Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

06/10/2017

A Comisión apoia un aumento das competencias do Banco Central Europeo para cumprir as súas responsabilidades de política monetaria

Sede central del Banco Central Europeo en Fráncfort del Meno. © Unión Europea
  • A Comisión móstrase a favor dun aumento das competencias do BCE en materia de sistemas de compensación para cumprir as súas responsabilidades de política monetaria
  • Mediante a proposta de modificación dos seus Estatutos, o BCE persegue incluír os sistemas de compensación de instrumentos financeiros nas súas competencias normativas
  • Este importante cambio permitirá ao BCE cumprir plenamente as funcións que se lle confiran nos Tratados

Bruxelas, 6 de outubro de 2017. A Comisión Europea emitiu este martes un ditame favorable sobre a Recomendación do Banco Central Europeo (BCE), do 23 de xuño de 2017, na que o BCE solicitou un papel máis importante na regulación dos sistemas de compensación de instrumentos financeiros, por exemplo, no que respecta ás entidades de contrapartida central (ECC), propoñendo modificar o artigo 22 dos seus Estatutos.

Mediante o ditame, a Comisión acolle moi favorablemente a iniciativa de proporcionar ao BCE unha clara competencia normativa no ámbito da compensación centralizada. Mediante a proposta de modificación dos seus Estatutos, o BCE persegue incluír os sistemas de compensación de instrumentos financeiros nas súas competencias normativas. Este importante cambio permitirá ao BCE cumprir plenamente as funcións que se lle confiran mediante a recente proposta da Comisión relativa á modificación do Regulamento sobre a infraestrutura do mercado (EMIR). Na súa Carta de intencións de setembro de 2017, o presidente da Comisión, Jean-Claude Juncker, instou o Parlamento Europeo e ao Consello a que adoptasen rapidamente a proposta de modificación do Regulamento EMIR e a Recomendación do BCE de modificar o artigo 22.

No seu ditame, a Comisión recomenda tamén algúns pequenos axustes á proposta do BCE para subliñar a necesidade de coherencia entre as competencias normativas do BCE, do Parlamento Europeo, do Consello e da Comisión no que respecta aos sistemas de compensación.

O Parlamento Europeo e o Consello estudarán agora, para a súa adopción, as modificacións propostas dos Estatutos do BCE con arranxo ao procedemento lexislativo ordinario, grazas a un procedemento simplificado en virtude do artigo 129, apartado 3, do Tratado de Funcionamento da Unión Europea. Tal e como o presidente Juncker subliñou no seu Discurso sobre o Estado da Unión do 13 de setembro, o recurso ás posibilidades ofrecidas por este tipo de cláusulas, a saber, a posibilidade de modificacións técnicas no Tratado, no marco do procedemento lexislativo ordinario, constitúe unha importante ferramenta para permitir unha toma de decisións máis rápida e eficaz na UE.

 

Antecedentes

Recomendación do BCE

Na súa Recomendación do 23 de xuño, o BCE propuxo que se modificase o artigo 22 dos Estatutos do Sistema Europeo de Bancos Centrais e do Banco Central Europeo do modo seguinte:

«O BCE e os bancos centrais nacionais poderán proporcionar medios, e o BCE ditar regulamentos, destinados a garantir uns sistemas de compensación e liquidación eficientes e solventes, e uns sistemas de compensación de instrumentos financeiros, dentro da Unión, así como con terceiros países».

A Recomendación suxire, en particular, que se confiran ao BCE competencias normativas para adoptar avaliacións vinculantes e esixir a adopción de medidas correctoras, en estreita cooperación con outras autoridades da UE. Ademais, cando resulte necesario a fin de protexer a estabilidade da zona do euro, o BCE debe ter competencias normativas para adoptar esixencias adicionais en relación coas entidades de contrapartida central que interveñan na compensación de importes considerables correspondentes a operacións denominadas en euros. O BCE tamén destaca que esta nova tarefa debe realizarse unicamente con fins de política monetaria.

O Tratado de Funcionamento da Unión Europea (artigo 129, apartado 3, obriga á Comisión para presentar un ditame sobre esta Recomendación. O Parlamento Europeo e o Consello deben pronunciarse a continuación sobre a modificación.

 

Revisión en curso do Regulamento Financeiro

A Recomendación do BCE e o ditame da Comisión presentado deben considerarse no contexto da proposta lexislativa da Comisión do 13 de xuño de 2017 dirixida a revisar o Regulamento sobre a infraestrutura do mercado (EMIR) (Regulamento n.º 468/2012).

As reformas específicas propostas están encamiñadas a mellorar a estabilidade financeira da Unión Europea. As entidades de contrapartida central xa están ben reguladas e equipadas para facer fronte a dificultades financeiras, grazas a unha serie de medidas adoptadas por mor da crise financeira. Con todo, son necesarias aínda algunhas modificacións para garantir unha supervisión máis coherente e rigorosa das entidades de contrapartida central de Europa e de terceiros países, así como para facer fronte ás dificultades que xurdan. As ECC convertéronse nun elemento sistémico do sector financeiro e a súa importancia é cada vez maior. Ademais, a próxima retirada do Reino Unido da Unión Europea terá consecuencias significativas para a regulación e a supervisión da compensación en Europa.

A modificación recomendada dos seus Estatutos permitirá ao BCE desempeñar plenamente as responsabilidades que a proposta lexislativa da Comisión contempla para os bancos centrais de emisión no proceso de autorización, recoñecemento e supervisión das entidades de contrapartida central con sede tanto dentro como fóra da UE.

Ditame da Comisión sobre a Recomendación do Banco Central Europeo relativa á modificación do artigo 22 dos Estatutos do Sistema Europeo de Bancos Centrais e do Banco Central Europeo

Fonte: Comisión Europea


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante