Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin



Campaña "É o teu momento". Fonte: Fundación Galicia Europa


O pasado 9 de maio, con motivo do Día de Europa, as tres institucións europeas (Consello, Comisión e Parlamento Europeo) inauguraron a Conferencia sobre o futuro de Europa na sede do Parlamento en Estrasburgo. Este novo foro temporal de debate ten como obxectivo dar aos cidadáns a oportunidade de definir como será a Unión Europea do futuro. Ata a primavera de 2022, recolleranse e debateranse as opinións dos cidadáns sobre as políticas europeas e o rumbo que a Unión terá que tomar nos vindeiros anos. 

Na declaración conxunta asinada o 10 de marzo polas tres institucións, inclúese unha lista non exhaustiva de temas que a Conferencia poderá abordar e nos que a UE ten competencias para actuar: saúde, cambio climático, xustiza social, transformación dixital... 

Podes ver de novo o acto inaugural na seguinte ligazón.

Como funciona a Conferencia?

Os órganos principais da Conferencia son os paneis cidadáns, o pleno, o comité executivo e os eventos ou paneis cidadáns que se celebren a nivel nacional, rexional e local.
  • Os paneis cidadáns son o elemento central e máis innovador da Conferencia. Serven como espazos de debate e presentación de propostas por parte da cidadanía. Están formados por 200 persoas seleccionadas de maneira aleatoria, nos que un terzo está composto por mozos e mozas de entre 16 e 25 anos. Conformáronse catro paneis para abordar os seguintes temas: 1) valores, dereitos, estado de Dereito, democracia e seguridade; 2) cambio climático, medio ambiente e saúde; 3) unha economía máis forte, xustiza social, emprego, educación, xuventude, cultura, deportes e transformación dixital; e 4) a Unión Europea no mundo e migracións. Os catro paneis vanse reunir tres veces entre setembro de 2021 e xaneiro de 2022. 
  • O pleno da Conferencia é o órgano que vela por que se debatan as recomendacións nacionais e europeas. O pasado 9 de maio aprobouse o regulamento que establece a súa composición: dun total de 433 membros, 108 son representantes do Parlamento Europeo (dos que 10 son españois), 54 do Consello (dous por cada Estado membro), 3 da Comisión Europea, 108 dos parlamentos nacionais, 108 cidadáns (80 persoas dos paneis cidadáns, 27 representantes dos eventos nacionais e o Presidente do Foro Europeo da Xuventude), 18 do Comité das Rexións, 18 do Comité Económico e Social, 8 interlocutores sociais e 8 representantes da sociedade civil. O Alto Representante da Unión para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade tamén participará cando se debata o rol internacional da UE. O pleno reunirase seis veces entre xuño de 2021 e marzo de 2022. Os paneis 1 e 2 farán recomendacións ao pleno de decembro, e os paneis 3 e 4 ao de xaneiro. O de febreiro traballará nas propostas finais para remitilas ao comité executivo. En marzo terá lugar a última sesión plenaria.
  • A Conferencia está suxeita á autoridade das tres institucións asinantes, que exercen unha presidencia conxunta. Creouse un comité executivo que dirixe os traballos, prepara as reunións do pleno, publica as conclusións e presentará, na primavera de 2022, un informe sobre o resultado final da Conferencia. Este comité está composto por tres representantes de cada institución, estando copresidida por: 
    • Ana Paula Zacarias, secretaria de Estado de Portugal para Asuntos Europeos, en representación da actual Presidencia do Consello.  
    • Dubravka Šuica, vicepresidenta da Comisión para a Democracia e a Demografía, en representación da Comisión Europea. 
    • Guy Verhofstadt, voceiro do grupo político liberal Renew Europe, en representación do Parlamento Europeo.
O comité conta tamén con catro observadores, entre os que se inclúen os comités consultivos (Comité das Rexións e Comité Económico e Social).  España, que exercerá a Presidencia do Consello no segundo semestre de 2023, ten un posto de observador.
  • Tamén se celebrarán eventos e paneis nacionais, rexionais e locais, organizados por cada Estado membro para realizar achegas á Conferencia. A participación cidadá nestes actos é unha peza fundamental e ten que ter como obxectivo reflectir a diversidade europea. Para tratar de que as ideas expresadas nos actos se traduzan en recomendacións concretas, estableceuse unha plataforma dixital multilingüe na que se recollen as contribucións de todos os eventos celebrados.
Que se está a facer en Galicia?

Desde a Fundación Galicia Europa, o pasado 10 de maio de 2021, organizamos o acto “Fai oír a túa voz", con motivo da celebración do Día de Europa e da inauguración da Conferencia. O acto, que contou coa participación de representantes galegos e portugueses, tiña como obxectivo informar sobre a Conferencia en Galicia e implicar á xuventude de maneira activa nos debates e eventos que se celebrarán no marco da Conferencia. Na seguinte ligazón podes ver o evento de novo. 


Acto de lanzamento da Conferencia sobre o Futuro de Europa en Galicia e Norte de Portugal. 
Fonte: Fundación Galicia Europa

Este primeiro acto enmarcábase nunha acción conxunta entre doce entidades galegas e portuguesas, lideradas pola Fundación Galicia Europa e o Europe Direct de A Coruña, co obxectivo de facer difusión da Conferencia en ambas rexións e animar á participación, especialmente da mocidade e no tema específico da cooperación transfronteiriza. Baixo o lema #ÉotEUmomento, esta campaña conxunta prevé a publicación dun vídeo promocional cada 15 días para chamar á participación xuvenil da Eurorrexión. O primeiro foi elaborado e publicado pola Fundación Galicia Europa o 31 de maio (ver aquí). 

As entidades que forman parte desta acción conxunta son: AECT Galicia–Norte de Portugal; Asociación EU Coopero; Eurocidade Chaves–Verín; Europe Direct A Coruña; Europe Direct Bragança; Europe Direct do Tâmega, Sousa e Alto Tâmega; Europe Direct Lugo; Europe Direct Minho; Federação Nacional de Associações Juvenis (FNAJ); Fundación Galicia Europa (FGE); Instituto Galego do Talento (IGATA); e Instituto Português do Desporto e Juventude (IPDJ).

A FGE presta tamén apoio á Xunta de Galicia na súa colaboración coa Secretaría de Estado para a UE do Ministerio de Asuntos Exteriores e co Comité Europeo das Rexións para achegar as contribucións galegas a este gran foro de reflexión.

O rol das entidades rexionais e locais

O Comité das Rexións comprométese a achegar unha contribución específica á Conferencia sobre aqueles asuntos que máis interesan aos entes locais e rexionais, polo que traballa en diversos eidos como:
  • O debate sobre como reforzar o impacto e influencia dos entes locais e rexionais no proceso decisorio comunitario. Para iso, o  CDR creou un Grupo de Alto Nivel sobre Democracia Europea, que está presidido polo antigo presidente do Consello Europeo, Herman van Rompuy. 
  • A realización dunha ampla enquisa pública para coñecer a opinión da cidadanía sobre a  UE, o seu rol, función e futuros retos.
  • A organización de debates nas súas reunións de comisións e sesións plenarias. Os seus grandes eventos anuais como a Semana Europea das Rexións ou a EuropCom estarán tamén centrados na Conferencia.
  • A adopción de ditames e resolucións relativos á Conferencia, como a aprobada no pleno do mes de marzo. 
  • O apoio na organización de paneis cidadáns a nivel local e rexional. 
  • A organización de diálogos locais nos Estados membros como o organizado o 9 de maio en Estrasburgo.
  • A designación dun responsable por rexión e municipio que informe sobre os actos e debates que están a ter lugar.
Os resultados destes traballos debateranse no 9º Cumio Europeo de Rexións e Cidadáns que ten previsto celebrarse en febreiro ou marzo de 2022 en Marsella, onde se aprobará a contribución final do CDR á Conferencia. 

A contribución da xuventude á Conferencia sobre o futuro de Europa

Co obxectivo de darlle voz á mocidade na Conferencia, os días 8 e 9 de outubro celebrarase unha edición especial do European Youth Event (EYE2021), que reunirá na sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo a máis dun cento de mozos e mozas de entre 16 e 30 anos  de diferentes puntos da xeografía europea. Organizado pola Youth Outreach Unit do Parlamento Europeo, o encontro celebrarase de maneira presencial, pero estará complementado por actividades en liña para asegurar unha máxima participación.

No EYE 2021 debateranse as suxestións da xuventude europea recollidas desde 2018 na plataforma YouthIdeas.eu.  As ideas que reciban maior apoio e número de votos (tanto na plataforma como no evento presencial), incluiranse nun informe final que se presentará aos membros e representantes da Conferencia sobre o futuro de Europa.

Traballo complementario do Consello 

O pasado 17 de maio tivo lugar en Coímbra a primeira reunión do grupo chamado “Ministros para o Futuro”, liderado polo vicepresidente da Comisión Europea Maroš Šefčovič. Composto polos ministros europeos de Asuntos Xerais, nesta primeira reunión debateron sobre a autonomía estratéxica da Unión e inauguraron a Rede Paneaeuropea de Prospectiva (EU-wide Foresight Network), que ten como obxectivo reforzar as capacidades de previsión da Comisión Europea e dos Estados Membros ante futuros retos e desafíos.  

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante