segue sendo  preocupantemente baixo. Esta é a principal mensaxe transmitida polas rexións e cidades da UE nun ditame aprobado o 5 de xullo no pleno do Comité das Rexións (CDR), a asemblea da UE que representa aos entes locais e rexionais.

Por mor da crise financeira de 2012 acordáronse unhas normas de coordinación orzamentaria máis estritas. Estas normas están a incorporarse agora aos Tratados da UE, xunto con novas disposicións que converten parcialmente o Mecanismo Europeo de Estabilidade intergobernamental nun Fondo Europeo e introducen a figura do Ministro europeo de Economía e Finanzas. As implicacións destas propostas da Comisión Europea a efectos das rexións e cidades foron obxecto de avaliación por parte do Comité nun ditame elaborado por  Christophe  Rouillon, alcalde de  Coulaines.

A inclusión entre os Tratados da UE do Tratado de Estabilidade, Coordinación e  Gobernanza na Unión Económica e Monetaria (TECG) —coñecido comunmente como o Pacto Orzamentario— debía levarse a cabo á luz da avaliación da súa aplicación. O  CDR critica o feito de que, ao parecer, esta avaliación non se realizou ou non se fixo pública, e que a proposta presentada pola Comisión Europea desdeña por completo o baixo nivel persistente de investimento público, que caeu do 3,4 % do PIB da UE en 2008 ao 2,7 % en 2016.

Dado que os investimentos públicos son, a miúdo, os máis afectados pola consolidación orzamentaria, os dirixentes locais esixen que as novas normas proporcionen a flexibilidade necesaria e apoien, en particular, a capacidade investidora dos entes locais e rexionais. Desde esta perspectiva, o Pacto de Estabilidade e Crecemento (PEC) non debe considerar como gasto estrutural a  cofinanciación de proxectos apoiados polos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos, polo programa de redes  transeuropeas (RTE) ou polo Mecanismo «Conectar Europa». Esta disposición xa se introduciu para as contribucións nacionais ao Fondo Europeo para Investimentos Estratéxicos.

Os líderes locais apoian a incorporación do Mecanismo Europeo de Estabilidade —carente de transparencia e exposto a bloqueos e  vetos— ao dereito primario europeo, con asunción de responsabilidades ante o Parlamento Europeo. Estes dirixentes apoian firmemente a proposta da Comisión para que as decisións importantes en relación, por exemplo, coa concesión de axuda financeira, se adopten por unha maioría ponderada do 85 % e non por unanimidade como ata agora.

En opinión das rexións e cidades da UE, a proposta de crear a figura do Ministro europeo de Economía e Finanzas contribuiría a unha maior rendición de contas democrática e a facer máis comprensible a  gobernanza da  UEM. Con todo, o seu papel debería definirse adecuadamente ao obxecto de evitar unha maior centralización da toma de decisións fiscais.

En calquera caso, só é posible afrontar o déficit democrático da  UEM se se mostra aos cidadáns europeos que esta tamén apoia o principio do progreso social e que o emprego, o crecemento salarial e as normas sociais non se consideran temas de segunda orde fronte ás preocupacións de índole macroeconómica e orzamentaria.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante